Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 7 de novembro de 2007

Vintetrés chanzos máis abaixo
 

Víctor Trushkov-

Rebelión


O capitalismo, imposto ao país pola forza, non é menos inhumano que o fascismo hitleriano. Está destruíndo sen compasión o principal recurso do país. En consecuencia, para a salvación de Rusia, ese capitalismo inhumano debe ser vencido dun xeito tan decidido e implacábel.



  89 aniversario Revolución Outubro en Moscova, clic para aumentar
Hoxe quedan na Federación Rusa os mesmos habitantes que había en 1984 na RSFSR. En canto a niveis de poboación, voltamos a cifras anteriores ao inicio da Perestroika. Acaso non é isto simbólico? É amargo, non en menor medida. 23 anos borrados do curso demográfico natural da historia de Rusia. 23 chanzos máis abaixo. Seica non é suficiente? É o mesmo que durou o reinado do tsar Nicolás II “o Sanguento”, e que trouxo como consecuencia a Gran Revolución Socialista de Outubro.
 
Na historia non hai nada nin ninguén, agás as persoas, que ao actuaren entren inevitabelmente en relación unhas con outras. A xente é o principal recurso de calquera desenvolvemento social. É marabilloso dispor de unhas riquezas naturais únicas, pero só co traballo da xente se converterán en riquezas sociais. É o ABC do marxismo. E cando se comeza a falar sobre valoracións dos recursos do país, a poboación é o que deberiamos ter en conta en primeiro lugar.

A xente astuta e malintencionada que traballa actualmente neste campo da historia, creou unha gran cantidade de mitos e lendas, que en ocasións dexeneran en auténticas trolas.

Os detractores profesionais do socialismo e do sistema soviético, son os que máis empeño poñen.

É como se tivesen organizado unha competición entre si, para ver quen deles, do xeito máis indecente e imperdoábel, se atreve a inventar un maior número de “vítimas do Poder Soviético” nos anos 30. 60 millóns de persoas… 80 millóns… 100 millóns… sobreenténdese que se refire á poboación adulta, ante todo homes. Parece que nin se lles pasa pola cabeza, que todas esas fábulas as podería rebater calquera rapaz de 5º de primaria.

A poboación da URSS no ano en que se creou o estado unificado ascendía a 136,1 millóns de persoas. Das cales, a finais de 1922, 63 millóns eran homes. Que nos queda se restásemos aínda que fose eses 60 millóns de míticas vítimas? Quen loitou entón na Gran Guerra Patria? De onde saíron entón nunha soa República Socialista Federativa Soviética Rusa, 51 millóns de homes en 1939? En total en toda a Unión Soviética había naquel momento preto de 93 millóns.

Tomemos unha comparación máis, que sempre rexeitan facer os antisoviéticos. Refirome aos tempos de crecemento na RSFSR e nos Estados Unidos de Norteamérica (que era o nome oficial ate a Segunda Guerra Mundial dos actuais EEUU). Por que da Federación Rusa e non de toda a Unión Soviética? Porque nos anos 30, o territorio da RSFSR non sufriu variacións, mentres que na URSS entraron catro novas repúblicas –Moldavia, Letonia, Lituania, Estonia- así como Ucraína occidental e Bielorrusia occidental. Nos 13 anos, que pasaron entre os censos de poboación dos anos 1926 e 1939, o número de habitantes da RSFSR medrou nun 13,5%. Por certo, que isto non son datos da Dirección Central de Estatística da URSS, cuxas cifras tanto gostan de pór en dúbida os defensores do capitalismo, senón datos que foron escrupulosamente verificados polos estudosos do actual Instituto de Investigacións Científicas de Estatística, dependente da Axencia de Estatística da Federación Rusa (Rosstat).

A poboación dos EEUU de Norteamérica, que continuaba ascendendo grazas aos fluxos migratorios de Europa e outras partes do mundo, na década entre 1930 e 1940, creceu nun 8%. Son datos moi elocuentes.

Pero voltemos a Rusia. Nos anos 30 a poboación aumentou en 13 millóns de persoas. Comparemos estes datos co crecimento poboacional na Rusia tsarista nunha época bastante próspera, comparada coa actual, como foi a primeira década do s.XX. Durante o período comprendido entre 1901 e 1910, a poboación de Rusia medrou en 13,37 millóns de persoas.

Voltemos ao detallado estudo do director do IEC de estatística da Axencia de Estatística da Federación Rusa, o profesor Vasili Simchera: “Desenvolvemento da Economía en Rusia durante 100 anos. Sucesión histórica” (editorial Nauka. 2006). Neste traballo analízase polo miúdo a dinámica da cantidade de poboación durante o s.XX. Son especialmente interesantes os datos sobre o crecemento anual da poboación. Vexamos cales foron as variacións que se deron no periodo entre a Guerra Civil e a Gran Guerra Patria.

As consecuencias demográficas da guerra civil foron moi perceptíbeis, incluso en 1923, cando o crecemento aínda era negativo nun 0,2%. Polo contrario, nos 3 anos seguintes, comezando dende o 24 a 1926 ambos inclusive, deuse un crecemento record, que alcanzou o 1,9% anual. Despois, nos 11 anos seguintes, observouse un crecemento estábel da poboación.

Na RSFSR, medraba a razón dun 1,1% (algo máis dun millón anual). E de súpeto, observamos outro repunte. De novo, e no transcurso de tres anos, dáse un notabel crecemento demográfico, cifrado nun 1,6% anual (1,7 millóns ao ano). Pero presten atención aos anos de que estamos a falar: 1938, 1939, 1940.

Non, non teño a menor intención de desmentir, con todo o conxunto de datos estatísticos fiábeis comprobados e revisados en múltiples ocasións no Instituto de investigacións Científicas da Axencia de Estatística da Federación Rusa, ou que houbese represión na segunda metade dos anos 30. E por desgraza tiveron un carácter masivo. Mais rexeito categoricamente a acusación que se fai contra o Partido Comunista Bolxevique e o Poder Soviético, de que se levase a cabo un xenocidio contra o seu propio pobo. O mito sobre ese suposto xenocidio é falso de principio a fin. Acusar disto ao Partido Comunista e ao Estado Soviético, é unha calumnia maligna, como o demostra a imparcial estatística.

Durante o s.XX a poboación de rusia medrou en 76,1 millóns de persoas. É dicir, en máis de dúas veces. Os científicos calcularon que a poboación do país podería terse multiplicado por catro en relación con 1900. Pero houbo, sobre todo, 3 “fosos demográficos” que o impediron.

O primeiro deles está relacionado coa Primeira Guerra Mundial e a Guerra Civil. Durante eses anos a poboación viuse reducida en 3,2 millóns de persoas. O Poder Soviético puido restituír as perdas das duas guerras en apenas dous anos, e xa para 1925 foi superado o pico do período prebélico, en canto á poboación se refire. En total, nos anos da construción socialista, previos á 2ª Guerra Mundial, a poboación da RSFSR aumentou en 20 millóns.

A segunda fosa demográfica profunda foi “escavada” durante a Gran Guerra Patria. Ademais hai que ter en conta que a guerra seguía causando novas vítimas até o ano 1950, incluído. O número total de poboación, que non deixaba de descender durante a década de 1941 a 1950, estímase en 8,6 millóns. Deles, a 2,6 millóns a morte alcanzounos coa súa osuda man, nos cinco anos que seguiron á Gran vitoria. Recuperar a poboación a niveis previos á contenda só se puido en 1955.

A terceira fosa demográfica é posibelmente a máis tráxica, xa que resulta imposíbel atopar xustificación. Foi escavada en anos de paz. Nese período, de acordo coas valoracións comunmente aceptadas, xa non se levaba contra nós ningunha “guerra fría”. A restauración do capitalismo “fusila” implacabelmente a casi un millón de persoas ao ano. E así leva facéndoo 16 anos.

Hoxe quedan na Federación Rusa os mesmos habitantes que había en 1984 na RSFSR. En canto a niveis de poboación, voltamos a cifras anteriores ao inicio da Perestroika. Acaso non é isto simbólico? É amargo, non en menor medida.

23 anos borrados do curso demográfico natural da historia de Rusia. 23 chanzos máis abaixo. Seica non é suficiente? É o mesmo que durou o reinado do tsar Nicolás II “o Sanguento”, e que trouxo como consecuencia a Gran Revolución Socialista de Outubro.

A propaganda da restauración capitalista esfórzase en xustificar a agonía do país atribuíndoo ao eco demográfico da guerra. É certo que a invasión do fascismo á Unión Soviética xera ese eco. Pero atribuírlle a el o actual xenocidio (un xenocidio auténtico, non inventado por astutos e mañosos políticos manipuladores) é imposíbel.

A primera vaga do eco demográfico da Gran Guerra Patria chegou ate nós na segunda metade dos anos 60, tras duas décadas, dende a Vitoria. Entre 1968 e 1971 o crecemento da poboación caeu case á metade e ficou no 0,5% anual. Os catro anos seguintes, ese indicador non puido pasar do 0,6%. Logo a curva de crecemento foi novamente cara a arriba e achegouse ao 1%.

A segunda vaga sempre é máis débil, menos perceptíbel. Mais non se pode ignorar. É certo, que medio século despois do comenzo da Gran Guerra, é dicir nos anos 1990-1991, o medre da poboación en comparación cos anos anteriores, se viu reducido á metade, baixando ate un 0,4% anual.

Pero posteriormente comenzou a extinción. Dende 1994 a cifra total da poboación do país reduciuse en 6,7 millóns de persoas. As perdas reais foron 1,5 veces máis, xa que hai que ter en conta que neses anos chegaron á Federación Rusa máis de 3,5 millóns de persoas, provenientes dos “novos estados”.

Por conseguinte, a restauración capitalista “fusilou” a non menos de 10 millóns de rusos. Iso é máis que as perdas de poboación que sufriu Rusia entre 1941 e 1950.

Dedúcese que o capitalismo, imposto ao país pola forza, non é menos inhumano que o fascismo hitleriano. Está destruíndo sen compasión o principal recurso do país. En consecuencia, para a salvación de Rusia, ese capitalismo inhumano debe ser vencido dun xeito tan decidido e implacábel, como os nosos pais e avós remataron co odiado inimigo, ofrecendo ao planeta una Gran Vitoria.

Nesta loita actual –a guerra é a guerra-, a selección dos medios vén definida polas circunstancias. Unha papeleta electoral, se sabemos utilizala de xeito razoábel, pode converterse en lenda, ao igual que as “katiushas”. Sempre e cando, claro está, a potencia de fogo da papeleta sexa respaldada pola ofensiva de todo o pobo traballador.



Nota:

Orixinal publicado na edición 118 do Pravda con data 25 de outubro de 2007.


[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, 26 de outubro de 2007]

 
 
As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta