Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 28 de xaneiro de 2008

Son as FARC e o ELN organizacións terroristas?
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Cartaz das FARC-EP; clic para aumentar
Cartaz das FARC-EP. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Dicir que as Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e o Ejército de Liberación Nacional (ELN) son terroristas porque están nunha lista de organizacións terroristas da Unión Europea e do Departamento de Estado dos Estados Unidos é tanto como dicir que Simón Bolívar, Francisco de Miranda, Sucre, Artigas ou San Martín eran terroristas por ter prezo a súa cabeza no Estado español do século XIX.

Nos cursos que dan en Latinoamérica aos empregados bancarios, cursos de seguridade e manexo de situacións de risco ante un atraco, os especialistas explícanlles aos traballadores que non é o mesmo un atraco perpetrado pola delincuencia común que por movementos guerrilleiros. Os especialistas basean a distinción en que os primeiros non teñen escrúpulos a maior parte das veces, mentres que os guerrilleiros teñen ideais.

Calquera filósofo ou criminólogo aseveraría que a delincuencia, ou o terrorismo, teñen unha “ética”, unhas normas de conduta internas, mais por iso non podemos dicir que sexan en si unha Ética ou sistema xurídico.

Pero achegarnos á historia danos unha visión máis realista que as listas artificiosas de entidades supranacionais, coma a Unión Europea, que non dubidan en apoiar e exercer a violencia contra Estados como Iugoslavia, Iraq ou Afganistán sen ningún acto previo que o xustifique.

Foi o IRA un grupo considerado “terrorista” durante a guerra de liberación de Irlanda da dominación inglesa. Foi o IRA o único capaz de sacar os británicos.

  Cartaz de apoio á intermediación de Chávez; clic para aumentar
Cartaz de apoio á intermediación do presidente venezuelano. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Foron tamén “terroristas” os españois que loitaron contra a invasión napoleónica.

“Terroristas” eran os resistentes franceses, holandeses, noruegueses, polacos, xudeus contra a invasión alemá en 1940.

“Terroristas” eran para os soviéticos os combatentes afgáns que loitaron contra eles. Hoxe sono para os occidentais. “Terrorista” é o Goberno lexítimo de Irán segundo o Departamento de Estado dos Estados Unidos.

Gobernos amigos para Europa e os Estados Unidos eran as ditaduras latinoamericanas que fixeron desaparecer tantos homes e mulleres. Goberno amigo foi a ditadura franquista a partir de 1955, non só de Estados Unidos senón tamén da Europa democrática.

Tanto as FARC como o ELN son dignos herdeiros dunha guerra que comezou coas guerras de liberación contra a monarquía borbónica española no século XIX. A inxustiza social, a opresión do pobo por parte das clases que se perpetúan no poder como representantes de países estranxeiros.

Os ideais da loita do pobo, vestido de exército de liberación guerrilleiro, podemos confrontalos con grupos armados apoiados por Estados, coma a OTAN, que incumpre as leis internacionais e os acordos da ONU.

Nin as FARC nin o ELN son organizacións terroristas. Si estou seguro do calificativo para organizacións como a OTAN, que por certo non está en ningunha lista.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta