Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 5 de xaneiro de 2008 (Publicado en La Región o 04/01/2008)

Homenaxe a Elixio Rodríguez
Lembranza a un fillo da Baixa Limia
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Elixio Rodríguez, a súa compañeira Gloria e Manuel Mera; clic para aumentar
Elixio Rodríguez, a súa compañeira Gloria e Manuel Mera nun acto organizado en 1999 pola CIG. (Foto: ©galizacig.com).
 
As vidas de todas as persoas están cheas de feitos e pagaría a pena lembralas e relatalas, porén hainas que salientan porque estiveron no cerne da tormenta social e política do momento, e asemade pasaron por situacións persoais límite e foron quen de superalas dignamente. Este é o caso de Elixio Rodríguez que se integrou de moi mozo nas Mocidades Galeguistas en Bande, e ao que se lle vai render unha homenaxe o vindeiro día catro de xaneiro. Farase a inauguración dunha praza co seu nome en Grou, Concello de Lobios, lugar no que naceu no ano 1910, e posteriormente un acto en Celanova. A homenaxe, que neste caso é necesaria e moi merecida, está organizada por varias entidades e conta con apoio institucional.

A militancia de Elixio nas Mocidades Galeguistas, naqueles intres tan decisivos, tanto polo debate sobre o Estatuto (as MG pedían máis) e a campaña que o arrodeou, como polo intenso traballo de proselitismo e a discusión interna entre as distintas tendencias da organización xuvenil do Partido Galeguista, marcouno pra toda a vida. Sabendo destes debates preguntáballe, fai uns anos na súa casa de vrau en Bande, se había moitos arredistas nas Mocidades, e il contestoume: “practicamente eramos todos arredistas, aínda que na propaganda tiñamos que termos en consideración os prexuízos existentes por séculos de asimilación”. A resposta pareceume lóxica sabendo das relacións que existían entre as Mocidades e a Organización Nacionalista Pondal de Bos Aires, así como os debates entre estas e o Partido Galeguista a respeito do tema estatutario.

A insurreción militar, e as bandas falanxistas que tinguiron de vermello o Monte Furriolo, coa sangue de defensores da República e o Estatuto, non foron feitos alleos a súa persoa, e por dúas veces estivo a piques da morte. Ingresou na Lexión Estranxeira pra salvar a vida, pasou despois ao Exército e participou como aviador na guerra. Na primeira oportunidade fuxiu ao lado republicano, no ano 1937, onde máis unha vez estivo a piques de ser fusilado, pola desconfianza que xeraba súa deserción nos mandos e unha imprudencia da súa banda. Participou o resto da Guerra Civil formando parte do exército da República e unha vez rematou estivo refuxiado en Francia, e dali marchou no ano 1939 a bordo do barco Ipanema a México.

Neste país de América Latina estableceríase definitivamente, casou con Gloria –súa compañeira desde entón–, tería fillos, e comezaría unha nova xeira, aínda que seguiría sempre vinculado á resistencia antifascista e ao nacionalismo galego. No libro autobiográfico “Matádeo mañá” relata dun xeito ameno, vital e reflexivo, as súas memorias sobre toda esta etapa, así como a relación casual cun grupo de cubanos que estaban preparando a revolución contra a ditadura de Batista, e que recibirían instrución militar do coronel exiliado Alberto Bayo.

Elixio Rodríguez Domínguez mantivo unha relación persoal moi próxima con Pepe e Carlos Velo, con Celso Emilio Ferreiro, con Luís Soto, Castelao, e tamén co grupo de galeguistas que en México editaron a revista “Vieiros”, proxecto no que tomou parte. Destas figuras podemos lembrar a Florencio Delgado Gurriaran e Roxelio R. de Bretaña. Ademais, entre as súas amizades estiveron: Companys, Olof Palme, André Malraux. En poucas verbas, unha vida intensa, sempre ao servizo da causa galeguista, da patria nunca esquecida aínda desde a lonxania do exilio. Daquela que esta sexa unha homenaxe máis que xustificada, e un xeito de que Lobios, a Baixa Limia, unha terra que con tanto agarimo conserva vestixios romans e suevo-visigodos, non esqueza a un dos seus fillos máis senlleiros e egrexios.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta