|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
O Estado español leva anos dicindo que é a “porta de entrada” de Latinoamérica en Europa. Lin hai pouco que o Igape galego anunciábase na prensa neoiorquina promovendo comercialmente Galiza asegurando que era “a porta natural de entrada a Europa, e grazas ao galego, a porta natural de entrada ao mercado portugués e brasileiro para os empresarios estadounidenses”. Esta clase de “ideas” callan na xente da rúa que chegan a pensar que efectivamente os industriais estadounidenses ou brasileiros mesmamente precisarían do Igape para facer negocios en Europa. Nada máis lonxe da realidade. Os empresarios brasileiros, venezuelanos, arxentinos, mexicanos non precisan do empresariado español ou das institucións españolas (nin galegas) para introducir os seus produtos en Europa. Non o necesitaron nunca, e polas características da economía española (pouco áxil, pouco diversificada, pouco produtiva e pouco atractiva), non o necesitarán. Incluso a “ponte” que á inversa podería representar o Estado español con respecto á entrada de produtos e servizos da Unión Europea no mercado latinoamericano debido a razóns de carácter cultural, histórico... etc, nunca se deu tampouco.
A inexistencia de americanistas académicos no Estado español é outro feito vergoñento propio da soberbia e preguiza mental hispana; e o “descubrimento” permanente (por descoñecemento e ignorancia) da arte, da literatura, do teatro, da música latinoamericana no Estado español algo ao que nos teñen acostumados os catro “culturiñas” que escriben nos xornais españois con maior difusión nacional nas súas páxinas culturais. Esta ignorancia e incultura do mundo académico trasládase ao mundo económico e político. Os nosos “empresarios” formados na autarquía franquista e no “pelotazo” democrático aínda cren que “todo o monte é ourego”. As continuas protestas en Latinoamérica polos servizos deficientes e prepotentes da banca española, das liñas aéreas compradas por Iberia, das eléctricas, dos grupos de comunicación, das petroleiras, das empresas de gas, unido ao desinterese dos políticos e empresarios hispanos en lavar unha imaxe moi tocada desde a independencia no século XIX, fai que os latinoamericanos sintan ao español coma un conquistador-ladrón disfrazado de empresario. Non, levaron infinitamente máis do que trouxeron. Empezando polos bancos que hoxe engordan as súas ganancias nos balances anuais coas de Latinoamérica ou rematando coas empresas conserveiras en Centroamérica, Venezuela e Arxentina que contratan a traballadores en condicións que non serían permitidas no Estado español. Unha das tácticas para vender produtos españois en Latinoamérica no goberno socialista de González era a de conceder “créditos atados”. Estes créditos consistían en outorgar un monto determinado de millóns e a obriga de gastar eses millóns en produtos de empresas españolas previamente concertadas. Venezuela foi un de tantos países latinoamericanos, incluso cando Felipe González tiña o apoio do presidente Carlos Andrés Pérez, en rexeitar estes créditos por resultar leoninos e inútiles os produtos ofrecidos ou de baixa calidade comparándoos cos alemáns ou estadounidenses. Está era unha das formas de dar saída a produtos españois en Latinoamérica: atalos a un crédito previo, pois senón os produtos non tiñan a posibilidade de ser vendidos. Non tiñan o mesmo problema os estadounidenses, alemáns, holandeses, franceses ou mesmamente italianos que durante décadas mimaron a relación con estes países outorgando bolsas de estudo ás futuras clases dirixentes latinoamericanas que servirían de entrada para os produtos comerciais e de servizos dos países nos que estudaran.
Un Estado español minguado cultural e universitariamente non formou clases dirixentes latinoamericanas, e polo tanto non é porta de entrada nin de saída para as clases dirixentes latinoamericanas que levan décadas formándose no verdadeiro Primeiro Mundo representado polos Estados Unidos e por Europa (o ex presidente Toledo en Harvard, o presidente ecuatoriano Correa en Bélxica... etc). Así, a irrupción destes novos ricos empresarios españois desembarcando nunha Latinoamérica quebrada por unha década de políticas neoliberais nos oitenta, coa súa ignorancia e prepotencia sobre a realidade histórica e cultural do mundo que pisaban, unido ao seu pobre aporte aos países aos que chegaban non ten máis lecturas nin conclusións que as que puidemos ver cando Chávez, Ortega, Correa e incluso o presidente Kirchner chamaron aos españois o que tiñan que chamar. A resposta e actitude do rei dos españois, divorciado de lexitimidade para falar nunha xuntanza de presidentes democraticamente elixidos, é a triste conclusión e proba dos anteriores feitos aquí descritos: prepotencia, ignorancia, incultura e soberbia. |
|||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2007 |
|||||||||||||||||||
|