| Documentos Economía Paro rexistrado en Galiza no 2004
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Cos datos de paro rexistrado do mes de decembro, que acaba de
publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE), completamos a información anual e permítenos
facer unha avaliación do que foi o ano 2004 no que respecta aos parados rexistrados.
Se nos fixamos na gráfica, mantense a forma xa habitual de V a que estamos afeitos: descende o número de desempregados até o mes de agosto, e a partir de aí prodúcese un incremento continuado até o remate do ano. O mes de decembro remata con 4.705 parados máis, un 3,1%, que no mes anterior. A novidade neste último está en que, a pesar de se manter a tendencia da evolución mensual, a interanual rompe. No mes de xullo, por primeira vez desde o ano 2001, o paro rexistrado descende non só con respecto ao mes anterior senón tamén con respecto ao mesmo mes do ano anterior; é dicir, rompe a tendencia de incremento interanual do desemprego que se producira nos tres últimos anos. O maior descenso interanual produciuse no mes de decembro, con 2.974 parados menos, un 1,9%, menos que en decembro do 2003. A nivel estatal tamén se produce un descenso do paro interanual, neste caso maior que en Galiza. Na media do Estado o descenso internual do desemprego no mes de decembro foi do 2,4%; rematou decembro con 1.670.290 parados. Porén, o descenso dos últimos meses non foi suficiente para romper coa evolución da media anual. Os datos son os seguintes:
Ao longo do ano 2004 houbo de media en Galiza 147.423 parados, 1.444 parados máis que no 2003, un 0,9% máis.
No total do Estado, no mes de decembro descendeu o desemprego en 12.432 persoas; pola contra en Galiza rexistráronse 4.705 novos desempregados, un 3,14% máis. En ningunha comunidade se produciu un incremento tan importante do número de parados; en 7 descendeu o desemprego, destacando o caso de Madrid, onde o paro rexistrado se reduciu en 8.462 persoas, 4,6% parados menos que no mes anterior.
Co respecto a decembro de 2003, o paro rexistrado descendeu en todas as provincias, rexistrándose o maior descenso na provincia de A Coruña.
En termos relativos tamén destaca o descenso en Lugo, mentres nas provincias do sur a penas se deron variacións significativas. Con respecto ao mes anterior, increméntase en todas as provincias; tamén neste caso o maior medre se dá en A Coruña, un 4,7%, e séguelle a provincia de Pontevedra con 2,3% máis de parados.
Mentres o número de homes rexistrados no INEM descendeu un 2,4%, o número de mulleres fíxoo en só un 1,5%. Con estes novos datos, o 60% dos parados rexistrados no INEM son mulleres. No último mes medrou tanto o número de homes como o de mulleres parados, pero en maior medida o de homes.
A desfeita do sector primario reflíctese en calquera indicador que se utilice.
Cun descenso interanual do desemprego importante nos distintos sectores de actividade en Galiza, o sector primario rexistra un incremento do 6,5%. O maior descenso produciuse entre os desempregados sen emprego anterior, que descenderon un 11% con respecto a decembro do 2002. É importante o descenso no sector industrial, un 4,8% de parados menos. Con respecto ao mes anterior, novembro do 2004, rexístrase un maior número de parados en todos os sectores salvo nos de 'sen emprego anterior' entre os que descende; así, a influencia de plans -como o Labora- teñen reflexo nestas estatísticas. O maior incremento mensual prodúcese entre os traballadores da construción, un 14%, feito reiterativo nos últimos anos, polo que desde a CIG sospeitamos que se estea utilizando de forma fraudulenta a contratación eventual: decembro correspóndese cun período vacacional na construción, o cal o fan corresponder co fin do contrato eventual, mandando os traballadores ao desemprego, para volver a contratalos en torno a febreiro, cun novo contrato eventual.
Entre os de máis de 25 anos, o descenso non é significativo, concentrándose entre os de menos idade a creación de emprego, o que garda concordancia co comentado no parágrafo anterior, da influencia do plan Labora..., na evolución do paro rexistrado.
A evolución dos contratos rexistrados, con respecto a 2003, segundo sexan fixos ou temporais foi a seguinte:
Rexistráronse 830.268 contratos ao longo do 2004, 86.596 máis, o que en termos porcentuais significa un incremento do 11,6%. O medre non foi proporcional entre fixos e temporais; o aumento da contratación temporal foi moito maior que no ano anterior, polo que descende en catro décimas a proporción de novos traballadores con contrato fixo con respecto ao ano anterior. Cómpre novamente facer unha reflexión sobre as políticas de axudas á contratación indefinida levada a cabo polas distintas administracións, que como vimos denunciando non cumpre os fins para os que foi concibida; proba diso son os datos anteriores, e que está detraendo importantes fondos públicos, moi necesarios para outros fins sociais.
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/01/2005 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||