ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 3 de abril de 2008

A entidade promove unha campaña de recollida de sinaturas para esixir a eliminación dos vertidos
Diferentes colectivos, entre eles a CIG, constitúen a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


A CIG xunto con outros sindicatos, partidos políticos, asociacións veciñais ou a Confraría de Pescadores veñen de constituír a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo. A nova entidade esixe unha actuación firme das Administracións para que cesen os vertidos á Ría, así como sancións aos causantes directos da contaminación.

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo está a promover unha campaña de recollida sinaturas para esixir ás Administracións que eliminen totalmente os vertidos contaminantes na Ría do Burgo. Manuel Cao, patrón maior da Confraría de Pescadores de A Coruña e un dos portavoces da Plataforma, informa que xa se recolleron 11.000 sinaturas. O colectivo, ademais, convocará para o mes de xuño unha grande manifestación nas rúas de A Coruña.

De seguido reproducimos o manifesto da Plataforma, dado a coñecer publicamente o 2 de abril:

MANIFESTO DA PLATAFORMA PARA A DEFENSA DA RIA DO BURGO

Vimos padecendo desde hai anos na Ría do Burgo unha situación moi prexudicial para toda a cidadanía, pero especialmente para as actividades marisqueiras das que viven centos de familias, como consecuencia dos vertidos das augas residuais dos Concellos de A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros.

É o desprezo e o incumprimento de normativas, entre outras, europeas, por parte do Goberno español, o retraso na construción e posta en funcionamento da EDAR, polo Ministerio de Medio Ambiente, o non rematado proxecto de saneamento das augas residuais, responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente, sumado a pasiva actuación dos Concellos, a que está a causar constantes vertidos a unha Ría do Burgo convertida hoxe en foco de contaminación e sumida nunha grave degradación medioambiental.

A declaración de zona “ C “ por parte da Consellaría de Pesca como consecuencia desta contaminación (nove veces superior á autorizada para a extracción de moluscos) evidencia esta gravidade, tendo na actividade marisqueira as súas primeiras vítimas, impedidas de poder traballar, desde hai moitos meses.

Por todo isto, as entidades abaixo asinantes preocupadas por toda esta situación acordan constituírse en PLATAFORMA PARA A DEFENSA DA RÍA DO BURGO co fin de demandar das diferentes Administracións responsábeis:

- A firme actuación na aplicación de sancións aos causantes directos e indirectos de vertidos á Ría do Burgo.

- A finalización do proxecto integral de saneamento para eliminar os importantes focos de contaminación que aínda existen nos Concellos de A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, que verten indiscriminadamente na Ría do Burgo.

- A posta en funcionamento urxente da EDAR de Bens.

- A definición, consensuada coas agrupacións de marisqueo, dun Plano de Rexeneración medioambiental, de limpeza integral da Ría do Burgo para o gozo e lecer cidadán, así como de Recuperación dos bancos de marisco con liñas de axuda ao cultivo e a produción.

- Defender a vixencia temporal indefinida dos actuais Convenios subscritos entre a Consellaría de Pesca e ás agrupacións de marisqueo da Ría do Burgo, mentres non se teña producido unha total eliminación dos vertidos e se poida desenvolver con normalidade a actividade marisqueira.

Entidades que subscriben este Manifesto e integran a Plataforma:

CONFRARÍA DE PESCADORES DE A CORUÑA, AGRUPACIÓNS DE MARISCADORES DE A PÉ E A FLOTE.

ADEGA, AA.VV. DE ATOCHAS-MONTE ALTO, O NOSO BURGO, RIO TRABE, AGRA DO ORZÁN, OZA-CASTROS-GAITEIRA, ALMEIRAS, AMIGOS DA CORVEIRA, SÉSAMO, VAL DE VEIGA, O TEMPLE, FEDERACIÓN DE AA.VV. DE CULLEREDO, PLATAFORMA PARA A DEFENSA DO TRANSPORTE PÚBLICO E SUSTENTÁBEL DE A CORUÑA.
BNG, E.U., GALIZA NOVA, AGRUPACIÓN PROGRESISTA DE CULLEREDO E DE ABEGONDO, NÓS-UP.

CIG, CGT, CSIF, SINDICATO DE ESTUDIANTES, ASOCIACIÓN DE HOSTELERÍA DE CULLEREDO, CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE CULLEREDO, ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES DE CULLEREDO, UNIÓN DE GARDAS CIVÍS DE GALICIA, CLUBE DE REGATAS DE PERILLO.

Para contactar coa Plataforma:
plataformadefensariaburgo@gmail.com


 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta