|
Actualidade / Artigo Caso Rüffert: O Tribunal de Xustiza da UE avala o traballo low cost
Héctor López de Castro Ruíz O Tribunal de Xustiza da Unión Europea resolveu o día 3 de abril de 2008 o chamado caso Rüffert cunha sentenza que lexitima abertamente o dumping social, ao rexeitar a aplicación das condicións salariais dun convenio colectivo alemán a unha empresa da construción polaca. Por motivos obvios, o sindicalismo galego (e tamén o portugués) ten a obriga de analisar este caso con atención e preocupación.
É preciso explicarmos os antecedentes do caso, que son complexos. A lei do Estado federado alemán (Land) da Baixa Saxonia sobre contratación pública prevé que os contratos administrativos só poden ser adxudicados ás empresas que se comprometan a pagar aos seus traballadores, como mínimo, o salario previsto no convenio colectivo aplicábel. A empresa adxudicataria tamén debe comprometerse a esixir aos seus subcontratistas que respecten esta condición. No caso Rüffert, o obxecto do contrato era construír unha prisión en Göttingen-Rosdorf e os salarios aplicábeis eran os regulados no convenio colectivo de Edificios e Obras Públicas, superiores ao salario mínimo previsto na lei alemá sobre desprazamento de traballadores. Porén, os operarios dunha empresa polaca subcontratista que traballaban na obra só cobraban o 46,54% do salario mínimo previsto no convenio colectivo do Land. Como consecuencia disto, a empresa adxudicataria foi condenada a pagar unha penalidade contractual de case 85.000 euros. Para o Tribunal con sede en Luxemburgo, a lei do Land da Baixa Saxonia viola a directiva comunitaria sobre desprazamento de traballadores de 1996. Esta directiva prevé que o Estado de acollida poida impor un salario mínimo ás empresas estabelecidas noutros Estados membros que executen un traballo no seu territorio. Mais este salario mínimo debe estar imposto por lei ou por un convenio colectivo declarado “de eficacia xeral”, isto é, que teña “un efecto xeral sobre todas as empresas similares que pertenzan ao sector ou á profesión de que se trate, correspondentes ao ámbito de aplicación territorial daqueles”. Porén, este non era o caso que nos ocupa. Para o Tribunal, “o efecto vinculante dun convenio colectivo como o controvertido (...) só se estende a unha parte do sector da construción comprendida no ámbito territorial daquel, na medida en que, por unha parte, a normativa que lle outorga tal efecto só se aplica aos contratos públicos, con exclusión dos contratos privados, e que, por outra parte, o dito convenio colectivo non foi declarado de aplicación xeral”. O razoamento que subxace á decisión xudicial é que estamos en presenza dunha medida proteccionista que pretende impedir a libre concorrencia entre empresas (nomeadamente as que proceden de países onde os salarios son máis baixos) no ámbito da contratación pública, pois o salario de convenio é considerado como unha “restrición da libre prestación de servizos que non está xustificado, neste caso, polo obxectivo de protección dos traballadores”. Esta sentenza sitúase na mesma liña que a do caso Laval, que entendeu que un convenio colectivo non declarado de eficacia xeral non podía ser aplicado a unha empresa estabelecida noutro Estado membro, porque aquela non ten os medios para coñecer todas as especificidades locais. O ultraliberalismo xudicial da Unión Europea parece disposto a suprimir calquera mellora sobre as normas mínimas que fixen os Estados, tratando os dereitos dos traballadores como se fosen dereitos de alfándega que distorcen a libre concorrencia. |
||||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros medios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008 |
||||||
|