|
Actualidade / Artigo Coa paixón da mocidade Manuel Mera-
A consigna do Congreso, que fora precedido por dúas asembleias nacionais en anos anteriores, foi “por un ensino nacional, científico e popular” e sería moi repetida na seguinte década. Nos principios definíase como unha organización reivindicativa, nacionalista e anticolonial, de todos os estudantes, independente, e democrática. A Direción Nacional quedou composta por 21 membros. No evento foi elixido como primeiro secretario de ERGA o moañés Xulio Riós Paredes, que anos despois faría parte da Executiva do sindicato INTG, e na actualidade é un agudo analista da situación internacional, especializado en temas de China e Europa do Leste. Lembremos algúns dos antecedentes máis inmediatos ao evento. A Segunda Asembleia de ERGA realizouse o 24 de outubro de 1976 e definíase como preparatoria do 1º Congreso. En marzo do ano seguinte, xa desvencellada da ANPG, apresentaba os seus Estatutos pra súa legalización no Governo Civil de Ourense como “organización sindical do estudantado”, ao abeiro do RD 19/1977 que permitía a libre asociación sindical. Na solicitude figuraba como presidente Xosé Miranda Ruíz, hoxe un recoñecido escritor, e como secretario de Organización Xulio Ríos Paredes. Aínda en 1984, canda a celebración do 3º Congreso, facíase mención a que se realizaba na ilegalidade. ERGA puña unha grande énfase na situación colonial de Galiza e na defensa da lingua galega, porén ademais nos problemas académicos do estudantado, editaba boletíns con distintos nomes, ademais do Lume, que era o voceiro nacional; por exemplo: Semente en Vigo-Pontevedra e Endeita en Compostela.
Estes conflitos, aínda sendo intensos en debate, non atinxiron a maior parte da militancia e afiliación, e sobre todo non incidiron no seu estado de ánimo, polo que a organización consolidouse como a referencia máis importante no eido do estudantado. En 1988 facíase a VI e última asemblea de ERGA co lema de “O estudantado por unha Galiza liberada. Unidade, organización e loita”. Alí acordábase disolvela e dar paso a “Galiza Nova”, din algúns, outros ven nos CAF esa herdanza; o certo é que ERGA respostou a unha etapa... chea de paixón e atrevemento, sempre fundamental pra mudar as cousas. Hoxe son moreas aqueles que con corenta ou cincuenta anos ás costas falan dos seus tempos en ERGA, tecéndose na lembranza os anos mozos, o traballo feito, e as arelas pendentes. |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/02/2008 |
|||||||
|