|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
O Tratado de Lisboa non é senón un novo paso na construción da Europa do capital por parte dos axentes políticos e institucionais do noso continente, ao servizo dos únicos intereses do mercado e da súa lóxica depredadora. E aí é de salientar a confluencia e entendemento mutuo tanto dos partidos que se sitúan con clareza na dereita política como dos que se di situar na esquerda, ou no centro-esquerda, máis que no fondo hai tempo que abandonaron calquera veleidade que os sitúe na defensas dos valores propios da esquerda política, que sempre abandeirou como divisa a xustiza social e a democracia. De feito, os partidos que tradicionalmente eran de corte socialdemócrata (como os laboristas británicos, o PSOE español ou ou PS portugués), hoxe por hoxe, practican políticas social-liberais e son esteos básicos na arquitectura política e económica do neoliberalismo. E tanto é así que ás veces resúltanos, aos cidadáns e cidadás, ben difícil distinguirmos que partidos se sitúan nunha ou outra beira do minguado espectro político existente na actual democracia europea. A democracia da alternancia bipartidista, que apenas conta con dous actores principais e, ás veces, algún secundario ou nin iso. Pois nesta democracia da alternancia bipartidista, tan pagada de si mesmo que mesmo ousa condenar sen paliativos procesos políticos de alto contido democrático como o venezolano, os seus mandatarios europeos deciden, con data do 13 de decembro de 2007, dar por válido un novo tratado, o de Lisboa, furtándolle de maneira escandalosa aos cidadáns a posibilidade de pronunciárense sobre esta cuestión, que tanto afecta ao seu presente e ao seu futuro. A decisión case unánime tomada polos gobernos que conforman a actual Unión Europea é que van ser unicamente os parlamentos (falta ver o caso de Irlanda) os que ratifiquen os contidos do novo Tratado, un Tratado que, como se dixo, afonda nun modelo político e económico de corte neoliberal que busca saciar as ansias mercantilistas do capital europeo e que ademais está lonxe de dar cabida ás diferentes nacións que, como Galiza, existen baixo a andamiaxe político-institucional dos estados. Polo tanto, máis unha vez, a vontade popular vai estar ausente nunha aposta de tanto calado, xa que os gobernantes europeos desta volta van impedir calquera clase de consulta á poboación, tipo referendo, escaldados como andan tras a experiencia do Tratado Constitucional europeo e a vitoria do ‘Non’ en países como Francia e Holanda. Vitoria que, aínda só sendo unha batalla, certificou o pasamento daqueloutro Tratado. Quitadas as caretas nesta función da democracia global, só os apoloxetas do pensamento único -que non son poucos- poderán seguir a cuestionar de xeito tan infame a realidade que se vive en Venezuela, onde as garantías democráticas funcionan aceptabelmente para o pobo, sen ruborizarse cando miren para o continente europeo e vexan que os nosos gobernantes (tan demócratas eles!) son incapaces de debateren e enfrontaren nas respectivas sociedades a súa acción política. É máis. Ousaría hoxe algún mandatario europeo someter a referendo popular o seu cargo? Atreveríase a formular isto, aínda que só fose como posibilidade nun texto constitucional? A resposta escúsase, por obvia e palmaria. A Europa que levan anos construíndo é aínda unha Europa sen os pobos. Até cando?
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/12/2007 |
||||
|