DocumentosVolver a Organización Obreira (OO) e as loitas de 1972 en VigoVolver a Actualidade / Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo


Vigo, 15 de outubro de 2001

A folga de setembro en Vigo
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



Setembro do 72: para Citroën para librar os sábados á tarde

Despois do éxito das mobilizacións durante a primeira metade do ano, os militantes de Organización Obreira sentianse cheos de desexos de levar a termo accións máis fortes, que permitisen tumbar dunha vez o réxime franquista. O que non podian agardar é que as novas accións se ian precipitar por mor das decisións de Comisión Obreiras na empresa Citroën.

En decembro de 1997 negociárase o convénio colectivo en Citroën e, ante as diferenzas, racha a negociación. Hai un acto de conciliación e a autoridade laboral dita as normas de obrigado cumprimento.

O xurado de Empresa estaba composto por:

Presidente: Juan M. Pombo Angulo, director da empresa.
Secretário: Gerardo López Núñez.
Vocais: Francisco Diéguez Pais, Manuel Pérez Pérez, José Rodríguez Fernández, Benedicto Nogueira Rey, Oswaldo Faginas Oya, José Rabadán González, Luís Costas Goberna, Felipe Iglesias Cameselle, Juan Delgado Lamela. Destes, catro eran do antigo xurado (achegados á empresa), 2 de CCOO, 1 de OO e 1 da UPG. Actuaba como asesor o Sr. Zapatero (xefe de persoal).

Entre as reivindicacions da parte social estaba a xornada de 44 horas, 41 horas efectivas á semana, 21% de aumento salarial. A empresa oferecia un aumento do 9,5%, que nalguns casos quedaba reducido a un 7%, e unha xornada de 2.104 horas anuais, ou sexa 45 1/2 á semana.

Moito se ten falado de como e porque encetou o paro en Citroën en setembro de 1972, que seria a causa da gran folga xeral que durante duas semanas axitou a cidade de Vigo, e deu en que os ollos de moitos democrátas se fixasen en Galiza. Asi, mentres que desde OO se indica que foi unha montaxe do PCE para afortalar a sua política de reconcilización de clases e pacto pola liberdade, desde CCOO dan-se motivos exclusivamente laborais(1), que son retrucados desde OO co argumento de que durante a negociación do convénio non se fixo presión nengunha sobre un tema que meses despois ia ser a causa dun “paro á brava”. O certo é que o dia 8 apareceron pola fábrica panfletos asinados por Comisións Obreiras convocando a un paro ao dia seguinte indicando que non se tiña que traballar o sábado á tarde.

O dia 9 “o persoal da segunda quenda apresentouse normalmente ao traballo ás 14 horas pero ante a atitude de determinados traballadores deron en producirse paros nalguns talleres... Perante esta situación a empresa requereu á Inspección de Traballo... a cal requereu a normalidade laboral... O dito requeremento non foi obedecido, chegando o paro até un 70% do cadro de persoal na segunda quenda... A empresa viuse obrigada a proceder, de acordo coa disposicións legais vixentes, ao despedimento de cinco produtores e a apertura de expediente a outros catro, como mínima medida disciplinária..”(2).

A medida represiva da empresa, que despedia a cinco traballadoers e abria expediente a catro membros do Comité, axiña foi coñecida en todo Vigo. OO reunia o seu Comité Central e mais o CZ afectado asi como aos responsábeis políticos en Citroén. Asemade conectábase con CCOO para artellar conxuntamente as medidas para o luns dia 11. Esquecianse asi, momentaneamente, as diferenzas entrambas as organizacións.

Decidírase facer unha asemblea cos traballadores da quenda de maña á entrada da empresa e repartir un panfleto dentro. Quedárase en estar ás 5 da mañá, mais daquela xa habia unha morea de operários que estaban dentro, polo que para evitar que seguisen entrando se decidiu facer un cordón, forzando asi o paro; esta actitude seica non foi compartida por alguns militantes do PCE que ollaban desde a beira e berraban consignas. A policia que estaba estacionada perto da porta da factoria decidiu entón intervir facendo unha carga, que ciscou os traballadores por toda a Zona Franca e o estádio de Balaídos; isto provoucou que moitos dos que entraran saísen, e fosen pechadas as portas da empresa. Os operários agrupáronse na ponte de Balaídos e comezaron a se manifestar, volvendo a policia a cargar, polo que houbo un repregue até a avenida de Fragoso, onde lle fixeron fronte ás FOP con pedras e os obrigaron a recuar.

Despois destes incidentes fíxose unha manifestación que pasou por Beiramar, a fin de solicitar a solidariedade dos estaleiros, até o edifício de Sindicatos. Á altura de Santiago De Vigo foron detidos pola policia, que permitiu que o xurado de empresa se achegase a Sindicatos a entrevistarse co delegado, mentres os traballadores agardaban na Alameda. Daquela, habia en Vigo uns 80 policias, por iso a atitude “conciliadora”; outra cousa seria cando chegasen os “especiais”.

Á unha e meia do meiodia concentráronse outra volta os piquetes ante a porta de Citroën á espera da quenda de tarde. Despois de facer unha asemblea, decidiuse non entrar á factoria. Ese mesmo dia sumáronse várias fabricas á folga: Vulcano, Santo Domingo, álvarez, Artiscar e Barreras. Ou sexa, sobre 10.000 traballadores en paro.


Cronoloxia dunha folga: o auxe

Martes 12: van ao paro tamén Freire, Yarza. Ascón e Refrey. “A primeira hora da mañá producíronse choques entre as FOP e numerosos grupos de produtores estacionados ante a entrada de Citroën, choques dos que resultaron polo menos duas persoas detidas... polo serán outros grupos fóronse concentrando nos Caños, onde tamén se tiñan rexistrado incidentes á mañá...”(3).

Mércores 13: ese dia, ante a atitude de non entraren dos obreiros da Citroén, péchanse as portas da factoria, que non se volverán abrir deica o remate do conflito. A policia fai ese dia unha carga para desaloxar os traballadores que causa moitos mancados... Os traballadores respostan guindando pedras. Ese dia o paro xa abranxe sobre 6.000 operários.

Xoves 14: a folga é case que total na cidade. A prensa fala de 15.000 obreiros en paro(4). Piquetes de traballadores en paro achéganse ás obras en construción, estendéndose a este sector a folga, asi como ao Porriño, co fin de acadar a solidariedade na zona industrial desta vila. Mentres, realízase unha gran manifestacion nas ruas de Vigo. Xurdiron ese dia algunhas alternativas (utópicas) realizadas polos cadros de OO como tomar o Concello e o Governo Militar e formar un Governo Provisório Galego. Iniciativas que se daban xa que a policia estaba desbordada e a que se tomara durante unhas horas o Concello. Esa noite chegaran a Vigo duas bandeiras de policias “especiais” chegadas de Valladolid, asi como 500 gardas civis, que veñen das vilas do arredor e de fóra. Desde este intre as mobilizacións serian imposíbeis, e os traballadores terian que se mover en pequenos grupos e actuar tipo guerrilla. A prensa fala de enfrontamento entre as FOP e grupos de traballadores; o principal deuse cando a policia armada entrou a desaloxar os folguistas en Sindicatos... “Seica houbo vários mancados e algunas persoas foron detidas”(5). Fala a prensa tamen de choques na avenida de Madrid, Atlántida e Travesia de Vigo, fronte ás instalacións de Fenosa; asi como que se levantaron barricadas en Garcia Barbón, A Florida e praza de España. Dáse a cifra de 15 detidos na xornada.

Vernes 15: a folga é total en Vigo. Actuan piquetes para parar o transporte urbano; para evitar a actuación dos folgusitas ia en cada autobus unha parella de garda civis. A prensa fala da convocatória dunha manifestacion para as 7 e meia do serán na Porta do Sol(6), que non se realizou por estar vixiada a zona pola policia. Os xornais fan referéncia tamén a que ás 13 empresas que pararon o xoves se sumaron: Fumens, Press man, Frigoríficos de Vigo, Manuel Riego, Unión Cristalera, Flex, Carnaud y Villerías, asi como vários varadoiros de beiramar e algunhas obras de construción(7). Ese dia tanto CCOO como OO espallan panfletos pola cidade. “Nas que reparte OO chama ao paro a todos os traballadores que ainda non o fixesen e pedindo a solidariedade dos compañeiros de Vitrasa”(8).

Sábado 16: o paro continua a ser total. Ese dia únense á folga: Massó de Cangas, La Artística, Talleres Valiño e Procsa e Dreslock do Porriño. Unha manifestacion que fora até Ascon, en Teis, para forzalos a parar é interceptada pola policia que carga contra os traballadores. Os operários refúxianse no Mercado onde entran os grises para os desaloxar... sendo recibidos por unha chúvia de peixes e froitas botadas polas vendedoras en solidariedade cos folguistas... Os grises tamen mallaron nelas.

Hai unha xunta na Madroa. Está agardando a Garda Civil. Disparos ao ar. É detida xente. Son espalladas panfletos feitos pola policia e a patronal pedindo que se volte ao traballo. Están asinados como “Organización de Trabajadores Libres”... Corte de tráfico na Porta do Sol. Piñeiros na estrada Vigo-Vincios(9).

Ese dia Citroën, pola prensa, convoca os operários para cobrar a quincena atrasada. Só cobrou a metade do cadro de persoal, xa que o resto non se achegou ao ver que a factoria estaba fortemente vixiada, polo que temeron cair nunha trampa. No sindicato vertical estábanse realizando conversas entre os xurados e a direccións das empresas, mais sen un resultado positivo xa que a patronal mantiña unha postura dura e queria “facer un bo escarmento”. Pola sua parte o PCE buscaba a igrexa como intermediéria para atopar a mellor saída posíbel(10).

Este dia CCOO convocou unha asemblea aberta na Madroa, que, non podia ser doutro xeito (estábamos en ditadura), estaba tomada pola Garda Civil. Total, houbo 22 detencións, mallada e tiros a todo o que fuxia... ainda que, por sorte, non houbo nengun ferido máis que por caídas. Os xornais falan de incidentes leves acontecidos na Madroa(11).

Luns 18: a situacion de paro continuou forte nas grandes empresas, pero nalgunhas máis pequenas, por presión da patronal, os operários voltaron ó traballo, como: Flex, Dreslock, Presman, Talleres Baliño, Talleres Alonarti... pero, en troques, sumáronse o Grupo Regojo de Redondela e Pontesa de Ponte Sampaio. Ese dia ás 15 horas un piquete esperou os de Ascón Meira, que non pararan en todo o conflito; a policia secreta intentou deter a alguns dos participantes, coa oposición do resto, polo que sacaron as pistolas e realizaron alguns tiros ao ar. A resultas deste incidente foi detido un obreiro de Censa. Pero acadouse o obxectivo de que paran os de Ascón Meira. A prensa fala deste incidente, asi como de que chegou á cidade o “Presidente Nacional do Sindicato do Metal”.

Este dia aparecen por todo Vigo panfletos asinados por un “Grupo de Trabajadores Independientes” chamando a reincorporar-se ao traballo. En Citroën houbo intentos de oficinistas e mandos intermédios de entraren a traballar, polo que os piquetes deberon ser máis activos.

Hai un corte de tráfico no Calvário. Adoquins na rua. Choque coas forzas represivas. Manifestación de mulleres e nenos no Calvário que pedian o arranxo da situación. Concentración de traballadores na Gran Via, Teis, Casa Sindical. Choque coas forzas represivas ao agardar o catamarán, buque no que viñan no que viñan os operários de Astilleros y Construcciones de Meira(12).

Martes 19: desde primeiras horas da maña hai piquetes nas portas de Citroén, que estaban compostos por 10 ou 15 traballadores en dous grupos, un que daba o alto ao coche dos esquirois e o segundo que persuadia a calquera que pretendese pasar(13). Non entraron moitos, ainda que houbo alguns que saltaron o muro ás 4 da mañá. Os grises concentraron 31 jeeps e adícaronse a perseguir e deter os integrantes dos piquetes. Unha vez dentro das furgonetas para levalos á comisaria, adicábanse a “quentarlles “ as canelas e darlles pisadas coas botas. Os traballadores respondian con pedras e mesmo lle fenderonlle a un jeep o teito. Na rua fronte ao Estadio de Balaídos fixéronse barricadas con bidóns e cos lastros da rua, que non foron capaces de atravesar os grises, estando nela o mellor de OO(14). Os xornais falan de que non hai informacion oficial sobre o paro, das numerosas reunións para buscar unha saída ao conflito, de que as reunións entre o xurado da empresa e os directivos de Citroën non deron resultado, asi como de manifestacions nos Choróns(15), na rua Aragón, no Seixo e na Ribeira(16).


Cronoloxia dunha folga: o recuar

Mércores 20: a folga xeral seguiu a ser moi ampla, pero xa se notaba o cansazo, a represión policial, e as posturas negociadoras de CCOO para buscar unha saída a un conflito que se lles fora das mans. Ese dia volveron a traballar La Artística, Reyman e Caucho Atlántica. Os xurados de Santo Domingo e Vanosa fan un chamado pola prensa a entrar a traballar ao dia seguinte. Publícase unha nota do “Consejo Provincial de Empresarios” na que ameaza con que, de non se reiniciar o traballo ao dia seguinte, que serian adoptadas as medidas legais pertinentes.

Esa noite, por casualidade, a policia descobre o aparato de propaganda de OO, na casa de Xil Araúxo. Este traballaba de camareiro e voltaba tarde ao seu domícilio, polo que foi detido pola policia para lle pedir a documentación. Como non a tiña, foron con el até a casa e descubriron o aparato de propaganda. Foi levado a comisaria e mallado dun xeito cruel, pero sen quitarlle nada en limpo xa que non tiña máis contacto que cun membro do CC de OO.

Xoves 21: a prensa salienta que “tras a nota publicada pollo Consello Provincial de empresários convidando os traballadores a reincorporárense aos seus postos, perfilábase o dia como decisivo para o desenvolvimento do conflicto actual, transcorrendo sen que se reiniciase a normal actividade”(17). Os xornais falan tamén de incidentes á mañá en Citroën e Santo Domingo con carga das FOP.

Fíxose unha asemblea nas portas de Citroën, ante a vixiláncia duns 500 policias. Cando un grupo de esquirois tentou rachar a asemblea, houbo un enfrentamento, o que aproveitou a policia para cargar e a dirección da empresa para abrir as portas. Sucedéronse os enfrontamentos fóra e unha parte dos que fuxiran para dentro saíron, reincorporándose ao traballo sobre un 20% do cadro de persoal, sobretodo os que tiñan menos de tres meses, debido ás presions que exercian os mandos intermédios. Ese dia en Vanosa choiou un 30%, en Refrey todo o persoal, en Santo Domingo entraron pero despois desaloxaron. En Ascón Rios só traballaron os administrativos, e en Ascon Meira (como sempre) todo o cadro de persoal con normalidade. As demais empresas seguian en paro.

Venres 22: “Concentración en Sindicatos. Carga a Policia Armada. Realízase unha asemblea non autorizada dos traballadores do metal para falar da situación. Na rua do Príncipe as mulleres fan unha manifestación”(18). Ese dia comezan a chegar as cartas de despedimento aos operários de Citroën, Barreras, Freire, Vulcano, Álvarez, Ascon Rios, e con ela outra na co trabalaldor podia solicitar individualmente a readmisión. A reincorporación era estudada pola dirección da empresa. Era unha trampa para presionar e dividir os traballadores, mais que non tivo moito efeito nese intre. Cuadernos para el Diálogo fala de 4.000 cartas de despedimento, que chegarian a 6.000 nos dias seguintes(19).

Sábado 23: continuan chegando as cartas de despedimento. Nas ruas seguen as manifestacións e enfrontamentos entre traballadores e policia. O cansazo xa é evidente, especialmente entre os obreiros con menos consciéncia. Pola noite a Brigada Político-Social detén a numerosos militantes de organizacións e de fábricas. A vários cadros de Citroën, Barreras e Vulcano deteñe-nos á saída de Sindicatos. Segundo a prensa en Citroën entra a traballar un 50% do cadro de persoal nas quendas das 6 e das 7 e meia da mañá(20).

Luns 25: ese dia reincorpórase ao traballo Citroën. Na porteria estan os membros da dirección e Xefe de Persoal que van seleccionando os operários, deixando fóra os máis combativos ou que consideran “perigosos”. En dias sucesivos fóronse reincorporando gradualmente, quedando despedidos definitivamente un total de 35 persoas. Anos máis tarde, acolléndose á Lei de Amnistia foron reincorporados 18, e o resto imdennizados.

En Vulcano tras reincorporar-se ao traballo deciden abandonar os postos a meia mañá ao saberen do despedimento de 11 operários, 7 deles cargos sindicais. Barreras traballa normalmente e en Álvarez e Santo Domingo só a metade do persoal.

Martes 26: finaliza este dia a folga coa reincorporacion dos operários de Vulcano á empresa, seguindo o acordo ao que se chegara o dia anterior entre a Inter-empresas (organismo coordenador dos traballadores de distintas empresas) e mais empresários, Governador Civil e Delegado de Sindicatos.

A policia adicará, unha vez rematada a folga, os seus esforzos a deter os obreiros máis sobranceiros na loita e que ainda estaban fuxidos. Descobre por casualidade un depósito de explosivos de OO, que se atopaba nun bidón metálico no monte.


A represión

Despois da reincorporacion ao traballo quedaran unha manchea de despedidos, “perto de 400”(21). Nas grandes empresas temos os seguintes dados:

Santo Domingo2 
Freire10(4 deles cargos sindicais)
Citroën37(15 cargos sindicais)
Álvarez27(4 cargos sindicais)
Vanosa22(3 cargos sindicais)
Barreras19(varios cargos sindicais)
Ascon Rios12(7 cargos sindicais)
Censa9(5 cargos sindicais)
Vulcano11(4 cargos sindicais)

Dias despois reuniranse en Madrid os empresários para avaliaren os efeitos da folga, asistindo os seguintes persoeiros:

  • Javier Rico Gabarte, Presidente de Sindicatos.
  • Faustino Ferrer Lledo, Procurador en Cortes, polos empresários do Metal.
  • Rodolfo Martin Villa, Secretário Xeral da Organización Sindical (actual Presidente de ENDESA e Ministro do Interior durante o governo de Suárez).

Unha parte da militáncia, a máis coñecida, tivo que pasar á clandestinidade, como Abelardo Collazo, Ramon González Costas, Xesus Chaves (que buscaria refúxio en Franza), etc. Outros serian detidos como Hierro Chomón. Non poucos perderian o seu posto de traballo.

 
 

 
Notas:

(
1) As CCOO de Galicia, Edicións Xerais, Gómez Alén.

(
2) Nota da Dirección de Citroën, publicada o dia 15 de setembro en El Pueblo Gallego.

(
3) Faro de Vigo, 13 de setembro de 1972.

(
4) Faro de Vigo, 15 de setembro de 1972.

(
5) Faro de Vigo, 15 de setembro de 1972.

(
6) El Pueblo Gallego, 16 de setembro de 1972.

(
7) La Voz de Galicia, 16 de setembro de 1972.

(
8) Terra e Tempo do mes de setembro de 1972.

(
9) Terra e Tempo do mes de setembro de 1972.

(
10) Documento de militantes de OO.

(
11) El Pueblo Gallego, 17 de setembro de 1972.

(
12) Terra e Tempo, de setembro de 1972.

(
13) Documento de militantes de OO.

(
14) Documento de militantes de OO.

(
15) El Pueblo Gallego, 20 de setembro de 1972.

(
16) Faro de Vigo, 20 de setembro de 1972.

(
17) Faro de Vigo, 22 de setembro de 1972.

(
18) Terra e Tempo do mes de setembro de 1972.

(
19) As CCOO de Galicia, Edicións Xerais, Gómez Alén.

(
20) El Pueblo Gallego, 24 de setembro de 1972.

(
21) As CCOO de Galicia, Edicións Xerais, Gómez Alén.
 
Volver a Organización Obreira (OO) e as loitas de 1972 en VigoVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/10/2001