|
Actualidade
Santiago, 3 de abril de 2008
Celébranse os días 4 e 5 de abril na facultade de Ciencias da Educación de Compostela
XVIII Xornadas de Lingua e Literatura
Este venres, día 4 de abril, a partir das 17:00 horas, terá lugar a inauguración das XVIII Xornadas de Lingua e Literatura, organizadas pola CIG-ENSINO e mais pola AS-PG, na Facultade de Ciencias da Educación en Santiago de Compostela.
O acto inaugural será o venres, ás 17:00 horas.
A seguir, o profesor de lingua e literatura, Francisco Rodríguez Sánchez, ofrecerá a conferencia titulada “No centenario da morte de Curros Enríquez”.
Posteriormente, o profesor e escritor X. M. Álvarez Cáccamo exporá a conferencia nomeada “X.M. Álvarez Blazquez: vida e obra”.
A xornada do venres remata coa conferencia da escritora Luz Pozo Garza “25 anos da morte de Luís Pimentel” .
O sábado, de 10:00 a 14:15 horas, celebraranse diversos seminarios e unha mesa redonda, nos que participarán os seguintes relatores:
- Antón Riveiro Coello, escritor, que falará sobre a súa obra.
- Rosa Salgueiro, profesora de lingua e literatura galegas: “Materiais dixitais para a aula”.
Antía Otero, actriz e poeta: “Creación literaria. No ollo da arte”.
- Marta Dacosta Alonso, profesora de lingua e literatura galegas e poeta, “Facerse ao mar: (pre) textos poéticos para falarmos de igualdade”
- Alfonso de la Santísima Trinidad Gómez, profesor de lingua e literatura galega: “Pautas para a elaboración de programación e unidades didácticas”.
- Mesa redonda cos escritores: Camilo Franco Iglesias, Marilar Aleixandre e Xabier Docampo, que desenvolverán o tema: “A literatura galega actual, distintas vertentes.”
Sechu Sende, escritor e profesor de lingua e literatura galega, “O autor fala da súa obra.
- Olga Patiño Abeixón, dinamizadora lingüística: “O proxecto lector de centro”.
- Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mini e Mero) mestres: “A literatura oral”
- Proxección do “É. O verbo”, vídeo promocionado pola AS-PG e elaborados por Mª dos Anxos González Refoxo e Xoán Carlos Rábado, profesores de lingua e literatura galega.
O mesmo sábado, de 16:30 a 20:00: haberá 2 conferencias e unha proxección.
- Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, conferencia “O galego: normalización, substitución ou disolución?
- Manuel Ferreiro Fernández, profesor na Universidade da Coruña, “Nos cen anos do himno galego”.
- "Poesía e Imaxe”, proxección comentada de Peregrinaxe con Manuel María. Dirixida por Lois Diéguez e realizada por Xoán Carlos Garrido.
|