Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 13 de novembro de 2007

DESDE O VENTRE DA BALEA
O Rei está espido

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Fronte a presidentes electos democraticamente, como o venezolano Chávez ou o nicaraguano Ortegal, era recomendábel que o Rei borbón mantivese un escrupuloso respecto, mais non o fixo. Pesoulle máis (estado anímico mediante) a súa propia ‘memoria histórica’ colonial e acabou por facer un ridículo espantoso.



  Rei borbón, clic para aumentar
O comportamento do Rei borbón é algo máis que inapropiado, tanto para o seu papel institucional no Cumio como pola súa propia lexitimidade democrática como máximo representante do Estado español. E el, máis ca ninguén, sábeo. Como o sabe o outrora republicano PSOE, tristemente embarcado nunha defensa numantina da Monarquía ‘juancarlista’ española.
 
O acontecido no acto de clausura do Cumio Iberoamericano realizado en Chile, con representantes do “Eixo da Dignidade” (Venezuela, Cuba, Nicaragua...), afeando á representación española determinados comportamentos de “intereses españois” a respecto da soberanía dos seus países, parece que vai quedar reducido a un xesto: as palabras quentes do Rei borbón ao presidente electo venezolano, Hugo Chávez, e a súa saída momentánea do devandito acto de clausura.

Detrás de xesto, hai cousas, moitas máis cousas. Hai, sobre todo, o cansazo de todo un continente pola gran “noite neoliberal” que padeceron e da que moitos entenden -poboacións e gobernantes- que é necesario despertar. Unha gran “noite neoliberal” que produciu máis atraso e miseria para os pobos de Latinoamérica, máis dependencia e menos, moita menos, soberanía.

Fronte a eses países e gobernos que reaccionan ás políticas neoliberais, érguense elementos de resistencia teimuda para que nada cambie. As transnacionais españolas, que tanto participaron dese pastel perverso, son parte desa trama, en aras dos seus beneficios e do seu lucro constante. Corifeos deses intereses do capital son personaxes como o expresidente do Goberno español, José María Aznar, a quen por certo o termo que se cadra mellor lle acae é o de ‘neo-fascista’. Unha diferenza apenas de forma, que non de contido, co adxectivo que lle dedicaba o presidente venezolano Hugo Chávez, e que tanto incomodou ao Rei borbón e á delegación española, encabezada polo actual inquilino do Palacio da Moncloa, Rodríguez Zapatero.

Por outra banda, o que tampouco resulta desmentíbel para a delegación española neste encontro de países de Iberoamérica é a acusación directa lanzada polo sandinista Daniel Ortega, presidente electo de Nicaragua, a respecto do rol que xogan determinadas empresas españolas na desestabilización do seu país e do seu goberno.

Así as cousas, o comportamento do Rei borbón é algo máis que inapropiado, tanto para o seu papel institucional no Cumio como pola súa propia lexitimidade democrática como máximo representante do Estado español. E el, máis ca ninguén, sábeo. Como o sabe o outrora republicano PSOE, tristemente embarcado nunha defensa numantina da Monarquía ‘juancarlista’ española.

Mais o Rei borbón non deixa de estar espido. Por vez primeira en décadas, comézanse a alzar voces no conxunto do Estado español que cuestionan abertamente a Monarquía, malia o pacto histórico que os diferentes poderes (tamén o mediático) veñen mantendo, para blindar ao máximo ao Monarca español e aos seus.

Fronte a presidentes electos democraticamente, como o venezolano Chávez ou o nicaraguano Ortegal, era recomendábel que o Rei borbón mantivese un escrupuloso respecto, mais non o fixo. Non foi quen de facelo. Pesoulle máis (estado anímico mediante) a súa propia ‘memoria histórica’ colonial e acabou por facer un ridículo espantoso.

Habería aínda quen llo agradeza. Deses ningún é dos que acredita na soberanía dos pobos e nacións. Nin sequera das que hoxe falan a “lingua do Imperio” que xa non o é.


Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2007.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta