|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Non se pode escribir un artigo serio, aínda que non pretenden nunca iso en El País, dicindo que en base ás declaracións de catro desertores está totalmente comprobado que Venezuela protexe ás Farc e ademáis apoia o seu negocio (dubido moito da súa existencia) de narcotráfico. Diría máis. Baseados nesta lóxica de El País as declaracións do “desertor” Suárez Trashorras(1), despois dos atentados de Madrid a El Mundo, nas que aseguraba a existencia da participación de ETA e ... son verdadeiras, e ademais como a meirande parte da loxística e dirección de ETA está en Francia, este Estado veciño é colaborador coa organización vasca dando acubillo e apoio para as súas actuacións no Estado español. A lóxica desminte esa idea. En primeiro lugar, ETA está agochada en Francia por razóns históricas e xeográficas e non pola colaboración de ningún Goberno francés, e as Farc e o ELN cruzan as fronteiras (inexistentes por certo) entre Venezuela e Colombia debido á dificultade de vixilalas por parte das autoridades colmbianas ou venezuelanas. Asegurar que as Farc se adentran en territorio venezuelano porque “El Ejército colombiano no cruza la frontera, y la guerrilla tiene un pacto de no agresión con los militares venezolanos” non é de risa senón de pena. O Éxercito colombiano non ten ningún problema para cruzar fronteiras como tampouco o tivo para entrar no Palacio de Xusticia en Bogotá e masacrar a todos os guerrilleiros, secretarias, xuíces, e calquera que se movese sen autorización do presidente de Colombia. O Éxercito colombiano está aburrido de entrar e saír a territorio venezualano, e non só perseguindo guerrilleiros, senón incluso, con graves consecuencias nas relacións de ambos Estados, coa entrada en augas territoriais venezuelanas de submarinos e avións cazabombardeiros. Entre Colombia e Venezuela existe un serio litixio transfronteirizo que corresponde á propiedade da peninsula da Goajira (hoxe territorio venezuelano) e que segundo a documentación colombiana (incluso nos mapas escolares actuais) eles aseguran ser colombiana. Este territorio reclamado por Colombia, no estado Zulia, é a principal fonte de petróleo en Venezuela e un serio problema entre as relacións de ambos Estados. Históricamente, Chávez non leva cen anos mandando, todos os gobernantes venezuelanos, pasivamente, apoiaron á guerrilla colombiana pois consideraban que a existencia dun problema interno, dentro de Colombia, como o da guerrilla, distraería a atención política e militar dos sucesivos gobernos colombianos sobre as reclamacións territoriais sobre Venezuela. John Carlin demostra unha tozuda ignorancia cando asegura que pola simple existencia da “cocaína” (segundo el a “gasolina” da guerrilla) as Farc aínda existen. Esa aseveración é tan pouco intelixente como asegurar que as Farc existen pola existencia dun mercado de cocainómanos en Estados Unidos e en Europa. Os Estados Unidos levan anos asegurando que as Farc e outros movementos guerrilleiros en Latinoamérica se financian co narcotráfico. A existencia dos carteis da droga e a inexistencia de probas que relacionen a guerrilleiros detidos desminten esa relación. As armas de destrución masiva de Iraq ou o tráfico de opio dos talibán son dous bulos que aínda hoxe algúns descerebrados políticos españois queren que creamos. Venezuela hai anos, moito antes da chegada de Chávez, que é un dos países ponte da saída de droga utilizada polas organizacións de narcos colombianas e europeas para o envio de droga. A razón era de carácter táctico e estratéxico. Non podemos dicir que o Goberno español é colaborador da mafia rusa, romena siciliana e a camorra napolitana polo feito de que os seus negocios, moitos dos seus principais ingresos e lavado de diñeiro, estean no Estado español investidos en construcións, prostitución, xogo e drogas. En canto a suposta “comunión” do ideario bolivariano entre o presidente venezuelano, Hugo Chávez, e as Farc perguntarlle a John Carlin: Porque non calas? John Carlin non explica cal é o ideario bolivariano, porque Bolivia, Perú, Panamá, Venezuela, Ecuador e Colombia son todos países bolivarianos, e fillos dun mesmo ideario, sendo Bolívar o primeiro presidente de Colombia (nunca de Venezuela). Simón Bolívar non era marxista, todo o contrario, e Marx aborrecía a Bolívar como deixou escrito para la “New American Cyclopedia”. Karl Marx, nunha carta a Engels cualificou a a Bolívar como o “canalla máis covarde, brutal e miserábel”. A idea de Bolívar, o ideario bolivariano, está hoxe presente en todos os homes e mulleres, políticos e gobernantes de Latinoamérica, porque non é exclusivo de Chávez nin das Farc. América sempre foi bolivariana e martiana, sen distingos de países. Así cando Sandino, Zapata, Villa, ou Che toman as armas, todos os latinoamericanos ven unha continuidade coa xesta liberadora, porque América, como a nación de Ernst Renan, é un continente que se libera todos os días. No lugar no que os europeos ven un “caudillo populista” os latinoamericanos ven a decencia dun continente que non para de dar leccións ante a historia. Dúas páxinas máis de insensateces e lugares comúns continúan. Os desertores narran como pasaban traballo e sufrían a causa dos seus ideais revolucionarios, mentres os mandos guerrilleiros bebían whisky e mantiñan relacións con “hermosas mujeres”, é dicir, nin sequera con mulleres feas. Ao final todos saímos convencidos. John Carlin descubriu, este é un dito venezuelano, “el agua tibia”. Resulta que Marulanda, Reyes, Trinidad, Camilo Torres, non están (estaban) na selva senón en Mónaco, París ou Miami nunha mansión. Que os disciplinados e combativos presos guerrilleiros que vemos nas cadeas colombianas, formando, facendo exercicio e exixindo ser considerados como prisioneiros de guerra, son uns vulgares narcotraficantes. A historia ten milleiros de exemplos dos John Carlin de turno e de xornais mentireiros como El País de Madrid. Os nazis tamén chamaban terroristas aos guerrilleiros da resistencia e cando a Alemaña de Hitler invadiu Polonia o 1 de setembro de 1939, despois dunha montaxe dun ataque simulado por parte dos mesmos alemáns disfrazados de polacos, os xornais españois titularon cun infame: “Polonia ataca Alemaña”. Hoxe son os medios de comunicación como
El País os que atacan países e xentes e John Carlin, seica, sexa Juan Carlos. |
||||
|
||||
|
|
||||
|
Nota: |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2007 |
||||
|