|
Actualidade
Santiago, 21 de abril de 2008
Anuncian unha marcha andando desde a mina até o Parlamento, o próximo 22 de abril
Os comités de Serrabal e Ferroatlántica piden aos deputados elixidos por Galiza que soliciten os estudios relacionados coa mina
| |
 |
| Manifestación dos traballadores de Serrabal celebrada o 22 de febreiro. |
| |
Os Comités de Empresa de Ramsa, concesionaria da explotación da mina de Serrabal e de Ferroatlántica en Cee e Sabón, veñen de remitir un escrito dirixido a todos os deputados e deputadas elixidos por Galiza nas últimas eleccións xerais para que soliciten os estudos relacionados co trazado do TAV ao seu paso pola mina.
Os traballadores queren que os deputados e deputadas requiran do Ministerio de Fomento ou do ADIF os estudos realizados sobre o trazado do Tren de Alta Velocidade ao seu paso pola mina de Serrabal e sobre as súas repercusións na continuidade da actvidade tanto na mina como nos centros de Ferroatlántica en Cee e Sabón. Uns estudios aos que, como representantes dos traballadores e malia o tempo transcorrido desde que foron solicitados, aínda non tiveron acceso.
Marcha e concentración diante do parlamento o vindeiro 22 de abril
Os Comités de Empresa informan tamén que os traballadores acordaron convocar unha marcha para o próximo día 22 de abril, con saída ás 8:00 horas da estrada Santiago-Ourense, en San Pedro de Vilanova –nos accesos á mina de Serrabal- até o parlamento de Galiza. Alí teñen previsto rematar cunha concentración en demandar do cumprimento da resolución aprobada por unanimidade da cámara o 27 de xuño de 2007.
Transcrición do escrito
Sr./Sra. D./Dona Deputado/a do grupo ........... no Congreso dos Deputados de Madrid
Diríxímonos a vostede para solicitarlle que inste ao responsábel de Fomento ou, se procede, ao presidente do ADIF, para que lle remita os seguintes estudos referentes á Mina de Serrabal:
Valoración preliminar de los recursos de cuarzo de la Mina de Serrabal afectados por el trazado de la linea de alta velocidad Ourense-Santiago. (Daniel Arias Prieto, 18/03/02 – 18/04/02).
Cubicación y valoración económica de las reservas de la C.E. Serrabal afectadas por el trazado del tren de alta velocidad Ourense-Santiago (Daniel Arias Prieto, 15/04/02 – 30/06/02)
Estudio geológico-minero para definir y valorar las reservas de la concesión de explotación minera Serrabal afectadas por la construcción del corredor norte-noroeste de alta velocidad. Eje: Ourense-Santiago. (Daniel Arias Prieto 06/09/04 – 06/01/05).
Informe pericial sobre la explotación parcial de Mina Serrabal por la construcción de alta velocidad Ourense-Santiago (Daniel Arias Prieto 22/06/06 – 22/09/08).
Todos estes traballos foron financiados con diñeiro público e son imprescindíbeis para que saia á luz toda a verdade sobre a Mina de Serrabal, e exixímolo polo dereito que temos como traballadores afectados ante o grave risco da perda de postos de traballo e como cidadáns galegos pola oportunidade de desenvolvemento económcio que supón a industria solar para Galiza.
Atentamente,
Comité de Empresa da Mina de Serrabal
Comité de Empresa de Ferroatlántica-Sabón
Comité de Empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas
|