Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 21 de febreiro de 2008 (Publicado en La Región o 20/02/2008)

Todos novos ricos
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Porto de Sanxenxo; clic para aumentar
Hoxe en día os portos galegos están ateigados de iates, de todos os tamaños. (Foto: Porto de Sanxenxo. ©galizacig.com).
 
Durante a pasada semana algúns xornais salientaban que Galiza avanzara moreas na renda por persoa, aproximándose á media da Unión Europea. Como tantas outras notas arrecende a electoralismo, ofrecendo un espellismo que, con medias verdades, quere apresentar un panorama económico que pouco ten que ver coa realidade cotiá da maioría das persoas que habitan esta nación. Sen dúbida a renda media na Unión Europea, Estados Unidos e Xapón (e algúns países máis) é moi superior á doutras áreas, e aínda moi afastada da que teñen potencias emerxentes como China e Rusia, ou de modelos alternativos como Venezuela, e fica a anos luz de áreas marxinalizadas e dependentes, como a África Negra. Sendo isto verdade, non é menos certo que nos últimas décadas o reparto dos ingresos e a fiscalidade nas tres grandes potencias hexemónicas medrou en desigualdade, privatizáronse e suprimíronse servizos públicos esenciais, e recuaron os dereitos laborais. Aumentou a temporalidade, a xornada, e os ritmos de traballo.

De pouco serve avanzar economicamente, ser un dos países con maior nivel de renda media por persoa se, ao mesmo tempo, continúa a vaga emigratoria e a maioría social ten graves atrancos pra chegar a final de mes, por non falar da desfeita no ecosistema. Pódeselle botar a culpa ao consumismo, porén mentres que a economía crece menos dun catro por cen ao ano (dado positivo cando non medra a povoación) os beneficios dos grandes grupos empresariais acadan porcentaxes do dez e mesmo vinte por cento.

De onde sae a diferenza nos niveis de acumulación? Hai un proceso de concentración e centralización da riqueza que chucha o medre da economía, o esforzo de centos de miles de traballadores e traballadoras acumúlase fundamentalmente nunhas poucas maus e na franxa da clase media acomodada. Isto atinxe negativamente á clase obreira, ao seu nivel de vida, porén tamén aos pequenos empresarios e autónomos non profesionais. Podemos comprobar os miles de tendas, negocios, transportistas, explotacións agrarias, persoas que fan reparacións, etc... que, como a clase obreira, fan horas a esgalla toda a familia pra sobrevivir. Seguramente temos atopado no banco a máis dun, ou falando do tema nun bar, mesmo dicindo que vende todo pra emigrar a Andorra, Barcelona ou Madrid.

Asemade a información non é totalmente correcta. É verdade que nos últimos anos diminuíu o diferencial entre os estados con maior nivel de renda da Unión Europea e o Estado español, porén o pulo na aproximación é ademais consecuencia da integración de países con renda moi baixa no centro e leste de Europa. Aínda así, na Unión hai estados cunha renda do 264% respeito da media, como Luxemburgo, ou Irlanda 143,7%, e outros cun porcentaxe de ingresos arredor do 35%, como Romanía e Bulgaria (dados de Eurostat, ano 2005). Unha diferenza de oito a un. No Estado español Galiza atinxe o 84,2%, segundo este estudo europeo, porén Madrid ascende ao 133,9%, ou sexa un 60% máis. Non semella que avanzaramos moito, as distancias mantéñense! Unha cidade nunha meseta que, por mor do poder político, é moito máis rica e avanza a maior ritmo que unha terra costeira con enormes potencialidades. Así de certo, a menos que creamos nos meigallos.

Son dos que pensa que hai algúns avances, mais con grandes custes sociais, culturais e lingüísticos, mesmo de sustentabilidade. Debemos rematar coas análises simplistas, que non contextualizan os dados e a información, se apostamos realmente por facer un mundo máis xusto e solidario, garante de todas e cada unha das culturas, e dos dereitos cidadáns básicos. Hai governos que xestionan millor e son máis sensíbeis ás maiorías, porén se non apostan por un novo modelo territorial, económico e social (e sobre todo non o predican a cotío) sería de necios ou parvos pensar que van conseguir cambios de tendencia.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/02/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta