DocumentosVolver a Organización Obreira (OO) e as loitas de 1972 en VigoVolver a Actualidade / Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo
Vigo, 15 de outubro de 2001

Conflito en Talleres Kober e Barreras
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



No mes de abril deuse un conflito nunha pequena empresa, Talleres Kober, adicada a montaxes e reparacións eléctricas, cun cadro de persoal de 35 traballadores. As condicións laborais nesta factoria eran noxentas. Existian problemas tanto en matéria de seguridade e hixiene, como de falta de recoñecimento das categorias; praticamente todos estaban como peóns.

Un dos peóns, canso desta ilegalidade (xa que facian traballos de oficial) negouse a seguir realizando tarefas que non lle correspondian, polo que foi despedido. Ante esta represión, os demais pararon. Despois de 17 dias de folga, a patronal cedeu, conseguindo non só evitar o despedimento, senón 2.000 pesetas de aumento salarial para todas as categorias, e mellores condicións de seguridade –afastouse o taller das liñas de alta tensión eléctrica–. Á fronte desta loita estaban tres militantes de OO: Laracho, Pirri e Rana. Este triunfo serviu para aglutinar máis ós militantes de OO no intre inicial, e darlles unha tarxeta de apresentación ante os traballadores de Vigo.

No mes de maio comeza unha nova loita, que se alongaria a outras empresas da cidade. Neste caso a muxica chouta en Barreras, que estaba a negociar o seu convénio colectivo, onde se decide unilateralmente adiantar as vacacións ao dia 15 de maio (arguméntase que hai pouca carga de traballo). As vacacións eran desfrutadas normalmente nos meses de xullo ou agosto. Os operários ven nisto unha manobra da empresa coa finalidade de negociar sen presión, polo que deciden parar o dia 9 de maio e apresentar unha demanda na Maxistratura. A folga continua o dia 10.

O dia 15 faise unha xuntanza na casa sindical desde as 6 ás 8 horas do serán co fin de achar unha conciliación entre as partes, mentres os operários agardan abaixo os resultados da negociación coa dirección da empresa. A patronal propón dar horas extras en troca do adianto das vacacións. Non hai acordo de conciliación, nen sobre as vacacións, nen sobre o convénio, xa que a empresa oferecia un aumento do 8% cunha duración de 2 anos. A proposta significaba que un peón pasaria das 214 ás 229 ptas/dia, mentres que as reivindicacións eran dun salário mínimo de 400 ptas/dia, xubilación aos 60 anos, un mes de vacacións, semana laboral de 42 horas, pagas extras dun mes, reincorporacion ao traballo dos sancionados por distintos motivos.

O venres 19 reinícianse as negociacións. A empresa solicita que se lle permita adiantar as vacaciáns ao mes de maio, para unha primeira quenda da división do estaleiro, e ao mes de xuño para unha segunda quenda da división de motores. Argumentaba a patronal que habia falta de traballo por mor de que a chapa adquirida para a construción da plataforma petrolífera non posuía os requisitos pactados, polo que tivo que facer un novo pedido, asi como que a carteira de pedidos en motores era cativa. Ese mesmo dia e mais o dia seguinte hai un paro parcial; entrementres, continuan as xuntanzas sen nengun resultado positivo.

O dia 22 continua o paro, que é total; só alguns operários fan o choio no barco “Toula”, pero ante a presión do resto do cadro de persoal incorpóranse á folga. Ás 7:30 do serán a dirección coloca un cartel na porta que di [en español]: “A empresa pecha por graves e reiteradas perturbacións de orde laboral que impeden o proceso normal de produción”. Isto entraba dentro dos planos da empresa ao non conseguir que se aceitase o adianto das vacacións que solicitara. Cando chegou a quenda das 20 horas, xa non puido traballar.

O dia 23 as portas da factoria están pechadas, polo que os operários deciden sair en manifestación e pedir solidariedade ás principais fábricas da cidade. “Cumpre subliñar aqui o papel salientábel dos militantes de OO, especialmente de Ramón González Costas “Dentones” (Valentin), que se enfrentaron ás posturas do PCE que non queria que a protesta saíse dos marcos da empresa”(
1). A mobilización foi reprimida polas FOP (forzas de orde pública), pero os traballadores volvianse a reagrupar, percorrendo as fábricas de Vigo. “Dirixímonos en dirección a Bouzas para dar a coñecer o problema ás diferentes fábricas e a todo o povo. Pasamos por diante das empresas: Santo Domingo, Armada, Cardama e Freire. Antes de chegar a Bouzas a policia armada interrompe a manifestación e afasta a alguns que posteriormente se xuntan ao groso da marcha. Atravesamos o Polígono de Coia e antes de chegar a Citroën facemos un alto para realizar unha asemblea. En Citroën chega a forza represiva en dous jeeps e corta a manifestacion polo que se decide ir pola beira para evitar que seguisen cargando, pero estes dan orde de que nos dispersemos. Dirixímonos a Vulcano onde as FOP cargaron de novo, primeiro fronte á empresa e despois no Toural. Algunhas persoas sofreron lesións”(2).

O dia 24 seguiran as marchas dos operários e para meia hora Vulcano. No resto das factorias bótanse panfletos e procúrase realizar asembleas co fin de procurar solidariedade. O dia 24 Vulcano volve a parar de 7 a 11:30, Freire de 13 a 16 e Vanosa de 11:30 a 16:30, Álvarez e Yarza. Despois de se xuntar ás 8 da mañá na porta da empresa, fórmanse 3 manifestacións que se dirixen á Escola de Enxeñeria técnica, Bouzas e Rua Coruña, para iren logo todos a Vulcano. Un grupo que se manifestou no centro da cidade foi dividido en várias ocasións polas FOP, polo que se optou por realizar saltos de pequenos grupos. Ás 6 do serán atopámonos en Sindicatos para presionar a negociación. Ese dia houbo cartas de despedimento a alguns dos obreiros das contratas. Entre as contratas estaban Sonaval (93 operários), Prefnaval (58 operários).

O dia 25 súmanse ao paro Refrey e Santo Domingo. A ampliación do conflito iase efectivizando, e o dia 26 xa habia case que 6.000 traballadores en folga, pero faltaba por que se sumase Citroën, que era a empresa máis grande de Vigo cun cadro de persoal de 4.500 operários.

Cada vez recorriase máis por parte dos obreiros aos "saltos”, ou sexa mobilizacións nun lugar determinado da cidade nas que se agrupaba a xente con toda rapidez e facia unha manifestación moi rápida, co fin de evitar que chegase a policia, mallase nos manifestantes e fixese detencións. Tamen se realizaban cortes de tráfico, co material que houbese nos arredores, por exemplo tixolos de obras próximas, bidóns, etc. A policia non andaba con contemplacións para reprimir estas protestas, “asi, no Calvário, cando un comando de traballadores cortou o tráfico, viñeron os ‘especiais’ e comezaron a repartir trancazos sen facer distinción en se eran mulleres ou nenos... a indignación foi tan grande no bairro que a xente lles botaba macetas desde os balcóns, unha das cais fendeulle a testa a un 'especial'. Os detidos eran levados a comisaria e moídos a golpes, pisadas nos pés e patadas nas canelas”(
3).

O sabado, dia 27, sae unha nota no xornal que di que o luns van abrir as portas de Barreras e reiniciarse a negociación do convénio. Ese dia achéganse os traballadores á empresa para reincorporarénse; faise unha asemblea previa na que se informa de que hai detidos, polo que se decide non entrar a traballar mentres non sexan liberados. Realízanse novas mobilizacións polas portas das factorias solicitando solidariedade. A folga esténdese axiña pola cidade, parando: Vulcano, Refrey, Freire, La Artística, Reyman, Santo Domingo e outras, e, por fin, detense a actividade totalmente en Citroën. “Neste última fábrica o Director, Juan M. Pombo Angulo, e o Xefe de Persoal, Zapatero, intentan que continue a actividade, pero non o conseguen, polo que deciden desaloxar a empresa despois de 3 horas de paro. Os empregados das oficinas, salvo algunhas excepcións, seguiron a choiar como se non pasase ren, polo que houbo que os presionar para que saísen. Fíxose unha marcha e ao chegar á altura das ruas Garcia Barbón e Pontevedra xuntouse con outra que viña de Barreras; ali sentíronse berros de "levan a Ramón!". Era certo; Ramón González (Valentín) ia detido por un inspector da social; achegáronse vários militantes de OO (“Napo”, “Castelao”) e quitáronllo das mans. O resto do dia foi de “saltos” e comandos por toda a cidade.

O paro continua en Barreras e total ou parcialmente noutras empresas da cidade; fíxose un maior esforzo o martes dia 30: “Citroën non encetou o traballo, desaloxando a factoria ás 10 horas da mañá, Refrey foi desaloxada ás 12 horas. Pararon ademais Álvarez, Santo Domingo, Plásticos de Galicia... Ese dia houbo un acordo sobre o convénio colectivo, polo que o dia 31 remata a folga e éntrase a traballar. “Os xurados chegaron a un acordo no convénio. O acordo refírese a un aumento salarial anual do 17%. Ao cabo do ano será revisado. Todos os demais pontos están ainda en discusión... Todas as sancións foron levantadas”(
4).
 
 

 
Notas:

(
1) Do documento de militantes de OO.

(
2) Terra e Tempo de maio de 1972.

(
3) Do documento de militantes de OO.

(
4) Terra e Tempo de maio de 1972. Trae unha información moi completa, dia a dia, asi como as reivindicacións e propostas.
 
Volver a Organización Obreira (OO) e as loitas de 1972 en VigoVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/10/2001