|
Actualidade CIG-Comunicación-
A denuncia presentouse logo de que ao denunciante lle denegaran unha licencia por enfermidade por parte do xefe provincial de Correos da Coruña previo informe do xefe do servizo médico de Correos da Coruña. Segundo a sentenza “produciuse unha vulneración da normativa de protección de datos de carácter persoal ao facilitar o acceso a datos de saúde do denunciante a unha persoa distinta do mesmo afectado ou dos servizos médicos”. A sentenza engade que “o deber de confidencialidade obriga non só ao responsábel do ficheiro senón a todo aquel que interveña en calquera fase do tratamento” e que quedou comprobado que “se produciu ausencia de confidencialidade na información tratada ao efectuarse a anotación correspondente no rexistro de entrada, para o que o empregado encargado do mesmo, tivo acceso ao informe que contiña datos de saúde do denunciante”. Na sentenza tamén se especifica que “a especial protección conferida aos datos relacionados coa saúde das persoas non é arbitraria, senón que resulta do disposto nas normas internacionais e comunitarias reguladoras do tratamento automatizado de datos de carácter persoal”. Así recolle artigos referidos a este tema de Directivas Comunitarias, de convenios do Consello de Europa, da propia Carta Magna da Organización Mundial da Saúde, Recomendacións do Comité de Ministros (13 de febreiro de 1997)... todas elas normativas ratificadas polo estado español e que forman parte do noso ordenamento xurídico. A propia Lei Orgánica de Protección de Datos, no seu artigo 7 subliña que a informacións máis sensíbel, que afecta en maior medida á intimidade e privacidade das persoas e ao exercicio dos dereitos fundamentais amparados pola Constitución, sexan obxecto dunha protección reforzada, que pasa, na maior parte dos supostos, pola exixencia do consentimento expreso do afectado para o seu tratamento. Desde a CIG-Correos sinálase que a devandita vulneración “pensamos que podería terse producido en moitos máis casos. Para nós é un feito de extrema gravidade que constata o interese da entidade por controlar aos traballadores e traballadoras, até o punto de chegar a vulnerar a legalidade vixente”, segundo afirma Manuel Anxo Álvarez Amado, secretario de Organización de CIG-Correos. CIG-Correos vai solicitar unha explicación destes feitos e exixe a dimisión do Director Territorial de Correos en Galiza, Ricardo Martínez Bereijo, e do Xefe dos Servizos Médicos de Correos da Coruña.
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||||
|