ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 17 de abril de 2008

Está convocada para o mércores 30 de abril en Compostela
Manifestación conxunta dos sindicatos agrarios (SLG, XXAA e UA) en defensa dos produtores de leite e de vacún de carne

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
Asemblea de delegados/as en Ourense; clic para aumentar
Recollida de sinaturas contra o Plus dos altos cargos; clic para aumentar
 
A grave situación dos principais sectores gandeiros de Galicia, lácteo e vacún de carne, ven de obrigar ás organizacións agrarias, segundo informa o SLG, a esixir das Administracións e do resto dos integrantes implicados, a adopción dunha serie de medidas e acordos que posibiliten o mantemento da actividade produtiva cuns niveis dignos de rendibilidade. Por iso, anuncian a convocatoria dunha manifestación o mércores 30 de abril en Compostela.

Alén desta convocatoria, este xoves 17 de abril, celebraron unha concentración en defensa da gandería de carne en Lugo. En Ourense, a concentración esta prevista para o para o próximo venres día 25 de abril.

Prezos no sector lácteo
Tras do éxito rotundo das protestas do sector productor contra a decisión unilateral, ilegal, inxustificada e retroactiva de baixar o prezo do leite por parte das empresas no mes de febreiro, iniciáronse, a petición das propias organizacións agrarias, unha serie de
negociacións coas empresas lácteas e coas Administracións, tanto a nivel galego, coma
estatal.

Neste momento, as organizacións sindicais consideran que “non só non existen razóns de mercado para continuar coa baixada, senón que os empresarios dispoñen de maior marxe comercial, que están utilizando para dese xeito conseguir cada vez máis beneficios, sen que estes repercutan nos productores”.

As organizacións agrarias entenden que non é de recibo que aos productores se lles veña
pagando xa a menos de menos de 40 céntimos o litro, sobre todo, se temos en conta que os custos totais de producción, tales como combustibles, pensos ou fertilizantes aumentaron en máis dun 35%.

Afirman ademais que o prezo medio do litro do leite para presente campaña, que comezou o día 1 de abril,” ten que ser pois substancialmente superior ao do 2007, para que os gandeiros poidamos facer fronte á forte subida dos custos de produción no último ano”.

O sector productor demanda acordos comerciais coas industrias, válidos para toda a campaña leiteira. Considera que a vía de resolución do conflicto debe basearse “na negociación e na transparencia, co establecemento de índices de referencia de prezos baseados no mercado e non en decisións unilaterais e arbitrarias, eliminando así mesmo as prácticas ilegais habituais contra os intereses dos productores”.

Incremento das cotas en Europa

En relación coa decisión aprobada polo Consello da UE de incrementar a cota láctea
nun 2% na campaña 2008-2009, expresan:

  1. A nosa oposición a un incremento lineal da cota de cada un dos Estados membros da UE. Esta decisión non fai máis que reproducir e seguir alimentando as desigualdades do actual reparto de cota. Concretamente fará que países que hoxe teñen unha produción moi superior ao seu consumo interno, aumenten aínda máis ese diferencial. En canto outros Estados, como o español, que rexistran a situación oposta (cota moi inferior ao consumo interno), non verán practicamente corrixido ese déficit.
  2. Por outro lado, un aumento lineal dará lugar a que se incremente a cota de Estados nos que non existe unha demanda real de máis cota; é dicir, Estados nos que se evidencia unha redución das entregas de leite e nos que nas últimas campañas a produción foi claramente inferior á cota. En Francia ou Reino Unido, por exemplo, a produción na campaña 2006/2007 foi moi inferior á cota, máis de 600.000 Tm. e preto de 500.000 Tm., respectivamente.
  3. En consecuencia, calquera aumento da cota na UE non debería ser lineal, senón dirixirse a aqueles Estados membros que:
    • Teñen hoxe unha cota moi inferior ao consumo interno
    • Nos que existen segmentos importantes de explotacións que necesitan máis cota para ser viábeis e que veñen amosando unha clara vocación de permanencia e crecemento no sector.
  4. Esta decisión foi plantexada a curto prazo e como algo formalmente independente dos cambios a medio prazo que se decidan dentro do Exame de Saúde da PAC. Porén, este incremento de cota pode ser visto como un primeiro paso no proceso de “aterraxe suave” cara a eliminación das cotas proposta pola Comisión Europea. Neste sentido, os axentes integrantes da Mesa do Leite reclamamos que a reforma da PAC no marco do Exame de Saúde non se vexa condicionada por ese incremento lineal aprobado para a campaña 2008-2009.
  5. Defendemos que o incremento da cantidade de referencia asignada ao Estado Español se incorpore á reserva estatal, garantindo a súa distribución gratuíta entre as explotacións con vocación de permanencia, independentemente do territorio no que estean radicadas. Ademais, urximos ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que proceda no prazo máis breve posible a distribuír a cota existente na reserva estatal (incluída a procedente do incremento lineal do 2%), co fin de que os gandeiros poidan planificar coa suficiente antelación a súa actividade na campaña láctea 2008-2009 recen comezada.

Sector vacún carne

Dende as tres organizacións profesionais agrarias están a analizar con gran
preocupación a crise na que están inmersos os sectores gandeiros de produción de carne, especialmente o bovino, dende hai moito tempo.

A regulación do sector da gandería de vacún de carne é unha das más complexas dentro dos mercados agrarios. Gran parte da complexidade, explican, débese tanto á existencia de diversos sistemas de produción como ás fortes interrelacións que se dan con outros sectores agrarios, algúns deles moi regulados, como os cereais ou o lácteo, e outros máis liberalizados, como o porcino ou o de carne de aves. Sinalan que todo iso contribúe á necesidade de que coexistan na regulación un amplo abano de instrumentos e de subvencións directas. “As explotacións de vacún de carne da nosa Comunidade contan cunha base territorial bastante importante e normalmente en réximes claramente extensivos, nas que se complementa a alimentación con forraxes e pensos”, afirman.

Tamén neste caso denuncian como a “imparable suba dos prezos das materias primas para alimentación animal está afogando cada día máis a, xa de por si, escasa rendibilidade destas explotacións”.

Porén, non se fixan só nesta recente dificultade xa que, segundo din, os sectores gandeiros levan arrastrando desde moitos anos enormes problemas cos prezos que percibe o produtor, pero sobre todo coa existencia de graves problemas estruturais nestes sectores, derivados dunha nefasta política de mercados que deixa ó produtor indefenso ante a industria e as grandes cadeas de distribución, de tal xeito que o gandeiro non pode trasladar o seu incremento de custos no prezo final do produto, senón que os aumentos que sofren os produtos da cesta da compra só orixinan beneficio moitas veces a uns poucos intermediarios.

As organizacións sindicais agrarias entenden que a explotación de vacún de carne é un elemento clave á hora de fixar poboación no medio rural, sendo, en moitas áreas, a única actividade económica sostible posible. A súa desaparición, afirman, resultaría catastrófica para a poboación de estas zonas e, polo tanto, para un espazo rural normalmente clasificado dentro do epígrafe de zonas desfavorecidas.

Ademais, consideran oportuno o fomento e afianzamento da base da cadea alimentaria, é dicir, do sector da produción da carne na nosa Comunidade, coa intención de que esta sexa a fonte principal da materia prima para a industria e a distribución cárnica, e así acadar a posición e o nivel que merecemos dentro do sector cárnico respecto ao conxunto de España..

Para este obxectivo, entenden que o gando que presenta as aptitudes máis axeitadas para soportar un reto de tal envergadura é o gando vacún. Por iso, a potenciación dunha cabana ampla e consolidada de vacas nutrices é a mellor maneira de asegurar unha produción de tenreiros, e, por conseguinte, de carne, o máis constante posible.

Demandan medidas urxentes destinadas a paliar a difícil situación económica dos produtores:

É necesaria unha inxección económica urxente para os produtores galegos, incrementando os seus ingresos e diminuíndo os custos asociados as súas explotacións.

Neste sentido reclamamos a posta en marcha das seguintes medidas:

  • Establecemento dunha axuda directa por vaca nutriz que compense ao produtor do incremento de prezos das materias primas destinadas á alimentación animal. A situación é tan grave que se non se implementan medidas compensatorias para os gandeiros galegos, o risco de desaparición de numerosas explotacións é inmediato.
  • Indemnización polas perdas derivadas das prolongadas épocas de seca que ocasionaron serios problemas no fornecemento de forraxes e moitas dificultades no
    manexo de pastos.
  • Redución das cotas a pagar á Seguridade Social. Paralelamente debe continuar o debate sobre a revisión dos módulos aplicables as actividades gandeiras.
  • Incremento do I.V.E. ata o 9%.
  • Esiximos total transparencia na formación de prezos. Para o cal demandamos un dobre etiquetado na comercialización da carne, no que quede constancia do diferencial de prezos entre o que se lle paga ao produtor e o prezo de venda ao público.
  • Promoción do consumo da produción galega da carne de vacún. Esta medida debémola de espallar a tódolos ámbitos de produción galegos.
 
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta