ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 2 de abril de 2008

Foron desaloxados do centro sociocultural de Sergude (Boqueixón) por antidisturbios
Os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica ocupan o concello de Vedra rodeados de Gardas Civís

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
 
 
.
 
Antidisturbios da Garda Civil desaloxaban onte aos traballadores de Serrabal e Ferroatlántica que ocupaban o local sociocultural de Sergude, en Boqueixón, para intentar evitar a entrega das actas de expropiación dos terreos afectados pola construción do TAV. Horas máis tarde, os comités de empresa e representaban sindicais celebraban unha xuntanza urxente e acordaban manter a concentración de Boqueixón e ocupar tamén as instalacións do concello de Vedra.

Os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica chegaban onte luns, ás sete e media da mañá, ao local sociocultural de Sergude, en Boqueixón, para intentar impedir que os representantes do ADIF entregaran as actas de expropiación das terras afectadas polas obras do tren de alta velocidade ao seu paso pola zona. Unha hora máis tarde, antidisturbios da Garda Civil desaloxábanos e formaban un cordón arredor do local para garantir, desta volta, que as expropiacións se fagan efectivas.

A excesiva e intimidatoria presenza de antidisturbios repetíase esta mañá en Vedra onde, ao igual que no caso de Boqueixón, ademais dos axentes despregados arredor do lugar onde se está a desenvolver a entrega das actas controlan as estradas dos arredores con coches patrulla e grilleiras.

Parte dos traballadores que participaban na concentración de Boqueixón trasladábanse xa a mediodía de onte ao concello de Vedra e ocupaban o salón de plenos, onde pasaron a noite para intentar evitar a entrega de actas prevista para este martes. Porén, na vez de facer a entrega neste local, os representantes do ADIF están a realizala na casa contigua ao xulgado vello, moi próxima ao concello.

Chamamento ao Parlamento para que paralice os trámites de expropiación
Os traballadores fan un chamamento ao Parlamento de Galiza para que faga cumprir a súa propia resolución de 27 de xuño de 2007 e exixa ao goberno central a paralización de todos os trámites de expropiación previstos para estes días.

Os traballadores denuncian que a Garda Civil teña actuado onte desaloxándoos do local sociocultural de Sergude e consideran que se desde a Delegación do Goberno se deu esta orde foi porque unha vez celebradas as eleccións xerais xa non teñen que dar a imaxe de dialogantes. Ademais consideran que deste xeito estase a consentir que o goberno central se salte unha resolución do Parlamento de Galiza e que, polo tanto se cometa unha ilegalidade. “Os que tiñan que estar protexidos pola Garda Civil son os traballadores, que tratan de evitar que se cometa unha ilegalidade e se salte por riba dunha resolución parlamentaria, e non os do ADIF, que so os que van facer efectiva esa ilegalidade”, explica Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela.

Acordo parlamentario

Os grupos parlamentarios aprobaron, por unanimidade, o pasado 27 de xuño, unha proposición non de lei, na que se instaba á Xunta de Galiza a promover unha xuntanza entre a Administración, o Grupo Villar Mir e as organizacións sindicais para que se recabaran todos os datos necesarios para saber cal é a afectación real do trazado do TAV sobre a mina de Serrabal e sobre o emprego.

A iniciativa reclamaba tamén que tanto a Administración galega e a empresa presentaran os datos e informes cos que contan para saber cal é o grao de afectación do Tren de Alta Velocidade sobre as reservas da mina e sobre o emprego e se se pon en perigo o proxecto de produción de silicio solar. Algo que ademais afectaría á carga de poría dos centros de traballo de Ferroatlántica en Cee e Sabón.

Na proposición non de lei demandábase, ao tempo, que as conclusións desta xuntanza foran trasladadas de volta ao Parlamento galego para coñecer as garantías sobre os postos de traballo e a afectación ao desenvolvemento dunha industria con importantes perspectivas de futuro como é a industria solar.

A última parte desta resolución está aínda pendente e os traballadores seguen agardando polos informes e a resolución final do Parlamento respecto da afectación dos postos de traballo e do propio xacemento.

Os traballadores denuncian tamén a actitude do presidente Touriño quen, ao seu entender, segue a incumprir o seu compromiso de estudar o cambio de trazado do TAV ao seu paso pola mina e exixen que explique as razóns polas que agora xa non é necesario revisar as posíbeis repercusións que este tería.

Solicitude de nova xuntanza

Onte mesmo –luns 31 de marzo- os comités de empresa e as centrais sindicais remitían unha petición á presidenta do parlamento de Galiza para celebrar unha xuntanza e revisar o estado de cumprimento da citada resolución , así como para coñecer a información que se foi recabando nestes últimos meses.

 

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta