|
Actualidade CIG-Comunicación-
A CIG-Ensino vai propor unha primeira mobilización, diante da Consellaría de Educación, o día 23 de abril; a convocatoria doutra concentración diante do Consello Escolar o día en que se celebre e, se é necesario, unha folga para o día 29 de abril. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino explica que “é inaceptábel o borrador presentado por Educación, que se concreta en reducir a carga horaria de tres materias, Filosofía, Educación Física e Historia o que provocará que teñan dificultades para impartir o seu currículo. Ademais este verase reducido ao mínimo e non poderá abordar o ensino destas materias desde unha perspectiva galega”. Redución horaria en Filosofía ou Historia para manter relixión no currículo A CIG-Ensino denuncia que a redución horaria destas materias imprescindíbeis na formación do alumnado, vén derivada do empeño da Consellaría en manter dentro do horario lectivo de Bacharelato o ensino da Relixión. Por iso, exixe que a relixión estea fóra do horario lectivo ordinario dos centros. A Federación de Ensino da CIG sinala que isto suporía que Filosofía e cidadanía pasase a ter tres horas, Educación Física 2 horas e Historia 4 horas, tal e como teñen na actualidade. Esta é a única medida progresista que se pode tomar para un ensino que ademais é postobrigatorio. Ademais a medida que propón a CIG é a proposta de territorios como Cataluña ou Asturias. CIG-Ensino tamén propuxo que todos os centros oferten obrigatoriamente dúas modalidades de Bacharelato, que se ofreza obrigatoriamente como optativa música I e II, tanto en primeiro como en segundo, que se inclúan como optativas de oferta obrigatoria nos centros: Historia de Galiza, Literatura galega do s. XX, Literaturas hispánicas e Filosofía da ciencia, e que, ademais das materias sinaladas no Anteproxecto como de obrigada impartición en lingua galega, se impartan na nosa lingua tamén as optativas e unha materia máis das propias de cada modalidade. Estas e outras propostas realizadas no seu día na Mesa Sectorial, forman parte das 71 emendas presentadas ao Consello Escolar de Galiza, que previsibelmente se celebrará o día 28 de abril. A CIG-Ensino tamén advirte de que se a Consellaría non reconsidera a súa postura “estamos a falar dunha situación que incidirá na formación do alumnado, e tamén terá repercusións nas condicións de traballo do profesorado, incidindo na súa mobilidade”. Por iso, agarda que a Consellaría reconsidere a súa postura ou, do contrario, manterá o calendario de mobilizacións que culminará coa folga do día 29.
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||