|
Actualidade CIG-Comunicación- A Confederación Intersindical Galega, sector Correos e Telégrafos, vén de denunciar a situación na que se atopa o servizo de reparto de Correos no concello de Teo por mor da insuficiencia de carteiros. Máis de 500 veciños e veciñas xa asinaron un escrito demandando a mellora do servizo. O pasado 31 de marzo, a CIG-Correos envioulle ao Presidente de Correos e mais ao Delegado do Goberno en Galiza mais de 500 sinaturas de veciños e veciñas de Teo solicitando unha mellora do servizo de reparto no concello de Teo. Manuel Anxo Álvarez Amado, secretario de Organización de CIG-Correos, denuncia que recorreron a estas instancias debido a que “o Director Territorial de Correos en Galiza non ten ningún interese en solucionar un problema que lle afecta a miles de veciños de Teo que, día tras día, sofren as consecuencias do mal servizo que Correos presta no concello de Teo debido á insuficiencia de carteiros”. O secretario de Organización do sector engade ademais que na última semana de marzo, Correos levou a cabo un novo estudo de dimensionamento do cadro de persoal de reparto no concello de Teo. O anterior fixérase no ano 2005 e daquela, segundo os datos obtidos reflectíase a necesidade de aumentar o cadro de persoal de reparto en 3,4 carteiros mais. Porén, “a día de hoxe aínda non se levou a cabo dito aumento de cadro de persoal, polo que, dende a CIG-Correos pensamos que desta vez sexa tamén un xesto cara a galería por parte de Correos” afirma. Alén diso, denuncia que no período no que se tomaron os datos -última semana de marzo do 2008- o volume de correspondencia que entrou na Oficina de Correos de Cacheiras para repartir, diminuíu ‘casualmente’ en cerca do 30 por cento con respecto a outros períodos normais. Isto, alén de “semellar fraudulento, xa que se obteñen uns datos que poden facer diminuír a nova asignación de máis efectivos de reparto a esta oficina, pode ser delictivo” explica Álvarez Amado, quen anuncia que a CIG vai estudiar co seu equipo xurídico “se hai indicios que motiven poñer en coñecemento de quen proceda dito feito, cousa habitual en Correos cando vai medir a carga de traballo dos carteiros, xa que case sempre coincide, paradoxicamente, con períodos do pouco tráfico postal na oficina a estudiar”. Dada a situación, Álvarez Amado é contundente e afirma que “desde a CIG, solicitamos o cese do Director Territorial de Correos en Galiza, Ricardo Martínez Bereijo, por ser o responsable do mal servizo de Correos en Teo”. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||
|