|
Actualidade CIG-Comunicación-
A Mesa solicita o respaldo para este texto por parte de todo tipo de entidades: centros de ensino, sindicatos, organizacións estudantís, asociacións veciñais, empresas, etc. Para facer efectivo tal apoio, pódese enviar un correo electrónico a amesa@amesanl.org ou enviar un fax ao 981 58 37 82. Ademais, o colectivo cidadán en defensa da normalización do galego vai promover a aprobación nos concellos de mocións ou declaracións institucionais en favor da participación na manifestación que o 18 de maio se prevé que ateigue a praza da Quintana. No manifesto, saliéntase que “vivir en galego é un dereito inalienábel”, que os poderes públicos deben garantir. Ademais, en referencia ao discurso promovido polo Partido Popular, alértase “contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego”. Por último, realízase un chamamento ao “compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega”, porque “o futuro do galego depende de nós”. Manifesto - Polo Dereito a Vivirmos en Galego As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos: 1) Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade. 2) Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas. 3) Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos. 4) Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.
|
||||
|
|
||||
|