|
Actualidade / Artigo Releitura polo Governo Zapatero da traxedia
do Prestige Manuel Mera-
A loita contra a maré negra tivo como principais e primeiros protagonistas aos mariñeiros e mariscadoras, e outras persoas solidarias das zonas atinxidas pola desfeita, nunha loita dramática, sen os medios necesarios e cun valor a toda proba. Non había botas, nen cestas, e houbo que mercalos nas tendas, e serían os concellos e organizacións como a CIG as primeiras en fornecer eses medios (desde as súas posibilidades). As imaxes da irregular pelexa das persoas contra os elementos sensibilizaron máis que ningunha outra declaración a toda a nación, que saíu en masa á rúa a protestar o dia 1 de decembro de 2002 en Compostela, e posteriormente en todas e cada unha das cidades e moitas vilas de Galiza, mesmo ás máis afastadas da costa. Calquera que participara destas mobilizacións sabe que non acudiron todos os sectores sociais por igual, que estiveron sobre todo aqueles que teñen unha maior sensibilidade de país, ecolóxica ou solidaria. Mesmo houbo quen pretendeu restar importancia ao desastre, e acusou ao nacionalismo de alarmismo. foron máis de cen mil galegos e galegas a Madrid (23 de febreiro de 2003), nunha manifestación á que acudiron emigrantes galegos de todo o Estado, sumando máis de duascentas cincoenta mil persoas en total, nunha mobilización sen parangón na que se integraron solidariamente moitos residentes da capital do Estado. O proceso foi deste xeito e non ao revés. Viñeron moitos voluntarios de fóra, nunha actitude solidaria que agradecemos e non esqueceremos, porén a loita contra a maré negra tivo como primeiros protagonistas aos habitantes dos lugares afectados e a rápida e sobranceira mobilización da sociedade galega, destacando tanto polas masivas manifestacións como no número de voluntarios. Non podemos admitir que máis unha vez se fagan leituras interesadas, que centran os méritos nos de fóra (por máis grande que sexa a súa solidariedade) e non nos principais protagonistas, afondando deste xeito no “san benito” de que os galegos non valemos pra camiñar sos, que necesitamos do paternalismo e da protección do resto do Estado. Abonda de manipulación e esquecemento histórico. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2007 |
||||
|