|
Actualidade / Artigo Unha crise de modelo Manuel Mera-
Neste contexto o alarmismo pode agravar a situación económica, con consecuencias pra o emprego, mais facer como se todo sigue igual pode precipitar todo nunha crise de moi difícil recuperación, aínda aplicando medidas estremas. Trátase sempre da adoptar unha actitude constructiva e ao mesmo tempo realista e que, sobre todo, faga difícil que no futuro se repitan situacións semellantes. Daquela non se debe desprezar a crise enerxética, os graves problemas medioambientais, o aumento da precariedade laboral, o déficit na balanza comercial externa, o sobre valor do euro, a carestía da vida, o endebedamento familiar, o aumento dos tipos de interese, e outros síntomas negativos. Isto contrasta nos últimos anos co importante medre do PIB, a gañancia das Bolsas, e a concentración e centralización da riqueza, porén amosa as limitacións e eivas que na economía real ten o modelo. Aínda que houbera unha recuperación das Bolsas o certo é que caeu a venda de inmobeis e ademais algunhas empresas do sector que xogaron ao límite (especulando cun rápido enriquecemento) crebaron ou están a piques de facelo. A banca tampouco o está pasando ben, xa que prestou sen moitas esixencias, confiando na bonanza e no ciclo expansivo, como se o sistema estivera consagrado a medrar baixo calquer contexto, reflectindo un criterio máis relixioso que científico. Con seguridade nos vindeiros meses haberá peches, dislocacións, e perda de emprego en todos os sectores económicos, xerando un marco laboral agravado pola enxurrada inmigratoria dos últimos anos (cun 12% de desemprego na actualidade e miles de mozos e mozas que emigran). Trátase de problemas que atinxen á vida das persoas, polo que se deben resolver sempre desde a solidariedade. O acontecido e o que pode vir reflicte que a economía nunca debe depender da autoregulación do mercado, cumpre ordenala desde o ámbito político, non poden decidir as nosas vidas varias grandes fortunas e executivos influentes! Non hai democracia se non se recupera pra o poder político a regulación do económico, que en definitiva condiciona o social, cultural, ecolóxico, etc. Cumpre rematar con iso tan vulgar e ofensivo de que a Bolsa vota todos os días e nós cada catro anos. Os governos, no noso caso a Xunta, teñen que ter capacidade pra poder evitar situacións como esta producidas pola avaricia, por non pensar en clave de país e non ter en conta o futuro. Tampouco se pode admitir que outra vez sexan os asalariados, autónomos non profesionais e pequenos empresarios os que paguen os pratos rotos. Unha baixada de impostos sería negativa porque pra recuperar a economía son necesarias obras públicas e polo tanto investimento, e neste marco hai que manter e mesmo millorar os servizos sociais. Baixar impostos sempre é sinónimo de menores prestacións, afectando as familias con baixos ingresos, e aumentarían os impostos indirectos, que gravan os produtos e bens de primeira necesidade. Todo en beneficio exclusivo outra vez dos máis ricos. Sería inaceptábel. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/02/2008 |
||||
|