Actualidade / Artigo Capitalismo de pánico Ignacio Ramonet En moitos países de orientación neoliberal, onde non se cesou de repetir o sacro mandamento ‘neocon’ segundo o cal "aínda hai demasiado intervencionismo do Estado", asistimos a unha multiplicación de intervencións estatais: paquetes de medidas fiscais, redución de tipos de interese, inxeccións de liquidez, e mesmo nacionalizacións
Quen o pode aínda pór en dúbida? A crise que está contaxiando o resto do mundo é xa "a máis dolorosa desde o final da Segunda Guerra Mundial". Non o afirma calquera, senón o propio Alan Greenspan, ex presidente da Reserva Federal estadounidense (1). ¨Con dúas cifras abonda para dar unha idea desa "dor": En só sesenta días, as mil principais empresas do planeta perderon 158.000 millóns de euros, é dicir, máis que o Produto Interior Bruto (PIB) anual de países como a República Checa ou Colombia. E o valor bolsista desas mesmas mil grandes corporacións, nos últimos oito meses, diminuíu nuns tres billóns de euros, ou sexa máis que a suma dos PIB anuais de Alemaña e Brasil (2). España non está a salvo. A crise dos sectores ligados ao "ladrillo" empeza a trasladarse ás entidades financeiras. Segundo o Banco de España, ao peche de 2007, as Caixas de Aforro acumulan xa 1.600 millóns de euros en créditos dubidosos concedidos a construtoras e inmobiliarias. E todo semella acelerarse. O verán pasado, cando estourou a burbulla das hipotecas lixo, a Reserva Federal estimaba que as perdas dos bancos se elevarían a uns 100.000 millóns de euros. Hoxe calcúlase que se sitúan entre 200.000 e 300.000 millóns aínda que diversos analistas consideran que alcanzan, en realidade, os 600.000 millóns. E algúns expertos mesmo sosteñen que o volume real das perdas non é inferior aos dous billóns de euros... (3). Tan dispares apreciacións -do un ao vinte!- da verdadeira dimensión da crise, contribúen a agravala. Traducen nerviosismo, ignorancia. Ninguén parece saber nada, o cal fai tolear máis ao sistema. E deixa pampos aos cidadáns. Algúns analistas sinalan o seguinte: comparadas cun orzamento familiar ordinario, as cifras citadas poden parecer astronómicas e demenciais. Con todo, referidas á vida ordinaria da Bolsa, son por así dicilo normais e banais. Por exemplo, se tomamos a cifra máis xeralmente admitida de 300.000 millóns de euros de perdas, e se a comparamos co volume do mercado financeiro, representa apenas unha caída do 1% do mercado de accións estadounidense (4). Algo que se produce habitualmente en Wall Street. Sen que ninguén se preocupe. E que banqueiros e axentes de bolsa absorben de modo rutineiro. Por que, daquela, ese graíño de area puido inducir semellante crise? Porque houbo tanta especulación e tanto engano, que agora domina a desconfianza. Esténdense como regueiros de pólvora os rumores. E é hora do sálvese o que poida. O cal non impide, no medio do que empeza a parecer un naufraxio, que os avoitres financeiros sigan á espreita. Conducidos polo seu instinto depredador, sen importarlles o destino dun sistema que se cambalea. Eles son os culpábeis da espectacular caída de Bear Stearns, o quinto banco de investimento do mundo. Detalladamente, o ‘New York Times’ (5) relatou como unha grea de especuladores que o xornal cualifica de "Gang de Wall Street" e do cal formaban parte "algunhas das persoas máis poderosas de Wall Street e de Washington", organizou, en apenas tres días, a caída de Bear Stearns. E, coa complicidade da Reserva Federal, favoreceu a súa compra -que o xornal chama "latrocinio"- en favor de JPMorgan Chase. Metodicamente, desde a sede deste banco lanzouse unha campaña de rumores, insistindo nunha pretendida falta de liquidez de Bear Stearns. Con chamadas telefónicas persoais a grandes investidores, aterrorizándoos e empurrándoos a retirar de inmediato os seus fondos. En menos de cen horas, o prezo da acción afundiuse de 70 a 2 dólares. O presidente de Bear Stearns, Alan Schwartz, tentou lanzar unha contraofensiva, demostrando, con documentos e probas, a falsidade dos rumores. Non o conseguiu. O propio Secretario do Tesouro (equivalente a ministro de Finanzas), Henry Paulson Jr, ex director executivo do banco Goldman Sachs e que algúns sospeitan que forma parte da conspiración, interveu cerca do presidente de Bear Streans para lle dar o golpe de graza. Di o ‘New York Times’: "Púxolle o canón da pistola na tempa: ‘ou aceptas un acordo con JPMorgan, ou abrimos expediente de bancarrota’". Mete medo. Ao pé do volcán, estes especuladores aínda aproveitan a inquietude reinante para obteren ganancias, á conta de quen sexa. Encarnan a versión máis infernal do capitalismo. E o peor é que fan escola. Agora, moitos queren cometer o mesmo crime: conseguir que o valor dun establecemento bancario, en só tres días, se divida por 15. E poida ser adquirido a prezo de bagatela. Desde entón, a base de campañas de rumores, o valor do banco hipotecario Halifax Bank of Scotland (HBOS), por exemplo, caeu un 18%. O do Lehman Brothers perdeu un 20%. E Union deas Banques Suisses (UBS), atacado tamén pola especulación, tivo que desmentir que estea a piques de ser comprado polo Crédit Suisse. Os especuladores saben que arriscan pouco. Están agora seguros -é a outra lección do asunto Bear Streans- de que, en caso de dificultade, os Estados intervirán. Porque os Gobernos téñenlle pánico á posibilidade de que a caída dun banco, por efecto dominou, sexa capaz de afundir o sistema. Hai unhas semanas, renegando da súa fe absoluta no mercado, o Goberno británico viuse obrigado a nacionalizar o banco Northern Rock. E en moitos países de orientación neoliberal, onde non se cesou de repetir o sacro mandamento ‘neocon’ segundo o cal "aínda hai demasiado intervencionismo do Estado", asistimos a unha multiplicación de intervencións estatais: paquetes de medidas fiscais, redución de tipos de interese, inxeccións de liquidez, e mesmo nacionalizacións. Medidas ruidosamente aprobadas agora polos críticos de outrora. E todas elas -suprema inmoralidade- financiadas polos contribuíntes. De novo se socializan hoxe ou se comparten as perdas, mentres onte se privatizaban as ganancias e os beneficios. E unha vez máis queda demostrado que o mercado, por si só, é incapaz de autorregularse. Que espera o Estado para pór límites por fin a este capitalismo de pánico? (2) ‘L'Expansion’, París, marzo de 2008. (3) Ibid. (4) Jacques Cremer e Christian Gollier, "A faute à l'incertitude", ‘Les Échos’, París, 20 de marzo de 2008. (5) ‘International Herald Tribune’, 19 de marzo de 2008. [Artigo tirado do sitio web de ‘Le Monde Diplomatique’ (www.monde-diplomatique.es), núm. 150, de abril de 2008] |
||||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros medios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008 |
||||||
|