|
Actualidade / Artigo A especulación chega ao viño Manuel Mera-
Desde Bruxelas utilízase como argumento pra levar adiante a reforma que compre millorar a competitividade e o etiquetado. Porén polas medidas tomadas todo reflicte que teñen unha finalidade distinta, xa que van claramente contra a agricultura familiar, ao liberalizar a plantación de vides, desaparecer no etiquetado a denominación de orixe, e baleirar de contido os consellos reguladores. Estas propostas favorecen aos grandes grupos capitalistas que, aproveitando por exemplo a sona dos viños galegos, poderán producir albariños ou godellos en calquera outra parte, ou mercar grandes extensións eiquí, tendo ao seu favor toda a capacidade mediática e de comercialización que lle dá o poder económico. O prestixio acadado por certas variedades, despois de décadas de esforzo de miles de labregos, será papado en pouco tempo polo oportunismo e leis que favorecen a concentración e centralización económica; especialmente cando, como no noso país, este é un sector con centos de pequenas adegas e marcas. Por outra banda, e non é un tema menor, sempre será unha garantía coñecer os produtos, saber quen os fai e como e, sobre todo, asegurar a soberanía alimentar. O viño é no sul da nosa nación o que a carne e leite no centro e norte: alicerce da economía agraria e sustento fundamental da actividade rural. Este novo atranco non é unha eiva sen importancia, xa que pon en perigo a sustentabilidade de moitos concellos e de miles de familias. Por iso non entendo a tranquilidade coa que ve o tema o presidente da Xunta, e tampouco se comprende que vexa aspectos positivos en que se adíe a liberalización das plantacións até o ano 2018, xa que isto non muda o problema de fundo. É un cambio que evidentemente danos máis tempo, malia que impón un modelo que favorece ás grandes empresas e aos especuladores. Tamén é certo que deixa algúns mecanismos nas mans dos Estados, porén sería de inocentes pensar que serán abondo pra modificar a tendencia unha vez que se impoña o modelo. Desde a Unión Europea todo amosa que se pretende realizar no viño o mesmo percorrido que con anterioridade se fixo coa carne e o leite... os resultados témolos á vista. Deixar illados os problemas, non socializalos, non buscar a complicidade de toda a sociedade galega, comezando polos labregos, é un erro que imos pagar caro. No marco do Estado español e da Unión Europea sempre priman os intereses sobre a solidariedade ou a xustiza, como poidemos comprobar duramente nas últimas décadas. En Galiza non temos hoxe peso demográfico, nen organizacións políticas propias hexemónicas, daquela o único mecanismo de presión efectivo é a mobilización social. Confiar exclusivamente na forza dos argumentos e da análise (sempre necesaria e fundamental) sería unha demostración de inocencia ou debilidade que non se pode admitir en política... e moito menos se é derrotismo ou submisión. Por iso, repito, nun tema que atinxe a un sector tan amplo da povoación, e que resulta vital pra zonas moi deprimidas, non se comprende a falta de iniciativas do presidente da Xunta e que todo se queira resolver con boas palabras e confianza no futuro. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/01/2008 |
||||
|