ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 2 de abril de 2008

Con motivo do xuízo
Nova concentración da CIG contra o despedimento dunha delegada en Bosch

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
 
O día 1 de abril tivo lugar o xuízo polo despedimento dunha delegada da CIG no centro de chamadas da multinacional Bosch en Vigo. Previamente, tivo lugar unha concentración diante da sede dos Xulgados para denunciar a política represiva desta empresa na que traballan 1.100 persoas, das que só 70 teñen contrato fixo.

A porta dos Xulgados na cidade de Vigo foi o escenario dun novo acto de protesta da Sección Sindical da CIG Telemárketing en Bosch, contra a política laboral da multinacional alemá no seu centro de chamadas de Vigo, unha política que a CIG tacha de represiva.

Este foi o primeiro xuízo celebrado polas demandas presentadas contra a empresa. Ao longo do último mes celebráronse varios actos de conciliación, estando outros previstos para os vindeiros días.

Cabe lembrar que Bosch despediu a unha delegada (xuízo celebrado hoxe) e a unha candidata da CIG, e emprendeu unha campaña contra outras persoas vinculadas ao Sindicato nacionalista con sancións e persecución sindical.

Polo de agora só dous dos actos de conciliación celebráronse con avinza. No primeiro caso, o dun delegado da CIG ao que lle foran modificadas as condicións de traballo, acordouse repoñelo nas condicións anteriores. No segundo, a empresa concedeu, tal e como prevé a Lei, unha redución de xornada a unha traballadora para o coidado de fillos, tal e como ela solicitaba. Neste último caso, esta traballadora foi sancionada aos poucos días de solicitar a redución que lle fora denegada. A conciliación sobre a sanción foi sen avinza, polo que haberá que agardar ao xuízo.

Durante o xuízo polo despedimento da delegada, quedou en evidencia que a traballadora foi cambiada de centro de traballo aos tres días de coñecer a empresa que ía na candidatura da CIG, sendo trasladada a un centro de traballo con menos persoal e rebaixándolle as funcións que realizada. Posteriormente, o día 20 de decembro saíu elixida delegada e o día 21 participou na folga convocada para o sector de telemárketing. O cese na empresa foille notificado o día 27 de decembro.

Para a Sección Sindical da CIG, Bosch ten en marcha unha campaña contra o sindicato despois de gañar rotundamente as eleccións para a ampliación do comité de empresa, e do éxito da folga, co fin de tratar de amedrentar ao persoal para que se dobregue e renuncie aos seus dereitos laborais.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta