|
Actualidade CIG-Comunicación-
O martes 19 de febreiro tiña lugar desde ás doce da mañá un novo xuízo de Ana Lois, funcionaria acosada no Concello de Dozón desde 1999, que se alongou até as catro da tarde. Numerosos membros da dirección sindical da CIG achegáronse até o Xulgado nº3 do Penal de Pontevedra para amosarlle a súa solidariedade a Ana Lois. Pasadas as doce da mañá daba comezo o xuízo, no que Adolfo Campos, alcalde acosador do PP de Dozón, comezaba solicitando entrar por unha porta traseira para non pasar diante dos medios nin os membros da CIG alí concentrados. A xuíza negouse a ese trato especial polo que o rexedor pontevedrés fixo a súa entrada sen máis preámbulos. A primeira sorpresa foi que o alcalde de Dozón se acollera ao seu dereito de non declarar neste xuízo, ao tempo que dicía estar diante “dun xuízo político”, e anunciou a súa intención de non responder a ningunha pregunta.
A continuación, Ana Lois, delegada da CIG no Concello de Dozón, volveu relatar toda a súa experiencia desde que concorrera ás eleccións municipais na candidatura do BNG e posteriormente se presentara na candidatura da CIG, pola que saíu electa como representante sindical. A partir de aí, Ana Lois Navaza contou como comezou a ser vítima de acoso laboral sistemático, con continuas modificacións nas súas condicións de traballo. Acoso que quedou constatado polas máis de 30 sentenzas firmes existentes nas que se condena ao alcalde a cumprir a lei e que, porén, segue a ser incumprida. Durante máis dunha hora e cuarto Ana Lois reviviu toda esta dura experiencia, nun testemuño cargado de emoción e da dor de quen se sabe castigada dun xeito arbitrario e irracional polo simple feito de non pensar igual que o alcalde. Despois de Ana Lois, interviñeron o que daquelas era o responsábel comarcal da CIG Administración, Henrique Outeiral, que relatou como comezara a funcionaria a sufrir acoso laboral; unha traballadora social e funcionaria do Concello que ratificou as palabras de Ana Lois e que contou como se deron os cambios arbitrarios e “pura desviación de poder” no posto de traballo de Ana Lois. Tamén participaron veciños de Dozón que confirmaron todas as tarefas que realizaba Ana Lois de atención ao público, e como despois das eleccións deixaron de ter contacto con ela, xa que se lle afastou do traballo, así como deron testemuño dos bandos e notas de prensas do Concello proclamando inxurias do alcalde contra a funcionaria. Ademais neste xuízo participaron coas súas aportacións unha persoa da asesoría fiscal da CIG, que falou de todos os procesos xudiciais anteriores de Ana Lois, e até tres peritos psiquiátricos, que con informes e pola súa ampla experiencia explicaron cal era a situación que o acoso provocou na saúde de Ana Lois, que mesmo provocou a menopausa precoz, o que lle impediu poder ter fillos. Diante de todas estas probas e testemuños o avogado da querelante, Carlos Dávila, solicitou o amparo da xuíz, xa que existen numerosas sentenzas firmes que non modificaron que a día de hoxe Ana Lois continúe a traballar, aínda que sen carga de traballo efectiva, nun almacén, que incumpre todo tipo de normativa en saúde laboral. Por estas razóns e polos “feitos claros e constatados”, solicitouse do acusado que fora declarado culpábel dun delito de prevaricación xa que “tomou decisións arbitrarias que non respectan a legalidade e que constitúen un delito continuado no tempo”. A diferenza de trato non xustificada e o atentado contra o dereito dos traballadores tamén foron outras das acusacións vertidas. Tamén realizou unha avaliación dos danos e prexuízos ocasionados pola medicación psiquiátrica e hormonal, gastos de viaxe e médicos, que ten costear a propia Ana Lois, así como se realizou unha avaliación de danos subrogados polos 894 días de incapacidade temporal por acoso laboral, recoñecido como accidente de traballo, polo que se pediron 45.012 euros. Ademais pola secuela permanente mental derivada desta “experiencia catastrófica” solicitou unha indemnización de 60.000 euros. Polo deterioro da función cerebral, trastorno psiquiátrica e perda da función da maternidade solicitouse 119.000 euros. No seu conxunto ascende a cifra solicitada a máis de 232.820 euros. Pola súa banda o fiscal pediu a libre absolución do acusado por considerar “que a esfera penal queda grande para reparar este ataque, que non é o suficientemente intenso”, ou considerar que non constitúe delito penal por “"non haber unha clara intencionalidade do alcalde”. Por último, o avogado defensor do alcalde de Dozón, que mantivo durante todo o xuízo unha actitude agresiva contra a querelante e ao que a propia xuíza tivo que chamar a atención por realizar preguntas impertinentes, no seu alegato final cualificou este xuízo de “querela instrumental á catalá, que busca a chantaxe e o desprestixio”. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, en declaracións aos medios presentes no xuízo, sinalou que “nós agardamos que sexa inhabilitado dunha vez este alcalde acosador, e parécenos que a súa conduta é motivo de cadea”. Logo do desenvolvemento deste xuízo subliñou que “a actuación do Ministerio Fiscal foi penosa, xa que xustificou ao Concello, cando tanto as testemuñas, como as sentenzas e probas periciais deron boa mostra do acoso que leva a sufrir esta compañeira desde 1999. É inconcibíbel a súa petición de libre absolución, o que demostra que prima a súa ideoloxía”. Ademais Seixo manifestou que “continuaremos na defensa da compañeira”. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/02/2008 |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|