ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 7 de abril de 2008

Considera que poderían derivarse responsabilidades políticas e penais
A CIG denuncia a actitude neglixente da Xunta de Galiza por non adoptar medidas ante os casos de silicose detectados

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
 
O Instituto de Silicose de Oviedo realizou diversos estudios dirixidos a determinar o grao de afectación desta enfermidade nos traballadores do sector da pedra en Galiza. Dados os preocupantes resultados, en xullo de 2007 asinouse un Plan de Actuación no que se recollían toda unha serie de medidas a pór en marcha por parte da Xunta de Galiza. A CIG vén de denunciar, en rolda de prensa, que transcorrido case un ano desde a sinatura deste Plan, aínda non se puxo en marcha nin a primeira.

A Lei de Prevención estabelece que nas enfermidades profesionais diagnosticadas, para protexer a saúde do traballador, é obrigatorio o cambio de posto de traballo. Porén, malia estar detectados casos de silicose desde o ano 2005 e de existir un Plan de Actuación nesta materia desde 2007, non se ten adoptado, desde a Xunta de Galiza, medida algunha.

Entre mentres, a enfermidade segue avanzando e Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, sinala que a Xunta de Galiza ten unha clara responsabilidade política por manter unha actitude “neglixente” ao non ter actuado para atallar un problema de semellante gravidade. Alcántara apunta fundamentalmente á consellaría de Sanidade, pero fai extensiva esta responsabilidade tamén á consellaría de Traballo e á propia Inspección de Traballo.

O secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral lembra que no ano 2006 a Confederación Intersindical Galega, que xa levaba tempo alertando sobre a situación, presentou unha demanda pola posíbel responsabilidade penal das mutuas. Estas entidades teñen, por lei, a obriga de facer recoñecementos específicos sobre riscos para a saúde relacionados co posto de traballo. Porén, curiosamente, nos recoñecementos médicos realizados “non detectaron nin un só caso o que demostra que non estaban facendo este tipo de recoñecementos”.

Nesa ocasión, a demanda foi desestimada polo fiscal ao non existiren denuncias preliminares por falta de medidas de prevención. Antolín Alcántara explica que o problema é que a Inspección de Traballo non ten competencias para facer controis nas canteiras, ao ser unha actividade de minería e, polo tanto, competencia da Inspección de Minas. Porén, até o de agora tampouco había inspectores de Minas en Galiza por mor da escasa dotación de persoal da consellaría de Industria. Unha situación derivada do anterior goberno e que aínda agora se está intentando subsanar creando as prazas necesarias desde a actual consellaría de Industria.

En todo caso, o secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral afirma que malia desestimarse a demanda, a CIG segue a considerar que por parte das Mútuas hai responsabilidade penal. Responsabilidade que tamén fai extensíbel á Xunta de Galiza, máis cando xa transcorreu case un ano desde que se aprobou o famoso Plan de Actuación.

Este Plan asinábase tras dun prolongado proceso de debate do grupo de Traballo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, polas consellarías de Sanidade, Traballo e Industria, xunto coas centrais sindicais CIG, UGT e CCOO e máis as patronais da pedra. Como prioridade estabelecíase o seguimento e control da saúde dos traballadores e traballadoras do sector da pedra natural de Galiza.

O acordo adoptábase tras coñecer os resultados dos estudios realizados polo Instituto da Silicose de Oviedo, dos que se tiraba que nas canteiras galegas, no ano 2005 había un 17% de traballadores afectados, en algún grao, de silicose, e en 2006 o 13%.

Para un coñecemento máis en profundidade desta realidade acordábase, ademais, que o Instituto da Silicose de Oviedo elaborase un estudio enfocado, desta volta, aos traballadores do sector da lousa da zona de Valdeorras.

Outra vez os resultados confirmaban a existencia dun 6,3% de traballadores que presentan a enfermidade, nestas explotacións. O estudio, realizado sobre 398 traballadores, amosa que un 6,3% deles presentaba a enfermidade. En concreto, que 25 deles estaban enfermos de silicose, 21 deles na fase inicial e outros catro nunha fase avanzada. Pero se nestes a enfermidade tiña unha clarísima confirmación, os datos sinalan que outros 89 amosan indicios deste mal con presencia de “opacidades pulmonares” pequenas e medianas.

O Plan de Actuación

As propostas de actuación relativas á situación dos traballadores das canteiras de Galicia afectados por silicose –pendente de se pór en marcha- inclúe un plan de inspeccións, coa intención de programar e coordinar a actuación da Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas e dos Servizos Provinciais de Minas (Servizos de Policía Mineira, cando estea creado) para velar polo cumprimento da legalidade e prever e combater as infraccións en materia de seguridade e saúde no traballo.

De xeito especial incidiríase na documentación obrigatoria que ten que ter a empresa en materia de prevención; revisión e control dos resultados das medicións de po e ruído; centros de traballo e pistas interiores; frontes de explotación; equipamento en xeral e maquinaria móbil, como equipos de loita contra o po, utilización de auga en pistas, bancos... e hermeticidade de cabinas, ademais dun incremento do cadro de persoal de inspección da autoridade mineira. Neste apartado a responsabilidade recaería na Consellaría de Industria.

Pola súa banda a Consellaría de Traballo sería responsábel de instar ao goberno central para que se levasen a cabo actuacións administrativas ou normativas como: revisar os actuais coeficientes redutores de xeito que se equiparen os coeficientes asignados ás categorías da minaría exterior –ceo aberto- aos das categorías da minaría interior; a racionalización dos códigos de cotización para os efectos de que nos informes da vida laboral se identifique automaticamente a actividade mineira, de xeito que o traballador acredite unicamente o posto de traballo desempeñado e non a actividade da empresa á hora de efectuar o cálculo da idade de xubilación e a solicitude de novas medidas referidas a outros subsectores de actividades relacionados, sempre que concorran análogas circunstancias de penosidade, toxicidade, perigosidade ou insalubridade.

Segundo este Plan., ambas consellarías (Industria e Traballo) terían que ter desenvolvido un plan de emprego alternativo creando unha bolsa de emprego específica para aqueles afectados polo grao 1 e 2 de silicose para que se puideran incorporar a outras actividades exentas de risco.
Xunto a isto prevíase unha auditoría dos servizos de prevención, a comunicación por parte dos facultativos do servizo público de saúde das enfermidades que pode´rian ser cualificadas como profesionais e campañas informativas aos facultativos do servizo público de saúde. Todo isto a consellaría de Sanidade.

Tamén estaba prevista a creación dunha comisión de seguimento no seo do Consello galego de Seguridade e Saúde Laboral; extremar a vixilancia na adopción de medidas de protección persoal e protección técnica; o estabelecemento de medidas de reparación aos traballadores afectados.

Pois ben, tal e como denunciaron Antolín Alcántara e o secretario nacional de prevención da federación de Construción, Alberte Fernández Campos, nada disto se ten feito.

Demanda de solucións e da aplicación de medidas inmediatas

Por iso a CIG segue a demandar das autoridades competentes “solucións eficaces para as persoas afectadas e medidas que impidan que ningún traballador/a poida desenvoñver a enfermidade”. Entre outras, exixe:

  • Coeficientes reductores similares ós existentes na minería de interior.
  • Unidade Médica especializada en Silicose nos Centro Hospitalario correspondente á zona de Valdeorras.
  • Racionalización dos códigos de cotización para os efectos de que nos informes da vida laboral se identifique automaticamente a actividade mineira, de xeito que o traballador acredite unicamente o posto de traballo desempeñado e non a actividade da empresa á hora de efectuar o cálculo da idade de xubilación.
  • Recoñecer a situación de incapacidade total dos traballadores que padecen o primeiro grao de silicose, cando non poidan acceder a outro posto de traballo compatible e exento de risco pulvíxeno na mesma empresa.
  • Crear unha bolsa de emprego específica para aqueles afectados polo grao 1 e 2 de silicose co gallo de que se poidan incorporar a outras actividades exentas de risco. Nesta liña, xunto coa formación específica, poderíase ao mesmo tempo estudiar aqueles postos de traballo dentro desta rama de actividade que terían unha menor incidencia de po e ruído de xeito que coa formación adecuada puideran ser desenvoltos polos traballadores afectados.

 
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta