Balance sindical / Voceiro da Federación de Banca, Aforro, Seguros e OficinasVolver a BoletinsVolver a Actualidade
Nº 15 - abril 2005
 
A Unión Europea remata coas prexubilacións
 
Sumario

  A Unión Europea remata coas prexubilacións
  Xubilacións parciais nas Caixas de Aforro
  CCOO e UGT asinan en Madrid o III Convenio Colectivo Estatal para o sector de Telemárketing
  A CIG prepara o seu IV Congreso Confederal
  A CIG aprobou en asemblea as liñas de actuación na negociación do XX Convenio da Banca
  Caixanova regulará o procedemento a seguir internamente en casos de Acoso Moral e Acoso Sexual
  Traballadores prexubilados do Banco Pastor interpoñen demandas reclamando un cuarto de paga
  Malestar entre o persoal de Caixa Galicia pola aplicación da Mobilidade Funcional
 
 
Ir ao sumário
A Unión Europea remata coas prexubilacións


BS
 

  Foto CIG, clic para aumentar
Manifestación da CIG contra a reconversión no sector financeiro. (Foto: ©galizacig.com).
 
A desaparición das prexubilacións con cargo a reservas é o efecto máis visible da entrada en vigor das normas contables coñecidas como NIC/NIIF. A Comisión Europea, coa implantación desta normativa, deu un paso máis na converxencia cara ao modelo económico social anglosaxón.

A Unión Europea renunciou a desenvolver un sistema contable propio para implantar outro elaborado pola institución privada IASB (International Accounting Standars Board). Examinando a estrutura desta entidade, atoparémonos con persoas vinculadas a universidades anglosaxonas coñecidas pola súa ideoloxía ultraliberal.

O efecto máis visible para os traballadores/as da implantación deste novo sistema contable será a desaparición das prexubilacións con cargo a reservas que tanto malestar ten xerado entre o persoal do sector financeiro.

As prexubilacións foron un instrumento moi utilizado nos últimos anos por empresas de todo o Estado, para facer fronte a procesos de reconversión derivados de privatizacións, procesos de concentración empresarial ou simplemente para rexuvenecer os cadros de persoal. Coa obriga de dotar as prexubilacións con cargo a beneficios, a súa utilización queda moi restrinxida, nomeadamente nas empresas que atravesen dificultades financeiras.

Esta medida non ten como fin retrasar a idade de xubilación real; se fora así distinguiríase entre as prexubilacións que tiñan un custe para a caixa da Seguridade Social e as que non. Dificultando esta vía queda aberta a porta aos despedimentos colectivos, máis baratos para as empresas e con moi boa acollida nas bolsas.

A restrición das prexubilacións só é a punta do iceberg das repercusións laborais da implantación destas novas normas que, polo momento, contan coa oposición de Francia e Alemaña.

 
 
Ir ao sumário
Xubilacións parciais nas Caixas de Aforro


BS
 

Como alternativa ás prexubilacións, as caixas apostan polas xubilacións a tempo parcial con contratos de relevo.

Con este sistema, o persoal pode xubilarse parcialmente aos 60 anos, tendo que traballar formalmente como mínimo un 15% da xornada laboral e, a cambio, as empresas complementan ata o 85-90% do salario anual. Ademais, teñen a obriga de contratar un novo empregado/a que substitúa ao xubilado/a.

O aforro para as empresas sitúase ata nun 50% do total do custe da persoa xubilada e, ademais, se o novo contrato é indefinido ten unha bonificación do 25% da cota empresarial da Seguridade Social durante os dous primeiros anos.

Segundo varias fontes, a patronal de aforro ACARL, está avaliando cales serían as obrigas dos Fondos de Pensións nos pagos dos complementos, o que amenaza con adiar a posta en marcha das xubilacións a tempo parcial.

As caixas non queren deixar marchar a vaca sen munguir ata a última pinga de leite.

 
 
Ir ao sumário
Establece que o 70% do persoal de operacións terá contratos temporais
CCOO e UGT asinan en Madrid o III Convenio Colectivo Estatal para o sector de Telemárketing


BS
 

  Foto CIG, clic para aumentar
Xornada de folga o día 30 de decembro de 2004 en A Coruña. (Foto: ©galizacig.com).
 
A suba salarial prevista para o ano 2004 non cubrirá os descontos salariais efectuados polas empresas ao persoal que participou nos paros e nas folgas convocadas por todas as centrais sindicais no sector de Telemárketing. As empresas gañan.

O III Convenio Estatal de Telemárketing estaba chamado a ser o convenio da subrogación e da estabilidade no emprego. Con este fin, os traballadores e traballadoras do sector mobilizáronse ao longo do ano 2004 e principios do 2005. Incluso o persoal con contratos temporais non dubidou en apoiar os paros, folgas, asembleas, concentracións e manifestacións xogándose o posto de traballo. Hoxe, moitos e moitas pregúntanse: ¿para que?

O novo convenio asinado por CCOO e UGT establece que o 70% do persoal de operacións (o máis numeroso) terá contratos temporais e non recolle o dereito a subrogación (é dicir a conservar o emprego cando hai un cambio de empresa, algo habitual no sector). Tampouco limita o abuso na contratación a tempo parcial nin eliminou o artigo que permite o despedimento en base á baixada do número de chamadas atendidas. A suba salarial non garante o mantemento do poder adquisitivo, segundo se desprende do estudo realizado polo catedrático Xabier Vence para a CIG. Por outra banda a retribución das horas extras é a máis baixa do sector administrativo privado e o Plus de idiomas é discriminatorio, xa que só se cobra cando se utiliza o galego noutras partes do Estado.

En resumo, a falta de concreción na subrogación cando existe unha sucesión de empresas ou a falta de limitación do abuso na contratación temporal e a tempo parcial, fai deste acordo un marco precario para o sector.

 
 
Ir ao sumário
A CIG prepara o seu IV Congreso Confederal


BS
 

  Foto CIG, clic para aumentar
Asemblea de representantes sindicais da Federación de Banca de Ourense. (Foto: ©galizacig.com).
 
A afiliación está a participar masivamente nas asembleas de debate e de elección de congresistas.

Ao longo dos meses de marzo e abril, a afiliación da CIG está participando nas asembleas celebradas en todo o país, preparatorias do IV Congreso Confederal da CIG que se celebrará en Compostela os vindeiros días 28 e 29 de maio.

As primeiras asembleas convocadas no mes de marzo, tiveron como obxecto o debate dos relatorios de Acción Sindical e Organización e Estatutos, así como a aprobación de emendas; xa no mes de abril foron convocadas as asembleas de elección de congresistas que asistirán ao Congreso en representación da afiliación.

Este ano, a Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas elixiu un maior número de representantes en relación aos anteriores procesos, debido ao medre da súa afiliación desde a celebración do III Congreso.

No IV Congreso Confederal decidirase o traballo sindical a desenvolver nos vindeiros catro anos, elixíndose tamén tanto ás persoas que integrarán a Executiva Confederal como ao Secretario Xeral.

 
 
Ir ao sumário
O pasado 2 de marzo constituíse a Mesa Negociadora en Madrid
A CIG aprobou en asemblea as liñas de actuación na negociación do XX Convenio da Banca


BS
 

  Foto CIG, clic para aumentar
A asemblea da CIG rexeitou a petición da suba salarial do 2% feita polos sindicatos estatais. (Foto: ©galizacig.com).
 
Preto de cen delegados e delegadas sindicais da CIG, en representación do persoal da Banca de toda Galiza, rexeitaron aplicar no sector o Pacto de Moderación Salarial recentemente asinado polas cúpulas da CEOE, CCOO e UGT en Madrid.

O pasado mes de marzo, tivo lugar en Compostela unha asemblea de representantes sindicais da Federación de Banca da CIG, na que se definiron as liñas de actuación do sindicato para a negociación do XX Convenio Colectivo do sector.

Dende a CIG, primeira forza sindical do sector financeiro galego, rexeitouse a aplicación na Banca do Pacto de Moderación Salarial que a CEOE e a cúpula dos sindicatos centralistas asinaron en Madrid. De aplicarse na Banca este lesivo acordo, a suba salarial para o ano 2005 limitaríase ao 2% que solicitan CCOO e UGT.

Coñecido o IPC definitivo do ano 2004, o XIX Convenio do sector saldouse cunha nova perda salarial que se sitúa nun 10% do poder adquisitivo na última década. Ante esta perda acumulada nos salarios do persoal bancario, a CIG reivindica para este ano 2005 unha suba do 6%. Proporá tamén a creación dun complemento de pensións asociado ao salario para o persoal ingresado con posterioridade ao ano 1980. Esta proposta ten como base o modelo acordado en varias caixas de aforros instrumentando este complemento cun Plano de achega definida, fixando a achega anual nun 5% do salario base cun mínimo de 1.000 euros.

En materia de xornada, queren chegar a un acordo sectorial para a libranza dos sábados, ligado á formación. Coa fórmula proposta, a xornada quedaría fixada nas 35 horas semanais; a libranza dos sábados sería a compensación polos cursos de formación realizados polo serán.

Nesta asemblea aprobáronse tamén outras propostas relacionadas coa estabilidade no emprego, coa carreira profesional ou coa normalización lingüística.

Con estas propostas a CIG, malia que mantén a súa reivindicación de descentralización da negociación colectiva, pretende rachar coa dinámica negativa da negociación colectiva na Banca.

 
 
Ir ao sumário
Caixanova regulará o procedemento a seguir internamente en casos de Acoso Moral e Acoso Sexual


BS
 

Empresa e sindicatos están negociando un Protocolo que regule as actuacións internas nos procesos derivados de denuncias en casos de acoso. A CIG está a incidir nas necesidades da prevención para evitar que se produzan acosos.

Malia que o acoso moral e o acoso sexual nas empresas non son novos, as investigacións ao respecto, a súa definición e a posta en marcha de medidas de protección para as persoas afectadas, son relativamente recentes.

Os distintos estudos avalían que entre un 15 e un 20% dos traballadores/as son vítimas de acoso moral, en tanto que non existen estatísticas no referido ao acoso sexual.

 
Distintos estudos avalían que entre un 15 e un 20% dos traballadores/as son vítimas de acoso moral
 
A preocupación ante estes fenómenos levou a Caixanova a negociar un Protocolo de actuacións internas cando existan denuncias deste tipo.

As compañeiras que asisten ao proceso negociador en representación da CIG incidiron na necesidade da prevención, establecendo as bases necesarias para evitar que o acoso se produza. Neste senso, teñen solicitado que se eliminen aquelas situacións que son o cultivo idóneo: esixencias de prolongación de xornada, fixación de obxectivos desmesurada, chamadas fóra de hora, etc. Solicitan tamén que a empresa informe ao persoal de que non admitirá condutas de acoso e que serán tipificadas como faltas moi graves. E inciden na necesidade de que as actuacións sexan imparciais e que conten co asesoramento de profesionais.

As compañeiras representantes da CIG tamén amosaron a súa desconformidade coa definición do acoso sexual formulada pola Caixa en base aos textos legais da Unión Europea, que o define como unha situación de “violencia extrema”.

 
 
Ir ao sumário
Traballadores prexubilados do Banco Pastor interpoñen demandas reclamando un cuarto de paga


BS
 

  Foto CIG, clic para aumentar
Concentración de representantes sindicais diante da O.P. do Banco Pastor en Ferrol. (Foto: ©galizacig.com).
 
Ante as demandas individuais presentadas por prexubilados/as na que reclaman o dereito a percibir un cuarto de paga correspondente ao ano 2003, o Banco Pastor presentou un Conflito Colectivo ante a Audiencia Nacional. Por outra banda continúan as mobilizacións da CIG contra o deterioro das condicións laborais.

O persoal xubilado e prexubilado ao longo do ano 2003 non percibiu un cuarto de paga correspondente a ese exercicio económico que o banco abonou o 30 de xuño do 2004 a todo o persoal en activo, polo que algunhas destas persoas presentaron demandas individuais ante varios Xulgados do Social de Galiza.

Como resposta ás demandas do persoal, o banco optou por presentar un Conflito Colectivo ante a Audiencia Nacional en Madrid que paraliza as demandas individuais interpostas. Na súa demanda a empresa defende que o cuarto de paga, malia que quedou consolidado como de beneficios, sería unha medida graciable.

Dende a Sección Sindical da CIG opóñense a esta interpretación da empresa e defenden que o cuarto de paga correspondía por Lei, segundo o establecido no Convenio Colectivo da Banca, e que con este conflito o banco pretende presentar un dereito como unha graciosa concesión da dirección, restrinxindo o cobro ao persoal en activo.

Pero esta non é a única diferenza entre a CIG e o a dirección do banco, xa que continúa o proceso de mobilizacións contra o deterioro das condicións laborais, patente dende a chegada de Fulgencio García Cuellar á entidade. No mes de xaneiro, medio cento de delegados e delegadas da CIG participaron nunha concentración ante a oficina da localidade ourensán de Xinzo de Limia.

En febreiro sería a oficina principal da entidade en Ferrol o escenario dunha nova mobilización na que ao redor de oitenta representantes sindicais informaron á clientela e á cidadanía en xeral da represión laboral existente no Banco Pastor.

 
 
Ir ao sumário
Malestar entre o persoal de Caixa Galicia pola aplicación da Mobilidade Funcional


BS
 

O Convenio Colectivo de Aforro para os anos 2003-2006 introduciu no sector a Mobilidade Funcional. Caixa Galicia foi unha das primeiras entidades en utilizar esta nova facultade da dirección coa posta en marcha da “Carpetización”.

Caixa Galicia está implantando un proceso comercial coñecido internamente como “Carpetización”, que obriga a todo o persoal a realizar funcións comerciais asignándoselle unha carteira de clientes, recibindo a cambio unicamente a compensación dos 210 euros anuais pactados no convenio como contrapartida á Mobilidade Funcional.

A implantación deste novo sistema está levando a un incremento da carga de traballo, ademais de presións por parte da dirección para que se estenda a xornada laboral; ata o de agora a extensión ilegal da xornada era característica da Banca, sendo menor nas Caixas.

Ao descontento pola presión, engádese a falta de actualización dos complementos salariais do persoal apoderado, que viu como nos últimos anos as súas retribucións medraron por baixo do IPC.

Dende a Sección Sindical da CIG insisten na necesidade de rebaixar o grao de presión laboral sobre o persoal e na necesidade de abrir un proceso de negociacións no que se establezan límites á Mobilidade Funcional con compensacións económicas para todo o cadro de persoal.

Ademais, xa anunciaron que realizarán un estricto control sobre posibles incumprimentos da lexislación no relativo ás horas extras.

 
 

Edita: Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG (Confederación Intersindical Galega). Enderezo: Rúa Gregorio Espino, 47 entrechán. 36205-Vigo (Galiza). Tel: 986 827931-32, 986 262689. Fax: 986 262844. e-mail: banca@galizacig.net. Internet: http://www.galizacig.com. Comisión de propaganda: Pablo Carreira Leis, Clodomiro Montero Martínez, Sefi Romero Álvarez. Maquetación e deseño: Departamento de Propaganda da CIG. Edición electrónica: Fernando Pol.
 
Volver a BoletinsVolver a Actualidade
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/04/2005
cig.informatica