|
Actualidade CIG-Comunicación-
Nestor Kohan é investigador e docente da Universidade de Bos Aires (UBA). Foi xuri na Casa das Américas e no doutoramento da UBA. Ten escrito numerosos libros e ensaios desde unha óptica marxista militante. É coordenador do Colectivo Amauta – Cátedra Che Guevara da Arxentina. Néstor Kohan visitou Galiza con motivo das “XII Xornadas Independentistas Galegas”, organizadas por Primeira Linha. Ademais aproveitou a súa estadía para participar nun acto na CIG de Vigo sobre a vixencia do pensamento do Che Guevara. Zélia Garcia: Que radiografía realizas do momento que se está a vivir na actualidade na República da Arxentina? Nestor Kohan: Está vivindo un momento bastante álxido e conflitivo, porque a presidencia dos Kirchner, tanto agora de Cristina como de Nestor, xa vai polo quinto ano e comezan xa a visibilizarse sinais de desgaste político. Un sector dos propietarios agrarios, terratenentes, o gran capital que se dedica á produción de soia e á exportación de soia, que se enriqueceu durante estes cinco anos dunha maneira desmedida, porque na Arxentina despois da crise que houbo no 2001 devalouse a moeda, e un dólar, que valía supostamente un peso, pasou a valer tres pesos. Polo tanto, o sector agrario que exportaba, e sobre todo que exportaba soia, encheuse de cartos. Acumularon capital dunha maneira incríbel e ese sector, paradoxalmente, como agora o goberno tenta aplicarlle retencións móbiles a esas ganancias pero extraordinarias, revelóuselle ao goberno, pero é un sector que foi aliado do Goberno e que se enriqueceu coa política do Goberno. Neste último mes houbo un conflito moi forte porque ese sector, que politicamente está máis á dereita do goberno, entrou en colisión e cun apoio masivo dos medios de comunicación. Tentaron construir unha protesta da dereita organizada, pero eu creo que non o puideron facer. Eu estiven na rúa e vin que non había grandes masas. Na televisión aparecían como millóns de persoas, e na rúa non había millóns de persoas realmente. Pero ao mesmo tempo o goberno de Kirchner ten moi boa prensa internacional, identifícaselle como un dos progresistas, que mesmo se lle compara cos gobernos de Evo Morales en Bolivia e Chávez en Venezuela; ao noso modo de ver non é tan progresista como se presenta internacionalmente. Ten un dobre discurso, ten un discurso que apela a moitos símbolos queridos polo pobo arxentino, fala dos desaparecidos, dos dereitos humanos, das Nais da Praza de Maio, de Rodolfo Waltz, (que é un escritor desaparecido da Arxentina), pero que ao mesmo tempo, e isto coñécese menos, sanciona, e a actual presidenta que antes estaba no Parlamento, Cristina Kirchner promove unha lei pedida e exixida por Bush, que lle chamaron a lei antiterrorista, que non é contra Bin Laden nin Al Qaeda nin nada polo estilo, senón que é para a persecución da esquerda máis radical, da protesta social, e cando se lle presenta como un goberno progresista non se menciona isto da lei antiterrorista, de que este goberno mantivo a persecución xudicial que xa lle facían os gobernos neoliberais clásicos como o de Menem ou De la Rúa. Cando asume Kirchner había unhas 4.000 causas xudiciais contra dirixentes sindicais, piqueteros, estudantes, que son unha chantaxe política. Ábrenche unha causa xudicial e a próxima vez que participes nunha protesta vas preso, e é un xeito de ter atada a protesta social. División do movemento popular É un goberno que investiu moito diñeiro en fragmentar e dividir ao movemento popular. Logrou cooptar a un sector do movemento popular, e ao sector que non logrou cooptar reprímeo, abre causas xudiciais, mete en prisión aos seus dirixentes. É un modelo que mantivo presos políticos, que se coñece pouco ese tema. Actualmente hai seis labregos paraguaios perseguidos en Paraguai que foron apresados na Arxentina, e que Estados Unidos fai a campaña que teñen vencellos coas FARC colombianas, co narcotráfico, co terrorismo; toda esa campaña que fai Estados Unidos en distintos países, e o goberno arxentino vainos extraditar para envialos a Paraguai. Nós reclamamos a liberdade destes presos. É un modelo que ten unha dobre mensaxe. Eu creo que a síntese do modelo tanto do goberno de Nestor Kirchner como o de Cristina se podería representar cando viu o que entón dirixía o FMI, que fora ministro de Economía do Estado español, Rodrigo Rato, e cando visitou a Arxentina no Ministerio de Economía, que queda a cincuenta metros da Casa de Goberno Nacional. O movemento piquetero fíxolle unha protesta de repudio porque o FMI viña aplicar os plans neoliberais clásicos, e ao mesmo tempo a cincuenta metros desa sede, onde estaba o representante do FMI, o presidente Kirchner, a súa esposa e todo o elenco gobernante, facíalle unha homenaxe a Pablo Neruda, e tocaba a guitarra Isabel Parra, a filla de Violeta Parra, unha cantante chilena de esquerdas, e esa é a síntese do goberno arxentino: a homenaxe a Pablo Neruda, que era o que saía nos medios de comunicación internacionais deste “goberno progresista”, que defende a cultura de esquerdas, e ao mesmo tempo o FMI, no plano da economia. E aos piqueteros, ao movemento popular que saiu repudiar a visita do FMI, pois co que se encontrou foi con carros de asalto, policía, paus, gases lacrimóxenos, xente lastimada, balas de goma (eu coñezo a xente con balas na cara, a cabeza rota). Dobre cara do goberno Esa é a dobre cara do goberno arxentino, que foi moi hábil, porque mantivo un esquema neoliberal pero vernizado con política cultural progresista. A gran diferencia con gobernos neoliberais anteriores é que aplicaron o mesmo modelo a nivel economía, pero que se presentaban como gobernos de dereita clásica, como o PP no Estado español, e este goberno non; mantén o neoliberalismo en economía, o esquema fundamental nun país agroexportador , e por iso ten agora a pelexa de quen se queda con esa renda extraordinaria da soia que remprazou ás plantacións tradicionais de millo, de trigo; e unha soia que é transxénica, grandes monopolios multinacionais, que son os que producen esta soia, que desertifica, que destrúe a ecoloxía, que é moi daniña, pero barnizada desa política cultural pseudoprogresista, que fai máis atractivo a este goberno, e que lle garantiu cinco anos de gobernabilidade. E xa que estamos nun sindicato, a Central de Traballadores Arxentinos, que sería a terceira central sindical. Hai dúas moi burocráticas, e hai outra que é máis aberta e máis solidaria con Cuba, en cinco anos de goberno ainda non lle deu recoñecemento legal, e iso que esta central sindical apoia ao goberno. Continúan sen darlle recoñecemento legal despois de cinco anos de goberno. Se fora progresista o mínimo que tería que facer sería varrer coas burocracias sindicais tradicionais, e recoñecer como principal central sindical a esta; pero é que nin tan sequera lle outorga recoñecemento legal, xa nin tan sequera político. Manteñen a alianza coas antigas centrais sindicais peronistas e corrompidas, que avalaron o neoliberalismo, e das que os seus dirixentes se apropiaron das obras sociais, e fixeron dos sindicatos empresas capitalistas, e deixaron pasar todo o neoliberalismo na época dos noventa, cando se privatizou toda a economía, e chegouse a ter un 20% de desemprego na Arxentina. Eses sindicatos burocráticos non é só que o deixaran pasar senón que apoiaron esa política. Este goberno non fai nada contra iso, preséntase como progresista pero na vida cotiá non ten ese carácter progresista. Zélia Garcia: E que avaliación realizas da situación que hai en América Latina e dos seus gobernos? Nestor Kohan: No contexto eu resumiríao da seguinte maneira: a min paréceme que non todos os gobernos de América Latina están na mesma onda, aínda que desde fora podan parecer todos moi similares. Hai dous blocos que creo que son diferentes. En termos xerais o primeiro que che podería dicir de maneira moi rápida é que o neoliberalismo entrou en crise, o neoliberalismo clásico; non de maneira automática, senón pola loita dos pobos. Na Arxentina houbo unha rebelión de masas importante, en Bolivia, Ecuador... E houbo cambios electorais tamén, pero entra en crise o neoliberalismo clásico e hai unha nova xeración de gobernos onde conviven procesos distintos. Dous blocos diferenciados en Latinoamérica Paréceme que un bloco é o do Brasil de Lula, Uruguai de Tabaré Vázquez, a Arxentina dos Kirchner e o Chile de Bachelet. Ese bloco, ao meu modo de entender, mantén o neoliberalismo na economia clásica pero fai xestos culturais, simbólicos e moita retórica para os medios de comunicación que logo non se traduce en políticas concretas, e mantén un esquema neoliberal reciclado, presentando baixo un novo roupaxe para presentalo máis atractivo . Ese é un bloco, e paréceme que por outro lado dunha maneira bastante distinta está a Bolivia de Evo Morales, a Venezuela de Chávez, o Ecuador de Rafael Correa, e no medio está Nicaragua co sandinismo moderado, e a permanencia da revolución cubana, aliada de Chávez e Evo Morales, sobre todo. Creo que son dous blocos distintos porque neste outro bloco si hai polo menos a intención dunha confrontación máis directa con Estados Unidos, de enfrontar o ALCA, os tratados de libre comercio, e isto é unha característica moi importante, expulsar ás bases militares que Estados Unidos ten por América Latina, e que por algo as ten. Por exemplo, Rafael Correa quere reformar a Constitución para que non podan establecerse novas bases militares en Ecuador, Chavez hai tempo que rompeu os exercicios conxuntos dos militares venezuelanos cos militares de Estados Unidos, en Bolivia na nova Constitución, aínda que non lograron expulsalos porque non teñen forza, tamén están nese proceso de frear eses espazos de ocupación. En cambio, o goberno arxentino, que mencionaba antes, continúa facendo exercicios conxuntos co exército norteamericano, co “Comando Sul”, polo tanto non se rompeu esta alianza co goberno de Estados Unidos. Este segundo bloco de países (Ecuador, Bolivia e Venezuela, principalmente) si tentan romper cos tratados de libre comercio, propoñendo o ALBA, no exercicio de operacións conxuntas co exército norteamericano, e na defensa de Cuba. En cinco anos de goberno arxentino desta nova Administración nin o presidente anterior nin a actual presidenta arxentina viaxaron a Cuba. E non viaxaron a Cuba porque Bush lles dixo que non viaxaran. Prometeran que ian ir, e non foron porque Bush os chamou por teléfono e de maneira imediata o presidente arxentino di que el non viaxa a Cuba. E en Uruguai, Tabaré Vázquez, que vén do socialismo, que vén dunha tradición de esquerda clásica que non é o caso de Cristina nin de Nestor Kirchner, a pesar de vir do socialismo púxose a defender ás empresas norteamericanas, recibe a Bush, con todo o folclore, con asado e comida. En cambio, no caso de Evo Morales e de Chávez é unha actitude moito máis de enfrontamento. Paréceme que nesa conxuntura hai que diferenciar eses dous blocos, que na prensa internacional parece moitas veces que son “os gobernos progresistas” en xeral, como se foran o mesmo. Persecución do pobo mapuche O goberno de Chile, que se di socialista, persigue ao pobo mapuche. Hai unha compañeira indíxena, que estivo case 100 días de folga de fame, Patricia Troncoso, e o goberno chileno enfrontouse e nin tan sequera diante do caso dunha muller indíxena que está en folga de fame fixo que afrouxaran. Tivo que interceder a Igrexa católica para que non morrera esta presa política. Estamos falando dun suposto goberno socialista que persigue aos indíxenas, aos pobos orixinarios. Zélia Garcia: Respecto a cuestións máis de teoría e debate político, que papel consideras que debe xogar no aspecto ideolóxico á loita de clases? Nestor Kohan: Sorpréndeme nunha central sindical a pregunta pola loita de clases, porque nas tradicións arxentinas máis clásicas isto é unha mala palabra. A presidenta Cristina Kirchner ven de dicir hai dez dias “o peronismo nunca falou de loita de clases, nunca falou da loita de ricos contra pobres”, por exemplo, e por iso é que me sorprende a pregunta. Eu diría que neste panorama latinoamericano hai unha disputa por cal sería a alternativa ao neoliberalismo no plano da ideoloxia. Houbo a partir das rebelións populares, por un lado, rebelións na rúa, enfrontamento coa policia, a guerra da auga no caso de Bolivia, a do gas, a defensa dos recursos naturais contra o imperialismo e a empresa privada, máis os foros sociais mundiais, sobre todo os organizados en Portalegre, cunha intendencia progresista do Partido dos Traballadores , que despois o Partido dos Traballadores brasileiros foi xirando cara a dereita; e todo isto rematou por sintetizarse, toda esta experiencia de foros mundiais e de rebelións na rúa nunha consigna: “un outro mundo é posíbel”. E todo o mundo aceitou esa consigna. Quería dicir que remataba o neoliberalismo, que estaba esgotado e que era preciso un outro mundo distinto ao do neoliberalismo, e aí ven a disputa ideolóxica sobre cal é a alternativa, cal é ese outro mundo posíbel. Algunhas tendencias como a destes gobernos do cono sur que eu mencionei antes (Arxentina, Uruguai, Chile e Brasil) expoñen que a alternativa a ese outro mundo posíbel é un capitalismo con rostro humano, de terceira vía, como dixo Tony Blair hai uns anos, un capitalismo nacional, dialoguista, inclusivo, e mesmo algúns din, os máis ousados, un capitalismo keynesiano, cun Estado forte e non xa o capitalismo salvaxe do neoliberalismo. Esa é unha opción que no terreo da ideoloxía defendan algúns sectores que lexitiman a estes gobernos de Brasil, Uruguai, Arxentina e Chile. “A alternativa: o socialismo do século XXI” Outra opción é que a alternativa no terreo da ideoloxía neste conflito de clases, que se vive en América Latina e noutras partes do mundo, ten que ser o socialismo. A alternativa non é máis capitalismo, fronte a un capitalismo malo un suposto capitalismo bon. Fronte ao capitalismo, que é malo sempre, con rostro humano ou con rostro de policia malo, a alternativa, que esa é a nosa opción ideolóxica, debería ser o socialismo. E na América Latina quen volveu instalar na axenda política, xa non só nas universidades, nas editoriais, en internet, senón na axenda política de gobernos e de movementos sociais o problema do socialismo foi Chávez. Cando di “a revolución bolivariana cara onde vai? Cara o socialismo do século XXI”. E aí ven a disputa sobre que é o socialismo do século XXI, e eu creo que aínda non se sabe, que é unha pregunta aberta onde hai unha disputa moi forte. Un sector fala de socialismo do século XXI, pero na prática o que expón é capitalismo de estado, un Estado que inviste máis na economia pero nada máis, ó maior protección social dentro do capitalismo sen modificar as regras de xogo, pode que combatendo os efectos do neoliberalismo pero non as causas. E outra opción que é a que nós promovemos, e por iso promovemos cátedras Che Guevara, de formación política con movementos sociais, sindicais, co movemento estudantil, que temos como opción, xa o expuxo o Che Guevara hai corenta anos e nós pensamos que o seu pensamento está de actualidade, que a opción é a revolución socialista e sair do capitalismo. En Venezuela hai un proceso aberto, onde un sector quere sair do capitalismo, obviamente, enfrontados aos Estados Unidos e á propia empresa privada venezuelana. Toda a contrarrevolución que en Cuba marchou vivir a Miami, pois Venezuela ten dentro esta oposición, e Evo Morales ten a contrarrevolución interna, que aínda por riba é branca, que os desprezan por indíxenas, queren separarse do goberno central de Bolivia. En Venezuela son os chamados escuálidos, e entón nesa disputa ideolóxica, nós pensamos que o socialismo é a alternativa. No terreo da ideoloxía, a concepción do mundo, do método, a filosofía ou como o queiramos chamar, que nos sirve para defender esa opción é o marxismo. Un marxismo renovado, que non é o que caiu co Muro de Berlín, non ten nada que ver con esas experiencias burocráticas, e é por iso que nos insistimos moito coa actualidade do pensamento do Che Guevara, porque o Che Guevara, xa no ano 1965, hai 43 anos, vaticinou que a Unión Soviética ía cara o capitalismo, nun libro que se publicou no ano 2006 “Apuntes críticos á economía política”, onde el comenta criticamente o manual de economía política que se utilizaba na Unión Soviética. El era moi crítico da experiencia do socialismo burocrático europeo e asiático, e propuña un novo socialismo. Cátedras Che Guevara Promovemos o guevarismo como unha concepción ideolóxica que ten unha longa historia en América Latina, pero que ten a súa vez unha mensaxe actual. Por iso imos abrir cátedras Che Guevara en Venezuela, inauguramos dúas cátedras Che Guevara en Bolivia, a nosa en Arxentina, imos inaugurar unha en Uruguai, xa inauguramos unha o ano pasado en Chile; e con todo ese movemento de cátedras Che Guevara, que non son cátedras académicas, senón cátedras de debate político e de formación dos movementos sociais, para nese debate e nesa disputa promover a opción socialista e combater a ilusión de que se pode volver a un estado keynesiano, de que se pode volver a ese estado forte da posguerra europea, onde os sindicatos eran fortes e había uns salarios altos. Nós pensamos que é inviábel regresar a esa etapa e que saída é o socialismo. Zélia Garcia: Que figuras destacarías do marxismo? Nestor Kohan: Nós como somos latinoamericanos, o Che sintetiza desde o noso ponto de vista, non só como tradición política, senón tamén como reflexión teórica, porque hai toda unha produción teórica do Che Guevara moi pouco coñecida. Ven de publicarse hai meses unha biografía de Marx e Engels escrita polo Che Guevara, que non se coñecia. O Che para nós non é só unha camisola nin un poster, senón que hai unha produción marxista del. É certo que non é o único, pero si o máximo exponente, e que, por outra parte, a mocidade recoñece como tal. En todas as mobilizacións contra a guerra do Iraque, e todas as manifestacións de América Latina, mesmo nas mobilizacións dos inmigrantes dos Estados Unidos aparece o Che Guevara. Non só sintetiza a produción marxista clásica,un lector de Lenin sistemático, coñecedor do Capital de Marx, senón que mesmo é coñecido popularmente. Aí está a síntese. José Carlos Mariategui Na América Latina el ten un antecedente moi importante que nós rescatamos que é un peruano, José Carlos Mariategui, que visitou Italia e boa parte de Europa entre 1919 e 1923, coñeceu o marxismo europeo, pero en América Latina foi o primeiro que desde o método marxista analizou por exemplo o problema indíxena. Aplicou o marxismo a unha realidade que Marx non analizara porque non coñecia o mundo indíxena, dos pobos coloniais e do Terceiro Mundo. Na América Latina rescatamos a Mariategui, ao Che, e rescatamos a outros guevaristas posteriores: no caso de Arxentina, Mario Roberto Santucho, no caso de Chile, Miguel Enríquez, no caso de Uruguai, Miguel Sendín, no caso de Bolivia aos irmáns Inti e Coco Peredo, no caso de Salvador a Roque Dalton, no caso de Nicaragua a Carlos Fonseca, no caso de Brasil a Carlos Mariguela, a Rui Mauro Marín, e a moitos máis. E no marxismo europeo rescatamos unha figura que foi terxiversada e manipulada, e que nós consideramos que está na mesma onda que o Che Guevara, que foi Antonio Gramsci, que serviu nalgunha época para lexitimar ao eurocomunismo, a unha visión reformista que se quería adaptar ao capitalismo, pero nós pensamos que Gramsci era un revolucionario. Era un home que propuña tomar as fábricas e construir unha guarda militar obreira, que sería incompatíbel co eurocomunismo socialdemócrata. Rescatamos a un húngaro que se chama Lukacs, Rosa Luxemburgo e ao mestre de todos eles que é Lenin. Para nós Lenin ten actualidade e non é un autoritario, violento e salvaxe, senón como dicia Gramsci “o máximo exponente da filosofía da praxe”. E nós tamén lembramos a Trostky, que foi tratado como o demo durante moito tempo, como unha herexia. Para nós é un máis da tradición con todos os marxistas latinoamericanos Zélia Garcia: Cres que a formación ocupa o lugar que se merece nos movementos sociais e políticos? Que papel debería ter? Nestor Kohan: Durante moito tempo houbo un déficit de formación teórica e política, porque por un lado houbo unha derrota da esquerda radical; unha derrota que en América Latina foi a sangue e lume, e tamén en Europa Occidental. Ás correntes máis radicais, por exemplo, aos guerrilleiros alemáns a todos os suicidan, mesmo hai filmes sobre o tema. No caso da esquerda independentista do Estado español, tanto en Euskal Herria, como en Cataluña ou Galiza, tamén houbo unha represión importante. No caso da esquerda radical francesa foron esmagados tamén. Na América Latina foi impactante como se demonizou a esquerda radical italiana, que mesmo se utilizou como modelo cando algúns sectores burgueses non proclives ao fascismo lle cuestionaban á ditadura militar arxentina o ter asasinado a tanta xente, dician que estaba mal porque os mataron de noite e de xeito ilegal. Estes burgueses dicían que había que matalos de dia e coa lei na man como se fixera coa esquerda radical italiana, que os reprimiron coa Constitución na mán. A socialdemocracia contou con moitos cartos, puxo moito diñeiro en ONG's e en fundacións que fixeron unha formación política, pero que educaron aos movementos sociais no reformismo, en construir movementos sociais alleos á clase obreira, como se se puidera solucionar o patriarcalismo ou a destrución do territorio á marxe da loita de clases. E as ONG's financiadas pola socialdemocracia puxeron moitos cartos en formar politicamente á militancia, sindical, feminista, ecoloxista e estudantil nesa onda reformista. Economicismo das esquerdas clásicas E por outro lado as vellas esquerdas clásicas, con moi boa vontade, cargaban ás veces cunha mochila moi pesada que tiña que ver co economicismo, o crer que calquera disputa teórica era unha cuestión de pequenoburgueses universitarios, e sempre a teoría era sospeitosa. A realidade é que a clase traballadora precisa teoría, formarse politicamente, e en nome da clase obreira desprezar a formación é regalarlle ese espazo á dereita, porque se a esquerda non lle da importancia a ese proceso de formación política da súa militancia, dos movementos sociais e dos traballadores, pois esa formación será realizada pola dereita, sexa de maneira formal, a través de ONG's ou fundacións, ou de maneira informal, a través dos medios de comunicación. Nós disputamos con ese anti-teoricismo, esa lectura economicista do marxismo que despreza a formación. Pensamos que temos que recuperar o tempo perdido, porque hai como tres décadas que perdemos o tempo, produto da derrota da esquerda radical por un lado, produto do diñeiro da socialdemocracia por outro, e produto deste prexuízo anti-intelectualista da esquerda. Fomentamos a formación de cátedras, non no sentido universitario. En América Latina existe unha tradición moi forte de Universidades Populares, que toman o nome da universidade pero está vencellada ao movemento obreiro, e mesmo ao movemento indíxena. En Bolivia, por exemplo, na zona de Potosí hai unha universidade mineira, fundada polos sindicatos. Apréndese e debátese marxismo para os traballadores, e mesmo os dirixentes sindicais son profesores. Racha coa verticalidade do ensino tradicional e abre todo un abano de formación política da militancia desde os propios traballadores e con intelectuais vencellados ao mundo do traballo, e non tan preocupados nos seus títulos nin doutorados, senón nos debates políticos. O interesante deste proceso de formación política é que rompe as xerarquías
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
|||||||||
|