ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 17 de abril de 2008

Defenderán a reforma do actual sistema nas negociacións que comezan o día 25 de abril
CIG-Saúde aposta por manter e reforzar a dedicación exclusiva dos facultativos da Sanidade Pública (SERGAS)

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
Rolda de prensa de CIG-Saúde (martes 15 de abril de 2008). De esquerda a dereita, Manuel González Moreira, Xoán Cons, Francisco Vázquez Vizoso e María Xosé Abuín, membros da Executiva Federal de CIG-Saúde e da Agrupación Médica da CIG.
 
O próximo 25 de abril comezan as negociacións sobre o complemento específico que reciben os facultativos que só traballan no Sergas. Unha negociación na que CIG-Saúde defenderá a exclusividade dos médicos do sistema público e a necesidade de reformar o actual modelo de dedicación exclusiva.

A porcentaxe de médicos do SERGAS que non teñen dedicación exclusiva, ou sexa que traballan no sector público e no privado, sitúase en aproximadamente un 14%, chegando até o 20% nas especialidades cirúrxicas.

O 80-86% restante recibe, a cambio do seu compromiso de non traballar no seu tempo libre noutra empresa, unha compensación económica: o denominado Complemento Específico (CE), que no ano 2007 ascendía a 778,56 € para a grande maioría dos facultativos de Atención Especializada e Atención Primaria, chegando até os 951,56 € para os xefes de servizo de Atención Especializada.

Esta situación era, até hai pouco tempo, semellante en todas as Comunidades Autónomas. Porén, nos últimos anos nalgunhas delas introducíronse cambios lexislativos mediante os que se igualaron as retribucións percibidas polos facultativos que só traballan na sanidade pública coas de aqueles que, ademais, traballan no sector privado.

Esa “xeneralización do complemento específico”, supuxo que esa retribución especial ligada á exclusividade pasase a ser percibida por todos os facultativos, independentemente de que tiveran ou non dedicación exclusiva. A consecuencia práctica, foi a desaparición de calquera incentivo económico para que os profesionais optaran pola dedicación exclusiva.

A piques de comezar as negociacións respecto deste complemento específico, non falta en Galiza quen defenda medidas similares. Ante isto, CIG-Saúde subliña que o feito de que en 14 comunidades autónomas se teñan eliminado os estímulos económicos asociados á dedicación exclusiva, o único que demostra é que “os intereses do sistema sanitario público teñen sido mal defendidos nesas comunidades, en boa medida debido á confusión ideolóxica e á cegueira diante do neoliberalismo no que caeron moitos profesionais, administradores sanitarios e dirixentes sindicais que, cando menos en teoría deberían ter defendido a dedicación exclusiva”.

Fronte a isto, a CIG-Saúde considera que a dedicación exclusiva, non só ten que manterse, senón que debe ser potenciada. Deste xeito, Francisco Vázquez Vizoso, representante da Agrupación Médica da CIG, explica que “a súa existencia é un elemento esencial para que poida existir un sistema sanitario público de calidade. Está plenamente xustificado que aos médicos que se comprometen a traballar en exclusividade para o sistema público, se lles retribúa dun xeito especial o seu compromiso de non traballar tamén para outra empresa”.

De feito, a compensación económica por exclusividade está contemplada no propio Estatuto dos Traballadores (art. 21) e, como lembra Xan Cons, secretario nacional de CIG-Saúde, “é unha práctica habitual no mundo da empresa”. Ademais, existe xurisprudencia clara no sentido de que non se pode considerar discriminatoria a diferenza salarial asociada á dedicación exclusiva, en base ao principio de favorecer a non existencia de competencia desleal.

Comportamentos oportunistas

Vizoso salienta tamén os problemas que para a Sanidade Pblica xera o pluriemprego de certos facultativos, ao xurdir un conflito de intereses que se resolve, en demasiadas ocasións “estabelecéndose unha relación parasitaria na que á sanidade pública se lle chuchan os seus recursos en beneficio da privada”.

Así, afirma que este conflito de intereses potencia –sen que se poida xeneralizar a todos os facultativos que teñen práctica dual- os ‘comportamentos oportunistas potenciais da práctica médica’, nomeadamente “o absentismo e o escaqueo; o desvío de doentes ao sector privado; a demanda inducida e a selección de doentes e a apropiación e o uso indebido dos recursos públicos para fins privados”.

Este representante da Agrupación Médica da CIG-Saúde tamén salienta que se ten constatado que aqueles profesionais que traballan exclusivamente no sector público teñen unha maior dedicación que os que están pluriempregados.

Proposta dunha nova exclusiva

CIG-Saúde defenderá a reforma do actual sistema de retribución da dedicación exclusiva. Na súa proposta explica que debe ter como unha das súas características a de pór tempo de traballo de facultativos a disposición do sistema sanitario. Ese novo tempo de traballo, sobre todo en moitas especialidades nas que hai déficit de profesionais, é imprescindíbel para poder atender as cada vez maiores demandas de poboación e unhas listas de espera claramente excesivas.

Ao tempo, permitiría incrementar o tempo útil de actividade de moitas infraestruturas e recursos técnicos hoxe infrautilizados na sanidade pública. En termos prácticos, isto significa, basicamente, gañar horas de actividade de tarde, sobre todo asistencial. Pero tamén docente e investigadora.

A nova exclusiva debería, segundo CIG-Saúde, retribuír aos profesionais que opten por comprometerse a traballar só na pública, mais debe retribuír tamén a súa aceptación a realizar un certo incremento da xornada, a realizar basicamente polas tardes, de forma independente e compatíbel coa específica compensación do propio traballo realizado nesa prolongación de xornada.

A renegociación do actual réxime de exclusiva, en ningún caso poderá supor unha redución das actuais retribucións ligadas á dedicación exclusiva. Calquera incremento retributivo que, nesa renegociación, acaden os profesionais que non teñan exclusiva debe ir acompañada dun incremento retributivo cando menos similar para os médicos que opten pola exclusiva.

A adscrición á nova exclusiva será voluntaria, e ningún facultativo que na actualidade teña a exclusiva verá reducidos os seus ingresos polo feito de non optar pola nova oferta de exclusiva que se pacte.

Unha posíbel reordenación da actividade de tarde, ligada ao estabelecemento dunha nova exclusiva, debe incluír alternativas aos actuais programas de autoconcertación e de exención de gardas.

Descarga en .pdf
 
pdfseparadorVoceiro da Agrupación Médica de CIG-Saúde

 

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta