ActualidadeVolver a Actualidade


Coruña, 7 de abril de 2008

Acción neglixente da Seguridade Social
A CIG de Ourense denuncia un caso grave de desconsideración cun traballador afectado de silicose complicada

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
 
Os afectados de silicose na lousa son desprezados pola seguridade social e as mutuas, e esta afirmación é contrastada con datos obxectivos e a denuncia de casos concretos, que desde hai tempo vén realizando a CIG, e que volve estar de actualidade por un novo caso de trato neglixente.

En concreto desde Ourense, a comarca da CIG ven de denunciar un caso grave de desconsideración con un traballador afectado por un caso de silicose complicada.

Desde a Confederación Intersindical Galega de Ourense denunciaron o venres 4 de abril o trato que desde as Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais, e o que é pior aínda, desde o propio Instituto da Seguridade Social, se lle está dispensando aos traballadores afectados de silicose no sector da Lousa.

Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense, critica que “se xa de por si a normativa legal é absolutamente insensíbel e desconsiderada coas
persoas que inician a enfermidade, obrigándoos na práctica a seguir contaminándose para que a cualificación legal da enfermidade aumente ao segundo grao, e poder acceder así a unha pensión de pouco máis da metade do salario, a desprotección e desinformación que padecen confírelle aínda maior gravidade”.
Desde a CIG de Ourense fan público un caso recente que poder ser significativo e representativo do que estamos a falar:

Un traballador ao que se lle detecta a enfermidade, cualificada polo Instituto de Silicose de Oviedo como “silicose complicada” é valorado polo “Equipo de Valoración de Incapacidades” da Seguridade Social e resólvese que se lle concede a Incapacidade Absoluta por enfermidade profesional, polo que non está apto para traballar en oficio algún e a súa pensión é do 100% do salario.

A Mutua recorre a resolución inicial e o INSS acepta dito recurso e rebáixalle a cualificación da pensión de invalidez, concedéndolle unicamente a Incapcidade Permanente Total, cunha pensión do 55% da súa base reguladora.

Actores en xogo neste conflito

Temos pois cinco actores en escena:

1. A Mutua: A mesma que tiña que terlle diagnosticada a enfermidade cando
comezou a manifestárselle (hai xa anos) e que tiña que telo cualificado como “non apto” para o seu posto, que, non contenta con non ter feito o seu traballo, dedícase a tentar dividirlle pola metade a pensión.
2. A Seguridade Social: A que unicamente utiliza criterios economicistas para
aforrar diñeiro en prestacións, en lugar de poñer os feitos (absoluto abandono de responsabilidades da Mutua) en coñecemento da autoridade laboral e sanitaria, a fin de que procedan a retirarlle a concesión administrativa para exercer como tal.
3. As autoridades, a laboral e a sanitaria: que permiten que as mutuas e os
servizos de prevención incumpran reiteradamente a obriga de realizar a
vixilancia da saúde dos traballadores e que se continúe a privatización da
sanidade pública.
4. As empresas: que durante moitos anos non prestaron a mais mínima atención ás medidas de seguridade e consentiron a exposición de moitos traballadores a contaminantes como o pó de sílice sen protección de ningún tipo.
5. O traballador: que despois de décadas de traballo sen protección e sen ser
informado dos riscos aos que estaba exposto, adquire unha enfermidade
incurábel, non poderá volver traballar e pasará a cobrar a metade do seu
salario.

Maior compromiso diante deste problema

Ante estes feitos, a CIG de Ourense esixe “maior compromiso das administracións e das partes interesadas co problema que temos diante noso.
Non estamos dispostos a consentir desprezos coma o que estamos a denunciar e imos actuar con todos os medios ao noso alcance para evitalos”.

Etelvino Blanco engade que “cada parte da administración implicada, debe asumir a responsabilidade que lle corresponde, ao igual que os empresarios deben admitir que estamos recollendo a falla de prevención que durante décadas imperou nos sistemas de produción”.

Para finalizar, Blanco anunciou que “a Confederación Intersindical Galega saberá combater esta situación desigual e inxusta, tanto desde o ámbito xurídico como desde o sociopolítico, levando as nosas propostas a todos os foros nos que teñamos participación”.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta