Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 1 de novembro de 2007 (Publicado en La Región o 31/10/2007)

O que alimenta o racismo
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Traballador da construción, clic para aumentar
Que a patronal é a gran beneficiada fica confirmado por un recente informe da Unión Europea onde se di que no Estado español e Portugal teñen moita máis posibilidade de conseguir traballo os inmigrantes que os que naceron no país, aínda que (engade) estes tamén teñen unha temporalidade moito maior na contratación. (Foto: ©galizacig.com).
 
Todos os días hai feitos violentos por motivos racistas ou étnicos, dirixidos case que sempre contra inmigrantes, que non se poden permitir e deben ser duramente condenados por todos e todas. Agora ben, non abonda co discurso preventivo e a forza da Lei se ao mesmo tempo desde a realidade cotiá se alimenta decote o enfrontamento, e as actuacións deslexitiman o que os governos e outras institucións predican e publicitan. Acaso non hai racismo cando no estreito morren miles de persoas todos os anos, polo delito de vir de África, mentres polo aeroporto de Barajas entraron millóns de inmigrantes de América Latina sen maiores atrancos na última década, agás algúns casos moi comentados por inxustos?... Algúns no Estado español din que este é o racismo bo, xa que incorpora persoas afíns culturalmente (algo discutíbel pra alén de que falan castelán).

En todo caso, o certo é que se buscou no exterior moita man de obra barata e que se puidera incorporar axiña e sen custes formativos. Priorizáronse única e exclusivamente os obxectivos empresariais, pra os caes canta máis inmigración millor, mesmo irregular, xa que o exceso debilita as reivindicacións laborais. Claro hai un límite, porque se o desemprego é multitude pode aumentar a violencia até estremos incontrolábeis, e sobre todo os custes sociais... daquela o discurso empresarial pode ser menos altruísta e multiculturalista. Que a patronal é a gran beneficiada fica confirmado por un recente informe da Unión Europea onde se di que no Estado español e Portugal teñen moita máis posibilidade de conseguir traballo os inmigrantes que os que naceron no país, aínda que (engade) estes tamén teñen unha temporalidade moito maior na contratación.

En Galiza, cunha longa tradición de emigración, e moita sensibilidade no tema, o discurso dominante fixo mella e aceptouse este novo fenómeno acriticamente. Mais de vagar vaise impondo unha actitude menos receptiva especialmente nas clases populares, empurradas por unha taxa de desemprego estrutural moi alta e por miles de persoas que teñen que marchar fóra cada ano. Cada día vese máis ao emigrante como un competidor, mesmo aos irmaus de Portugal que traballan no sector da construción. E aliméntase esta actitude desde a propia Xunta cando se van formar en América Latina a 15.000 novos traballadores pra construción e hostalaría, mentres medio millón de galegos e galegas que foron forzados a emigrar ao Estado español son ignorados. E isto tamén é racismo, por máis que sexa o racismo de toda a vida cos da aldea e os barrios, o máis grave é que ninguén fale del.

En moitos casos hai substitución de man de obra galega por outra de fóra, e non se pode aceptar. Mesmo recoñecendo que a emigración é unha traxedia e que moitos inmigrantes son vítimas da máxima explotación, o certo é que sen querelo tamén serven de ariete aos intereses da patronal máis avariciosa. Solucionar esta contradición, que pode enfrontar a traballadores contra traballadores, non é posíbel ignorando o fenómeno e as consecuencias, pechando os ollos. Cumpre debate sen prexuízos, políticas de integración (laborais, e tamén culturais e lingüísticas), planificación e control do proceso migratorio, e sobre todo que se cumpra a lexislación laboral vixente en todas as empresas.

Todo indica que se nos veñen enriba momentos económicos malos, con aumento do desemprego, e as tensións serán moi fortes. Neste novo contexto os que abriron as portas sen control, por avaricia, serán con seguridade os primeiros en querer pechalas e expulsar aos que viñeron atraguidos por promesas poucas veces cumpridas. Serán intres nos que se debe impor a solidariedade entre os traballadores!!! E daquela axudaría moito que o seguro de desemprego cubrise máis tempo e a súa cuantia fose maior, algo que hoxe é posíbel. Non facelo seria seguir cedendo aos poderosos e aceptar como válida a inxusta caricatura que converte en preguiceiros aos pobres ou parados, tanto sexan galegos como inmigrantes.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta