ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 10 de abril de 2008

Serafín Otero, secretario comarcal CIG Banca de Vigo
“En Bosch traballan 1.200 persoas, das que 750 son da empresa e só 70 con contrato fixo”

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Asemblea de delegados/as en Ourense; clic para aumentar
 
A continuación reproducimos unha entrevista con Serafín Otero, secretario comarcal da Federación da Banca da CIG en Vigo, na que realiza unha radiografía dos distintos sectores desta federación, asi como relata as situacións máis importantes de conflitividade, como os despedimentos e sancións na empresa de telemarketing Bosch.

Zélia Garcia: Pódesnos facer unha radiografía da federación da Banca na comarca de Vigo?

Serafín Otero: A situación en principio é difícil porque é rara. Nós éramos unha federación que aparentemente viñamos exclusivamente do sector financeiro; logo empezamos a meternos no que era oficinas e despachos, e entrando, no que estamos agora, nas empresas do telemarketing.

A verdade é que cando fas sindicalismo en empresas dalgunha maneira tan distintas iso conleva unha situación distinta e complexa, porque non estábamos afeitos no sector financeiro a isto. Cando empezamos facer as eleccións sindicais, nós sempre nos centramos moito máis no que era o noso sector, sector da banca e do aforro.

No sector da banca e do aforro os resultados son bastante bos, pero cada vez o temos máis complicado porque cada vez se presentan máis centrais sindicais nas eleccións, e por moi bos resultados que teñamos, a pesar de gañar, hai que darse conta que nas empresas galegas somos o primeiro sindicato, e logo dos catro bancos estatais mais importantes somos primeira forza sindical en Banesto e BBVA. Quédanos aí pendente o BSCH e POPULAR.

Non temos moito problema no sector da banca en organizarnos xa que cada un funciona como seccións sindicais e está bastante ben estruturado.

Onde temos problemas realmente é no sector de oficinas e despachos e no sector do telemarketing, xa que son sectores que teñen unha precariedade absoluta.

En oficinas chegamos agora a un acordo no tema salarial, única e exclusivamente, pero estamos sen convenio desde o ano 1997, e esperamos que agora con ese acordo, no que tivemos unha mediación (AGA) para actualizar e mellorar o texto do convenio no próximo mes de outubro, para os traballadores aqui na provincia de Pontevedra. Agora o que fixemos única e exclusivamente foi asinar as táboas aplicando o IPC dos anos 2004, 2005, 2006 e 2007 , xa que había xente que aínda estaba cobrando o que eran os salarios do 2004. Oficinas e despachos é o caixón desastre de todos os sectores, porque ao final xuntamos xente da construción, do metal, do mar e a todos lle aplican o convenio de oficinas e despachos.

Desgraciadamente neste momento mesmo na banca e no aforro hai xente xa que se lle está aplicando o convenio de oficinas e despachos porque son empresas contratadas para facer o mesmo traballo que realizabamos nós, a xente que somos do sector.

E logo nos topamos coa xente de telemarketing, que é xente nova, que é xente que ten este como o seu primeiro emprego e que están empresas onde hai unha situación moi grande de precariedade e moi pouca estabilidade no emprego. Neste momento mesmo estamos en conflito nalgunha empresa, da que podemos falar máis adiante en concreto.

Proceso electoral e afiliación

Zélia Garcia: Que avaliación realizades do proceso de eleccións sindicais que ven de rematar?

Serafín Otero: Nas eleccións sindicais non fomos capaces de ser aqui na comarca a primeira como temos sido outras veces pero tamén é certo que nós máis que comarca de Vigo actuamos dun xeito máis provincial que comarcal. A nosa situación no sector financeiro é unha situación totalmente provincial, xa que os comités son provinciais, polo que cando vemos o computo temos que velo pola totalidade, e na provincia de Pontevedra quedamos como segunda forza sindical e moi perto da UGT que foi a primeira. Pensamos mesmo que neste período que se abre agora que podemos pasar a ser a primeira forza sindical. Podiamos estar máis satisfeitos se conseguiramos outros resultados e foramos a primeira, pero é difícil porque nos movemos nun sector complicado.

Zélia Garcia: Cal é a situación respecto á afiliación?

Serafín Otero: Está incrementando. Somos unha federación pequena, que ten un incremento lento pero que continuamos a aumentar. É certo que o sector financeiro non é que teña moitos traballadores e por iso é difícil. Logo tamén a afiliación está moi repartida entre outras centrais sindicais. Oficinas e despachos agora está comezando a afiliarse a xente, o que pasa é que canta máis afiliación temos tamén temos moitísima máis conflitividade.

Zélia Garcia: Como avalias o período que vai desde o último congreso comarcal no que saíches elixido secretario comarcal? Que retos hai neste camiño?

Serafín Otero: Aínda estamos un pouco asentándonos. Era un pouco o que explicaba antes, xa que unha cousa é o sector financeiro e logo por outra parte son os demais sectores. Gostaria de ser quen de integrar todos os sectores, sobre todo, a hora de ter un funcionamento máis conxunto entre eles e aproveitar a experiencia que temos os do sector financeiro, que levamos moitos anos no sindicato, e que esa experiencia lla podamos pasar á xente nova que entra neste momento tanto en oficinas como nas empresas de telemarketing, e iso é o que tentamos aqui na comarca. É unha experiencia distinta porque é bastante complicado, porque a pesar de que no sector financeiro é un sector que temos os nosos problemas e hai loitas sindicais importantes, non temos a mesma precariedade que poden ter a xente de oficinas de despachos e telemarketing. Ai vénse diferencias aínda moi espectaculares. Quédanos esa materia pendente, para ver como somos quen de que a xente nova, que é a esperanza neste momento tanta de oficinas como de telemarketing, puideran formar parte en pouco tempo dos organismos da Federación, e aí cambiarían as cousas. Eu creo que é máis importante que esa xente poida ter unha maior implicación na federación, compartindo co a xente do sector financeiro que por outra banda está moito máis asentada e organizada doutro xeito xa, porque está organizada dentro das súas propias empresas.

Represión nas empresas de telemarketing

Zélia Garcia: Respecto á situación no telemarketing, que está a acontecer en Vigo con estas empresas, en concreto, en Bosch?

Serafín Otero: O caso de Bosch é o caso típico de sempre, como o caso de Unísono e como o caso de sempre, que son empresas de telemarketing que neste momento Galiza está acollendo moitas destas empresas, e son empresas que teñen unha contratación cun nivel moi alto a través do que son as ETT's antes de pasar á empresa, e cando a xente pasa ás empresas tampouco lles fan uns contratos que sexan os mellores do mundo, senón que continúan a ser contratos con moitísima precariedade.

O malo de toda esa historia é que estamos vendo que está habendo unha deslocalización importante, e esa deslocalización leva a que ao final xente que está traballando aqui neste momento pasará dentro de pouco a ser parados, e esa situación críspanos e está facendo que nos movamos, os traballadores e as traballadoras desas empresas conxuntamente coa central sindical.

Desde que empezamos aí a interesarnos por esa situación, en Bosch mudaron as cousas, e despois das eleccións sindicais, nos que tivemos uns resultados marabillosos, porque obtivemos o 70% dos votos de todos os traballadores. Estamos falando dunha empresa na que traballan 1.200 persoas das que 750 son da empresa con 70 con contrato fixo e 450 de ETT's. A partir de aí hai unha represión moi grande por parte da empresa aos nosos delegados e delegadas, e temos aberto un conflito.

Tivemos unha folga o 21 de decembro, unha folga en telemarketing pola negociación colectiva, que entendemos que foi unha folga no caso de Bosch na que praticamente se asumiu por todo o mundo esa folga. A empresa entende que a quen hai que perseguir é á CIG porque é o único que lle pode facer fronte aos conflitos que veñan probabelmente en moi pouco tempo.

Estamos nun momento de moita conflitividade, e o que está claro é que lle daremos a cara a todos eses conflitos. Temos despedimentos e represión, sancións aos nosos delegados e delegadas, é unha constante. Tentamos negociar e chegar a acordos por todos os medios coa empresa, pero está claro que esa non é a via neste momento. Probabelmente en poucos días teremos que facer algo importante, porque xa non pode ser un problema interno entre sindicato e empresa, senón que a propia cidadanía de Vigo ten que ter coñecemento de que existe unha empresa desas características, que ten moitos empregos e que neste momento están en xogo, e sobre todo, porque é xente moi nova.

Sector financeiro en movemento

Zélia Garcia: Continúa a haber conflitividade noutros sectores da federación como o sector financeiro?

Serafín Otero: Temos máis conflitos porque o sector financeiro non por ser un sector no que non hai tanta precariedade como noutros si que existe unha permanente conflitividade. A CIG somos a única central sindical que lle esta dando a cara, e por iso tamén obtemos os resultados e o respaldo dos traballadores que temos no sector financeiro. Somos os primeiros no que respecta á banca na Galiza, non en todo o computo da federación pero si no sector da banca.

Ao dia de hoxe continuamos nese sair á rúa e enfrontarnos á negociación colectiva pola cantidade de problemas que existen, presións a través da mobilidade xeográfica, funcional, e que senón estiveramos aí entendemos que habería moitos máis casos de precariedade. A CIG dá a cara en todos eses conflitos, e iso significa unha certa represión en certas entidades financeiras.

Eu penso que en Galiza ao final sempre gañamos as batallas, pero porque sempre seguimos mantendo esa presión. Cada vez que hai unha sanción, como temos agora unha persoa que se presentou nunha lista por nós en Caixanova en Sarriá, seguimos aí, mobilizámonos.

A pesar de que non somos xente moi nova, estamos nun proceso posibelmente pronto de renovación, continuamos a facerlle fronte a esas historias.

A verdade é que na comarca de Vigo non temos conflitividade neste momento no sector financeiro, pero eu creo que se non a temos é porque o traballo que se fai desde as seccións sindicais é bo. A conflitividade témola máis a nivel nacional e de conxunto, pero tamén existe. Os delegados mantémolos constantemente en mobilizacións, que entendemos que é asi como se debe facer o sindicalismo.

 
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta