Actualidade / Opinión Volver


Vigo, 29 de xaneiro de 2008

En defensa da dedicación exclusiva dos médicos da sanidade pública
 

Francisco L. Vázquez Vizoso e Xan Cons Pintos-


  Privada-pública; clic para aumentar
A sanidade pública ten todo o dereito a defenderse diante do conflito de intereses que aparece cando os médicos da sanidade pública optan por traballar tamén na sanidade privada. A literatura científica alerta contra o feito de que o pluriemprego médico actúa como un estímulo para facer máis probábeis os denominados “comportamentos oportunistas potenciais da práctica médica”.
 
A vaga neoliberal, que xa conseguiu eliminar a dedicación exclusiva dos médicos da sanidade pública noutras CCAA, intensifícase agora en Galiza. Os seus promotores, sindicatos médicos corporativos e colexios de médicos, están a promover mobilizacións dos médicos con pluriemprego na sanidade pública e na privada. Con esas mobilizacións, alén de tentar mellorar as retribucións que perciben no sistema público os facultativos pluriempregados, perseguen tamén que desaparezan os incentivos para que os médicos da sanidade pública galega opten pola dedicación exclusiva, o que na práctica significará a desaparición desta. Os principais argumentos empregados nesta campaña, contra a dedicación exclusiva dos médicos no sistema sanitario público, resúmense en dous slogans que imos comentar.

No primeiro deses slogans, “xeneralización do complemento específico”, sintetízase a reclamación de que os facultativos pluriempregados, que tamén traballan na privada, pasen tamén a cobrar a retribución especial que, na actualidade, cobran os facultativos da sanidade pública que se comprometen a só traballar na sanidade pública.

No segundo slogan, “a igual traballo igual salario”, resúmese o argumento central que utilizan. Na actualidade dous médicos que traballen na sanidade pública, que fagan o mesmo traballo, co mesmo horario e a mesma responsabilidade, teñen retribucións diferentes polo feito de que un traballe en réxime de exclusividade e o outro teña optado por traballar tamén na privada, decisión que obrigou a este último a renunciar ao complemento específico que retribúe a dedicación exclusiva. Os que promoven a desaparición do réxime de exclusividade etiquetan esta situación de inxusta e discriminatoria para o médico que traballa en réxime de pluriemprego, e converten esa pretendida inxustiza e discriminación no principal argumento para reclamar que o actual complemento específico pase a ser cobrado por todos os médicos, independentemente de que traballen ou non en réxime de exclusiva.

Que temos que dicir, nesta situación, os que apostamos pola existencia dun sistema sanitario público de calidade e consideramos que a súa existencia pasa polo mantemento e potenciación da dedicación exclusiva dos seus médicos? Na nosa opinión debemos difundir argumentos en defensa da dedicación exclusiva e, ao tempo, debemos presionar ao SERGAS e conseguir que o actual sistema de exclusividade sexa actualizado.

Así, debemos deixar ben claro que é perfectamente legal que os facultativos que voluntariamente renunciaron á compatibilizar traballo público con privado reciban unha retribución especial por facelo. Co obxectivo de reducir a competencia desleal entre as empresas, a lexislación laboral regula esta situación baixo a denominación de “pacto de non concorrencia”, explicitamente recollido no artigo 21 do Estatuto dos Traballadores. Ademais, existe múltiple xurisprudencia negando que a percepción dunha retribución especial polo feito de comprometerse a traballar só na sanidade pública poida ser cualificada de discriminatoria con aqueles facultativos que optaron por traballar tamén na privada, e isto malia que realicen o mesmo traballo e teñan o mesmo horario e responsabilidades que os que optaron pola exclusividade(1).

Ademais, existe evidencia na literatura científica de que, no sistema sanitario público, a dedicación dos médicos que traballan en réxime de dedicación exclusiva é maior que a dos que están pluriempregados pois, ademais, tamén traballan na privada(2).

Por outra banda, a sanidade pública ten todo o dereito a defenderse diante do conflito de intereses que aparece cando os médicos da sanidade pública optan por traballar tamén na sanidade privada. A literatura científica alerta contra o feito de que o pluriemprego médico actúa como un estímulo para facer máis probábeis os denominados “comportamentos oportunistas potenciais da práctica médica”(3)(4). Estes comportamentos oportunistas son basicamente os seguintes: 1) O absentismo e o “escaqueo”; 2) O desvío de pacientes ao sector privado; 3) A demanda inducida e a selección de pacientes; e 4) A apropiación indebida e uso dos recursos públicos para fines privados. Calquera facultativo pode ter este tipo de comportamentos oportunistas, sen embargo existe evidencia de que a súa aparición é máis probábel, e a súa gravidade maior, entre os médicos pluriempregados. Malia que as normas deontolóxicas médicas actúan en sentido contrario á aparición dese tipo de comportamento, é evidente que estas non sempre son tidas en conta e que o pruriemprego fai máis probábel que aparezan este tipo de comportamentos oportunistas. Nesta situación, semella totalmente lóxico que a sanidade pública promova e retribúa dun xeito especial a dedicación exclusiva dos seus facultativos.

Sen embargo, alén da defensa argumental da dedicación exclusiva que realizamos, e na que está firmemente comprometida a Agrupación Médica de CIG-Saúde (AgM-CIG), para CIG-Saúde é evidente que cómpre redefinir o actual modelo de dedicación exclusiva dos médicos da sanidade pública(5). Transcorridos 20 anos desde que foi creado, ese sistema tivo un nulo desenvolvemento e actualización por parte das diversas administracións sanitarias, de cores políticos distintos, e precisa dunha actualización que, entre outros aspectos a modificar, supere o carácter pasivo de só comprometerse a non traballar na privada, que caracteriza á actual exclusiva, incorporando elementos proactivos ao novo sistema de exclusividade que se estableza, e poñéndoo en concordancia coas actuais necesidades do sistema sanitario público.

Para CIG-Saúde, diante da ofensiva que pretende eliminar a dedicación exclusiva dos médicos do sistema público, é necesario que o SERGAS reaccione e acepte o inicio de negociacións para modificar o actual sistema de exclusividade dos médicos. O noso sindicato abordará esas negociacións desde as seguintes premisas:

1. A dedicación exclusiva é boa para o sistema sanitario público e debe ser mantida e potenciada.

2. O actual sistema de dedicación debe ser modificado dun xeito pactado na mesa sectorial.

3. O novo sistema de dedicación exclusiva que se pacte debe ter como unha das súas características a de poñer tempo de traballo de facultativos a disposición do sistema sanitario público. Ese novo tempo de traballo, sobre todo en moitas especialidades nas que hai déficit de profesionais, é imprescindíbel para poder atender as cada vez maiores demandas da poboación e a unhas listas de espera claramente excesivas. Paralelamente, tamén permitirá incrementar o tempo útil de actividade de moitas infraestruturas e recursos técnicos hoxe infrautilizados na sanidade pública. En termos prácticos isto significa basicamente gañar horas de actividade de tarde, sobre todo asistencial, pero tamén docente ou investigadora.

4. A nova exclusiva que se estableza deberá retribuír aos profesionais que opten por ela o seu compromiso de só traballar na publica, mais debe tamén retribuír a súa aceptación a realizar un certo incremento da xornada, a realizar basicamente polas tardes, de forma independente e compatible coa específica compensación do propio traballo realizado nesa prolongación de xornada.

5. Calquera incremento retributivo que, debido á renegociación do actual réxime de exclusividade, acaden os profesionais que non teñan exclusiva debe ir acompañado dun incremento retributivo cando menos similar para os médicos que opten pola exclusiva.

6. A adscrición á nova exclusiva será voluntaria, e ningún facultativo que na actualidade teña exclusiva verá reducidos os seus ingresos polo feito de non optar pola nova oferta de exclusiva que se pacte.

7. Unha posible reordenación da actividade de tarde, ligada ao establecemento dunha nova exclusiva, debe incluír alternativas aos actuais programas de autoconcertación e de exención de gardas.

8. A esixencia da dedicación exclusiva debe ser un requisito para acceder a postos de xefatura e coordinación nos servizos sanitarios públicos.

 
 
  Francisco L. Vázquez Vizoso,
portavoz nacional da
Agrupación Médica da CIG (AgM-CIG).
(
Máis artigos...)
  Francisco L. Vázquez Vizoso
 
  Xan Cons Pintos,
secretario nacional de
CIG-Saúde.
(
Máis artigos...)
  Xan Cons Pintos
 
 

 

Notas:

(1) Herraiz M. “Personal facultativo en centros asistenciales del Instituto Nacional de la Salud: ¿supone una incompatibilidad el complemento específico a la dedicación exclusiva con la prestación de una actividad médica privada?”. Comentario á STSJ de Aragón, de 21 de xuño de 2001 (AS 2001, 2536). Aranzadi Social núm. 13/2001. Editorial Aranzadi SA, Pamplona, 2001.

(2) Palma M, Lázaro P, Azcona B, Cardona P, Chinchilla N. “Una exploración de la dedicación de médico en su organización”. En “Necesidad Sanitaria, demanda y utilización”. Asociación de Economía da Saúde. Zaragoza, 199: 469-480. Dispoñible o 25/01/2008 en http://taiss.com/publi/absful/TAISS-AES-MOTIV-99-1.pdf.

(3) García-Prado A, González P. “El pluriempleo entre los profesionales sanitarios: un análisis de sus causas e implicaciones”. Gaceta Sanitaria 2006; 20 (supl 2): 29-40. Dispoñible en http://db.doyma.es/cgi-bin/wdbcgi.exe/doyma/mrevista.resumen?pident=13089481.

(4) Unha descrición máis ampla deste tipo de comportamentos pode verse en CIG-Saúde. Médico, Dedicación Exclusiva e Pluriemprego II: Comportamentos Oportunistas e Pluriemprego Médico. Dispoñible o 25/01/2008 en http://www.agmedica.org/II_Medicos_Exclusiva_Pluriemprego_080109.pdf.

(5) CIG-Saúde. Médicos, Dedicación Exclusiva e Pluriemprego: Reformular o actual sistema de dedicación exclusiva. Informa AgM-CIG. Xaneiro 2008. Dispoñible o 25/01/2008 en http://www.agmedica.org/Informa-AgM-CIG-Exclusiva.pdf.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta