Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 13 de decembro de 2007 (Publicado en La Región o 12/12/2007)

Custe de vida e precariedade
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Mercado en Carballo; clic para aumentar
O escenario hoxe é o seguinte: os prezos son case que os de centro Europa, os dos países máis desenvolvidos, neste aspecto fíxose a integración plena, mentres que os salarios e ingresos da clase obreira e dos pequenos propietarios son os de sempre. Esta evolución permitiu manter a competencia –aínda tendo unha inflación máis alta– porén sobre todo fortaleceu a concentración dos lucros nunha estreita fración da sociedade. (Foto: Mercado. ©galizacig.com).
 
Calquera que normalmente merque nunha pequena tenda, ou que se achegue algunha vez a unha delas porque necesita algo urxente -e quédalle máis preto cun centro comercial- con seguridade escoitará laios polo aumento do custe da vida. Nestes lugares, onde aínda a xente fala co tendeiro e dialoga entre si, son nos que podemos coller o pulso da realidade cotiá da sociedade, especialmente daquela na que vive a maioría da povoación traballadora. Xa Emilio Zola cando escribiu “O ventre de París” comprendeu a importancia dos mercados pra ollar a situación social. Por certo, a este escritor debéselle a aparición por vez primeira da clase obreira como protagonista na novela moderna con “La Taberna” (1867).

Coa entrada do euro houbo un aumento dos prezos que non pasou desapercibido pra ninguén, por máis que se maquillaran as estatísticas e se negara esta realidade desde o Governo da Unión e o Central en Madrid. Agora estamos asistindo de novo a un medre xeralizado dos custes dos produtos e bens máis esenciais, como son alimentación e transporte. De xeito que imos rematar o ano cun IPC próximo ao 4%. O escenario hoxe é o seguinte: os prezos son case que os de centro Europa, os dos países máis desenvolvidos, neste aspecto fíxose a integración plena, mentres que os salarios e ingresos da clase obreira e dos pequenos propietarios son os de sempre. Esta evolución permitiu manter a competencia –aínda tendo unha inflación máis alta– porén sobre todo fortaleceu a concentración dos lucros nunha estreita fración da sociedade, mergullada na abundancia e que cada día decide máis en política, mesmo sobordando a vontade popular (feito recoñecido na frase de que: a Bolsa vota todos os días).

Dicía antes que as estatísticas oficiais chocan contra a realidade, semellando que están maquilladas e ao servizo do discurso do poder político e económico dominante, e foron perdendo o creto que sempre tiveron, polo que se pide desde varias organizacións sociais que se modifiquen. Un exemplo témolo nas taxas de desemprego, onde a diferenza entre os parados e paradas rexistrados nas oficinas de colocación –con nome e apelido– e os que figuran na EPA –unha enquisa– supera un terzo do total. Ou no calculo do IPC, onde non se inclúe a vivenda, malia a importancia que ten nos gastos. Tampouco se dan porcentaxes do IPC, por tramos de ingresos, cando o gasto porcentual de bens esenciais e produtos alimenticios é moito maior nas familias que teñen ingresos máis baixos.

Se a todo isto lle engadimos as reformas laborais e fiscais das últimas décadas temos unha fotografía completa da realidade económica no ámbito social, e porque hai ricos tan ricos e unha reducida e forte clase media, mentres a maioría pasa estreiteces e ademais 660.000 galegos e galegas subsisten con menos de 571 euros ao mes! O medre da economía nos últimos anos serviu pra millorar as infraestruturas, pouco outros servizos esenciais e a cultura de base, porén recompuxo a estrutura de clases e territorial, favorecendo a unhas moito máis que a outras. Non foi un proceso solidario, senón que aumentou a desigualdade. E, vendo cara o futuro, todo amosa que a tendencia hexemónica seguirá coa concentración e centralización, polo que aumentarán máis as diferenzas entre territorios, a precariedade social e mesmo a indixencia. Asemade semella que, os tempos especulativos do cemento, os baixos prezos da enerxía, e as altas taxas de crecemento, son cousa do pasado.

Os governos e institucións deben servir ao povo, mesmo as empresas teñen unha obrigación social por riba do lucro, que ningún deles pode ignorar. Os dados, a vida na rúa, non falan a prol de que esta sexa a práctica política e empresarial dominante. O consenso, a democracia, perde deste xeito gran parte do seu valor.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/12/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta