Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 18 de xaneiro de 2008

DESDE O VENTRE DA BALEA
Conta atrás para unhas novas eleccións ás Cortes Xerais españolas

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Pusilánime fronte á xerarquía da igrexa católica, que mobilizou –man con man co PP- aos sectores máis integristas da sociedade española, o PSOE ficou atrapado na súa propia arañeira. A formulación inicial da “España plural” proposta por Rodríguez Zapatero acabou derivando nunha viraxe centralista e españoleira, asimilábel por momentos ás cavernarias posicións do PP a respecto da configuración do Estado.



  Votación, clic para aumentar
O vindeiro 9 de marzo será o día. Vinte e tres deputados/as (un menos que na lexislatura anterior) van ser elixidos polas catro circunscricións electorais do noso país. Canda eles, doce senadores/as serán escollidos nas urnas polos cidadáns e cidadás galegos. Só os electos baixo as siglas do nacionalismo estarán comprometidos a defender os intereses do noso país.
 
Co decreto de disolución das dúas cámaras de representación, Congreso e Senado, o pasado día 14 de xaneiro, o Consello de Ministros convocaba formalmente novas eleccións ás devanditas cámaras para o vindeiro 9 de marzo, esgotando así os catro anos de lexislatura. Catro anos de máis sombras ca luces nun Congreso dos Deputados que dera unha maioría exigua ao PSOE, o que lle permitiu a Rodríguez Zapatero formar goberno nesta etapa.

Cun PP empoleirado nun resistencialismo vitimista, incapaz de aceptar o veredito das urnas, o PSOE transitou os catro anos de lexislatura de maneira errática e dubitativa, tanto que moitas veces a súa axenda política parecía marcada polos impulsos políticos do principal partido da oposición. Apoiado circunstancialmente polas forzas políticas nacionalistas ou por Izquierda Unida, Rodríguez Zapatero foi incapaz de manter un rumbo de goberno que desenvolvese significativamente aspectos como os da cuestión territorial ou políticas sociais que avanzasen en dereitos para os cidadáns e cidadás do Estado español. Mesmo o que podería ser un asunto de extraordinario calado, como a da negociación política con ETA para poñer fin a décadas de violencia en Euskal Herria, acabou sendo unha viaxe ao centro do nada, o que frustrou tantas esperanzas e remitiu a un escenario que semella ser un ‘déjà vu’ inacabábel.

E que dicirmos da ortodoxia neoliberal da súa política económica e fiscal? Nestes eidos Rodríguez Zapatero confiou cegamente en Pedro Solbes, un ex ministro do gabinete de Felipe González que levaba uns anos exercendo como comisario europeo de Asuntos Económicos e Monetarios, para desde o Ministerio de Economía e Facenda (e como vicepresidente económico) garantir unha liña continuísta e en perfecta sintonía cos intereses do capital.

Pusilánime fronte á xerarquía da igrexa católica, que mobilizou –man con man co PP- aos sectores máis integristas da sociedade española, o PSOE ficou atrapado na súa propia arañeira. A formulación inicial da “España plural” proposta por Rodríguez Zapatero acabou derivando nunha viraxe centralista e españoleira, asimilábel por momentos ás cavernarias posicións do PP a respecto da configuración do Estado.

Certo que o acoso ao executivo de Rodríguez Zapatero por parte da dereita –a dereita política, a mediática, a económica...– non foi pouco, mais durante polo menos os últimos tres anos de lexislatura tratouse dunha acción de goberno á defensiva, tentando non incomodar demasiado á oposición conservadora. Oposición conservadora que, aproveitando as debilidades do PSOE, se lanzou á conquista das rúas, de mans de bispos, sectores do nacional-catolicismo, ou de entidades como a impresentábel AVT do ultra Alcaraz. Nestes últimos días, por exemplo, volve estar en cuestión un dereito conquistado como o dereito ao aborto, precisamente polos sectores máis reaccionarios da dereita española. A promesa electoral, feita polo PSOE, dunha lei de prazos que ensanchase este dereito, ficou finalmente conxelada.

Entre o balance xeral positivo do Goberno de Zapatero habería que considerar certas leis de alcance social, como a Lei de dependencia, a Lei contra a violencia de xénero, a Lei de igualdade ou a Lei do matrimonio homosexual... Desde logo vén pouca cousa para un partido e un presidente que se dispoñan a non lle “fallar” aos cidadáns e cidadás tras os oito anos do vendaval aznarista.

Ollado desde Galiza, e malia o apoio puntual que os dous representantes do nacionalismo galego fixeron ao Goberno de Rodríguez Zapatero (a inexistencia de maiorías absolutas provoca que en certos momentos a cativa representación nacionalista teña maior significación), esta foi unha lexislatura que se pode cualificar de discreta. Competencialmente, dado que o bloqueo do PP impediu un novo Estatuto de Galiza, non existiron grandes avanzos, e algúns destes viñeron dados a última hora cando o PSOE se sentía afogado no Parlamento do Estado para salvar politicamente a cabeza da ministra de Fomento. O único reseñábel en positivo foron uns últimos exercicios orzamentarios bastante por riba dos destinados a Galiza na anterior lexislatura. E pouca máis bagaxe para un país que aínda pode falar, e con razón, da “débeda histórica” que o Estado ten coa nación galega...

O vindeiro 9 de marzo será o día. Vinte e tres deputados/as (un menos que na lexislatura anterior) van ser elixidos polas catro circunscricións electorais do noso país. Canda eles, doce senadores/as serán escollidos nas urnas polos cidadáns e cidadás galegos. Só os electos baixo as siglas do nacionalismo estarán comprometidos a defender os intereses do noso país. Serían ben que estes intereses vaian máis alá da satisfacción pecuniaria dun anaco maior ou menor nesa torta que se chama Orzamentos Xerais do Estado. Galiza precisa, máis ca nunca, fortalecer a súa identidade colectiva, así como necesita manter a aspiración a exercer os seus dereitos políticos como nación.

A cuestión territorial será, tempo ao tempo, unha das cuestións centrais en debate na lexislatura que comeza nas Cortes Xerais do Estado a vindeira primavera. E nós temos que estar aí. Estar para garantirmos o camiño na soberanía. Outro non vos hai, ou non vos é camiño.


Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2008.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta