|
Actualidade / Artigo Deslocalización industrial Luis Burgos A deslocalización é un fenómeno asociado á globalización. Tendemos a considerar que na Galiza este fenómeno é pouco importante, a pesar de casos significativos como por exemplo o de VALEO, en Ourense. Ë verdade que a maioría das persoas traballadoras están empregadas en empresas que non están globalizadas, que operan fundamentalmente en mercados locais, nacionais ou estatais e non producen para un mercado global. Pero o certo é que as empresas que si o fan, normalmente multinacionais, son as que moven os fíos, crean escola, controlan os mercados e designan ou impoñen comportamentos. A globalización é un feito ao que é difícil poñerlle coto e a deslocalización, un dos seus efectos, ten máis calado do que aparentemente pode parecernos.
A deslocalización ou relocalización dase non so cando unha empresa cerra aquí para trasladarse a outro lugar, senón que tamén se da cando unha empresa amplía ou traslada parte da súa actividade ou lineas de producción a outro lugar. Por exemplo, a industria conserveira galega nos últimos anos internacionalizou o seu mercado polo que podería pensarse que aumentaría aquí o emprego; sen embargo, o reduce progresivamente, principalmente o eventual, mentres abre plantas en Ecuador, Honduras, Salvador, etc. Algo parecido ocorre dende fai moitos anos coa confección textil e nomeadamente no caso de INDITEX. A razón principal, dende o punto de vista sindical, é que o capital busca maiores beneficios a través dunha maior explotación da forza do traballo en paises con menores direitos laborais e onde poden impor normas ad hoc, como no caso das maquías centroamericanas. Pero tamén hai outras motivacións, que mesmo poden ter máis peso que o custe laboral, como son a inexistencia de normativas medioambientais, unha fiscalidade favorable e chan industrial barato ou regalado, a utilización de materias primas e, por suposto, razóns comerciais de todo tipo que favorezcan a entrada destas empresas en mercados antes vedados. Inda que propiamente non se poda falar de deslocalización danse efectos parecidos cando determinadas empresas son absorvidas por outras empresas e a propiedade deixa de ser galega, como xa sucedeu no sector lácteo, ou no enerxético, ou mesmo na construcción civil. Nestos casos mudan as decisións, deslocalizanse os investimentos concentrándose onde radica a sede da sociedade e tamén as actividades tecnolóxicas e o emprego, principalmente de alto nivel. Parece pois que a deslocalización dase en empresas grandes e medianas dos paises “caros” aos paises “baratos” e esto é así normalmente. Sen embargo, nos estamos vivindo tamén unha “deslocalización inversa”. Este é o caso das empresas, normalmente pequenas, constituidas en Portugal para vir a traballar na Galiza, e non so no sector da construcción, unha realidade que hai que ter moi en conta porque produce efectos laborais perniciosos, semellantes aos da deslocalización industrial, que deben ser atallados dende a acción sindical. Os compañeiros de UGT e CCOO xa falaron dos efectos da deslocalización na merma do emprego directo, indirecto e inducido, na presión á baixa das condicións de emprego e normativa laboral, falaron da chantaxe na negociación colectiva, etc. Eu quixera ampliar ese listado de prexuizos cunha referencia á antisindicalidade. Persíguese ou presionase ao sindicalismo considerado perigoso ou molesto e realmente a chantaxe empresarial respecto da deslocalización cualla no personal que tende a autocensurarse. Pensemos, por exemplo, que na Citröen tivese maioría absoluta a CIG. ¡O personal volveuse tolo! ¡Queren que peche a empresa! Falouse do dumping social, algo que entende todo o mundo. Quixera salientar que do que estamos a falar é da mercantilización do traballo, de cómo coas deslocalizacións se visualiza que o traballo para o capital non é máis que unha mercaduría que se compra onde sexa máis barata, sen atender a nengunha razón de xustiza ou de humanidade. O compañeiro Xaime falou de alternativas á deslocalización. Son alternativas básicas, coas que estamos dacordo, pero creo que todas as persoas que participamos neste debate dámonos conta das dificultades de parar un proceso que se asenta na globalización liberal. Globalizar os direitos é realmente complicado e as alternativas nacionais ou estatais son insuficientes. A grande aventaxe do capital é a súa mobilidade no mundo actual, mentres que as normas, e específicamente as laborais, están por definición localizadas e no noso caso son competencia estatal. A clase traballadora tamén está localizada e normalmente non pretende moverse. A emigración é unha saida persoal desesperada cando fracasan todas as posibilidades, cando os planos de emprego, as políticas industriais, as concertacións sociais e políticas, etc, non teñen resultado. Pero o capital deslocalízase sen ningún problema, a veces instantáneamente e esa é a súa meirande avantaxe. Ë certo que se lle dan subvencións a empresas que en calquera intre poden marcharse, que se marchan ou que abren sucursais en outros paises, polo que nese caso parece que estamos subvencionando a deslocalización . Dise entón que as subvencións deberían estar condicionadas para evitar ese feito, pero tamén hai que considerar o que defende Xavier Vence, profesor de económicas aquí en Santiago, quen asegura que o máis eficaz non é subvencionar ás empresas senón facer investimentos en capital social territorializado (infraestructuras, centros tecnolóxicos, clústers, formación, etc) para favorecer a competitividade. En calquera caso, como o poder real é extranacional, aos efectos do que estamos a falar hai que considerar entón alternativas de ámbito internacional. A nivel xurídico sempre se pensou na OIT. Realmente cando se crea en 1919 e cando se refunda en 1949 o seu obxectivo era o de conseguir unha lexislación internacional do traballo, obxectivo que foi sempre relegado. Pero o certo é que a pesar dos máis de 180 convenios subscritos o obxectivo dunha lexislación internacional imperativa non parece posible e ao máis que se chegou ata agora é á Declaración de 1998 sobre principios e direitos fundamentais. Os convenios teñen na necesidade de ser ratificados por cada estado o seu talón de Aquiles e a Declaración de 1998, que é de obrigado cumprimento, ademáis de ser moi xeral difícilmente se vai a cumplir cando non existe ningún mecanismo efectivo para a imposición de sancións. Hai que mirar entón deica a acción sindical internacional, porque a pesar das súas insuficiencias actuais, algunhas veces derivadas de intereses nacionais enfrontados e outras da burocratización e lentitude para tomar decisións, é un camiño que nos fai pensar en negociación colectiva internacional ante este fenómeno e - ¿por qué non?- en conflicto e mobilización internacional. Para rematar quixera propoñer como reflexión tres cuestións sindicais de diferente calado: Unha segunda cuestión refírese á necesidade, cando se produce conflicto aberto, de garantir a maior unidade para a acción, facendoa explícita e dándolle contido orgánico do tipo plataformas ou coordenadoras, onde non so participen as persoas directamente afectadas a través das organizacións sindicais senón tamén outras representacións sociais que van ser afectadas en diversos eidos, entre eles o que se chama o emprego inducido. Unha terceira e última cuestión lévanos ao feito de que mentres a organización predominante na producción está concatenada en empresas en rede, en clústers, establecéndose unha serie de dependencias entre empresas principais, contratas, subcontratas e autónomos, a negociación colectiva está pensada para outro patrón organizativo, o sectorial e de empresa. O desfase é evidente, de forma que posiblemente a reforma necesaria da negociación colectiva debería contemplar e legalizar negociacións a nivel territorial, conectadas coa producción de bens onde participan diversas empresas de diversos sectores (carpinteiría, plásticos, textil, metal…)
|
||||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros medios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008 |
||||||
|