|
Actualidade CIG-Comunicación-
Até a convocatoria deste ano, a Secretaría Xeral mantiña unha certa flexibilidade na recepción da documentación e aceptaba o rexistro de saída dos centros educativos como rexistro válido para estabelecer a data en que fora entregada a comunicación. Porén, neste curso, moitos centros non puideron presentar a tempo a documentación porque, malia atinxir á administración educativa, as bases da convocatoria soamente se publican entre as convocatorias de Presidencia, o que dificulta a recepción da información. Ademais, modificouse o requisito de rexistro sen comunicárllelo aos centros, incrementando a burocracia e a duración dos trámites, pois non se deu por válido o rexistro de saída dos centros e obrigou a que as solicitudes tivesen que ser presentadas na oficina de correos ou noutros organismos públicos. Con todo, moitas solicitudes, presentadas seguindo este procedemento e dentro do prazo estabelecido, non foron admitidas porque non figuraba na solicitude o carimbo da oficina de correos. Non é lóxico que se muden os criterios para recepcionar a documentación en relación a anos anteriores sen informar debidamente aos centros e que isto se traduza en deixar sen dotación económica proxectos importantes para a normalización lingüística dos centros, recoñecidos pola propia Secretaría Xeral cando lles solicita a algún deses centros o seu proxecto para ser publicado. Medidas como esta só serven para dificultar o traballo dos Equipos, xa que non poderán levar adiante os seus proxectos, incidindo negativamente no proceso de normalización. Unha dificultade máis para o traballo que deben desenvolver os ENDL que non contan co debido apoio por parte da Consellaría de Educación para colaborar no desenvolvemento do Decreto 124/2007. Resulta, tamén, preocupante que, despois de que a CIG-Ensino expusese esta problemática na Mesa Sectorial Docente hai preto dun mes, a Conselleira de Educación continúe despreocupada e non tome ningunha iniciativa para solventar este problema. Sen lugar a dúbidas, é unha mostra máis do desleixo da Normalización Lingüística no ensino, pois non só imcumpre a aplicación do Decreto 124/2007 sobre a promoción e o uso do idioma nos centros escolares, senón que agora non lle importa que preto de 100 centros queden sen axuda para realizar as súas funcións normalizadoras. A CIG-Ensino, entende que non se pode producir unha modificación tal sen informar debidamente os centros. Por iso reclama que se arbitren os mecanismos e medidas necesarias para que estes centros poidan presentar os seus proxectos e participar das axudas destinadas aos Equipos.
|
||||
|
|
||||
|