Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 30 de novembro de 2007

DESDE O VENTRE DA BALEA
Venezuela: A hora de dicir SI

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Unha opción diferente á vitoria do SI no referendo de reforma constitucional sería unha dolorosa labazada para o avanzo do proceso bolivariano en Venezuela, o que á súa vez tería unha gran repercusión noutros países da área que como Bolivia, Ecuador ou Nicaragua comparten horizontes estratéxicos.



  Mural polo SI, clic para aumentar
A reforma constitucional que se somete a referendo o día 2 de decembro é un paso fundamental e decisivo. Xa non só polos seus contidos, que desde logo son importantes, senón tamén pola validación nas urnas do proceso de cambio radical que vive Venezuela, baixo a epígrafe de “socialismo do século XXI”.
 
O vindeiro 2 de decembro o pobo venezolano ten unha nova cita, inescusábel, coa Historia. Coa súa propia e coa dun continente que comeza a sacudirse, tras anos de ser pasto de agresivas políticas de corte neoliberal, que agudizaron os casos de pobreza nas poboacións do vasto territorio que se coñece co nome de América Latina.

O que ten que decidir a sociedade venezolana é unha reforma constitucional que afonda en diversos aspectos sociais, políticos e económicos, nunha liña de ruptura clara co pasado e de superación dun modelo político e económico que condenaba a millares de cidadáns á miseria e á exclusión social. Se cadra nunca unha reforma tivo un carácter tan revolucionario. Ou se cadra nunca unha revolución foi tan reformista. Sexa como for, o proceso político que vive Venezuela, baixo o liderado de Hugo Chávez, parece ser un proceso imparábel, que avanza cara a unha mudanza fonda e radical das súas estruturas.

Nese percorrido, que é acompañado pola maioría social do pobo venezolano, a reforma constitucional que se somete a referendo o día 2 de decembro é un paso fundamental e decisivo. Xa non só polos seus contidos, que desde logo son importantes, senón tamén pola validación nas urnas do proceso de cambio radical que vive Venezuela, baixo a epígrafe de “socialismo do século XXI”.

Tal proceso, non exento de contradicións, está a ser enfrontado abertamente por sectores da sociedade venezolana, partidarios do “antigo réxime” e tutelados sen case disimulo polos EEUU. Certo é tamén hai outros sectores que desde posicións pretendidamente de esquerdas se están a opoñer a esta reforma constitucional, mais non son nin moi numerosos nin os que están a crear o rebumbio mediático ao que asistimos día tras día.

O que non deixa de resultar estarrecedora é a unanimidade con que os medios de comunicación do noso contorno se manifestan á hora de avaliar o que acontece en Venezuela, mesmo tentando restarlle lexitimidade democrática ao presidente Chávez, curiosamente o único do mundo que se someteu a un referendo revogatorio e que gañou por maioría avultada. Nese perverso ‘pensamento único’ van tamén da man tanto o PSOE como o PP, valedores do afán de lucro das transnacionais españolas no continente americano.

Así, é manifesto o interese existente en derrocar a Chávez e en esfarelar o proceso bolivariano no país caribeño, proceso que hoxe por hoxe é máis ca nada un intento de crear o chamado ‘estado de benestar’ en Venezuela. E a reforma constitucional en debate é apenas unha plasmación diso, xa que a través dela como instrumento político se avance en dereitos sociais e políticos, mais non se fai unha ruptura total coas estruturas do capitalismo operante. De feito, todas as mudanzas que se veñen facendo en Venezuela nesta década de proceso bolivariano están a ser ben graduais, o que non deixa de xerar contradicións no devandito proceso.

Unha opción diferente á vitoria do SI no referendo de reforma constitucional sería unha dolorosa labazada para o avanzo deste proceso, o que á súa vez tería unha gran repercusión noutros países da área que como Bolivia, Ecuador ou Nicaragua comparten horizontes estratéxicos, con gobernos liderados por unha esquerda transformadora, que defende con unllas e dentes a súa soberanía e o ensaio dun tipo de sociedade diferentes, na que prevalezan os valores socialistas.

O pobo de Venezuela, máis unha vez, ten a palabra e a voz. O que decida vai ter un significado político a escala planetaria. Os ollos do imperalismo norteamericano non deixan de mirar para alí. Nós tampouco non o deixamos de facer.


Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2007.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta