|
Actualidade CIG-Comunicación-
O parlamentar nacionalista explicou que, segundo se indica na Lei reguladora dos Consellos Sociais, haberá nos mesmos dous membros designados polos sindicatos con máis representación no país. Tal e como explicou o deputado, esta lei elaborouse no seu día polo goberno do PP co “claro obxectivo de excluír ao sindicalismo nacionalista”, ao marcar un número tan baixo de representantes dos sindicatos. Mais, desde finais do ano pasado, a CIG é a segunda forza sindical do país, por diante de CCOO, con 5.628 delegados polo que “sorprende que, malia ter comunicado a súa proposta de designación de representantes nos consellos das universidades a Consellaría nomease a un membro de CCOO e outro de UXT”. Aymerich lembrou, asemade, que xa existe xurisprudencia sobre este asunto ao ser interpretado este artigo en 2005 nunha sentenza que fai referencia a que este precepto “debe entenderse referido ao momento en que se producen os nomeamentos”. Ilegal do punto de vista xurídico “Excluír á CIG é unha decisión errada, un grave erro político e ilegal do punto de vista xurídico”, afirmou o portavoz nacionalista. Na súa resposta, o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galiza, José Ramón Leis Fidalgo, dixo que a Consellaría de Educación se limita a publicar a orde na que se confirman os nomeamentos mais son os Consellos Sociais os que designan aos seus membros a proposta de cada un dos órganos que o integran. O director xeral afirmou que o mandato dos Consellos rematou entre outubro e novembro do ano pasado que foi cando se lles pediu, desde a Consellaría, que se procedese á súa renovación e dixo que, segundo se ten informado ao goberno, esa era a data que se debería ter en conta e non a do nomeamento dos cargos. Un mal precedente Aymerich insistiu en que o goberno está a cometer “un grave erro político” e informou de que a CIG “enterouse de que o proceso estaba aberto e designou en tempo e forma aos seus representantes”, polo que aludiu á existencia dunha “intencionalidade clara de favorecer ao sindicalismo estatal fronte ao nacionalista, que se ten manifestado xa en outras ocasións pola vía dos feitos, sendo excluído de foros como a Mesa do Carbón”. Na súa réplica, o director xeral asegurou que recibiron no seu día a proposta de designación da CIG mais insistiu en que, tras comunicarllo aos Consellos Consultivos estes reafirmáronse nas designacións xa comunicadas e insistiu en que a Consellaría “non entra en batallas sindicais”. O portavoz do BNG opinou que esta situación “senta un precedente moi malo” e puntualizou que “aínda están a tempo de corrixilo”.
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||||
|