Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 21 de novembro de 2007 (Publicado en La Región o 20/11/2007)

Mudanzas nos equilibrios de poder
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Hugo Chávez pide a palabra; clic para aumentar
Sen dúbida o acontecido en Chile, durante o Cumio Iberoamericano, é de máis calado e reflicte as fundas mudanzas económicas e políticas, e de lideranza, que se están producindo no mundo, e moi especialmente na América Latina. Por iso, os medios de información peninsulares e algúns partidos que inflaron o conflito (mesmo insultando a Chávez, Cuba, Nicaragua, Bolivia, etc) atópanse agora co feito de que as grandes empresas españolas que teñen investimentos alén do Atlántico piden tranquilidade e que se restableza o dialogo e entendemento. (Foto: Hugo Chávez pide a palabra na segunda sesión do Cumio Iberoamericano celebrado en Santiago de Chile).
 
Durante estes días o incidente entre o rei e máis o presidente de Venezuela fixo correr ríos de tinta e provocou moreas de comentarios, que case que sempre se centraron nas formas, construíndo sobre estas de que banda está a razón. Sen dúbida o acontecido en Chile, durante o Cumio Iberoamericano, é de máis calado e reflicte as fundas mudanzas económicas e políticas, e de lideranza, que se están producindo no mundo, e moi especialmente na América Latina. Por iso, os medios de información peninsulares e algúns partidos que inflaron o conflito (mesmo insultando a Chávez, Cuba, Nicaragua, Bolivia, etc) atópanse agora co feito de que as grandes empresas españolas que teñen investimentos alén do Atlántico piden tranquilidade e que se restableza o dialogo e entendemento. Non podía ser doutro xeito porque son os intereses económicos os que máis teñen que perder, e o espazo que deixen valeiro estas empresas será rapidamente cuberto por outras multinacionais ou pola patronal nativa.

O Estado español é o primeiro en investimentos nalgúns países de América Latina e o segundo en toda a rexión, agora ben, esta presenza non é por motivos humanitarios ou culturais, senón fundamentalmente porque os beneficios dobran os que obteñen en calquera outro lugar. Se houbese criterios solidarios non se entende que os empresarios galegos invistan fóra, cando son tan necesarios eiqui eses capitais pra evitar a emigración e un desemprego estrutural moi alto. Todos sabemos que a cotío na Galiza utilízase o argumento dos beneficios pra xustificar a deslocalización. Daquela que malia que salienten a inseguridade e inestabilidade seguen presentes na América Latina, só por isto. Asemade, os que se enchen a boca co argumento da xenerosidade humanitaria do Estado español (por exemplo a condenación da débeda a varios países da área) ignoran ou agochan que os lucros obtidos co intercambio desigual e os gaños das empresas españolas multiplican con creces os xestos solidarios, dando a razón aos que afirman que na etapa actual a “solidariedade” é rendíbel.

A situación mundial está mudando de bulir, empurrada por governos achegados aos intereses das maiorías sociais na América Latina, polos novos Vietnam que resultaron das ocupacións militares de Iraq e Afganistán, mais tamén pola enorme conflitividade en Palestina e Líbano. Estas últimas son aventuras imperiais que desgastan ás potencias actuais. Un escenario ao que compre engadir as consecuencias de: facer de China o taller do mundo, por pura avaricia ocidental, en troques de lle facilitar tecnoloxía aos países menos desenvolvidos (entre eles China) e realizar un intercambio máis xusto; da desfeita do ecosistema; da desregulación laboral e do aumento das desigualdades territoriais e entre clases; do esgotamento do petróleo, e polo tanto do principal aporte de enerxía no mundo; etc. China e Rusia xorden agora como novas potencias económicas, e os países que compoñen o ALBA como unha alternativa e referencia. Uns e outros medran por riba da media mundial, e todo reflicte que en poucos anos a hexemonía dos Estados Unidos (a principal hoxe), da Unión Europea (por máis que se estenda) e do Xapón será moito menor, e mesmo nalgún caso ficará por debaixo destas novas potencias. Este grave contexto e mudanzas foron as que se reflectiron no cumio!!!

No Estado español, mergullado na especulación e nun consumismo que non ten base material pra se soster, por máis que inmigre man de obra barata e se aumente a explotación da masa laboral no interior e exterior, non se queren aceptar estes cambios e que o modelo actual non é sustentábel, tanto por motivos ecolóxicos, como polo medre das resistencias sociais. Sei que o espellismo de ser unha potencia que impón a outros engaiola a moita xente, aínda que na súa vida cotiá lles atinxa negativamente, porque coidan que lles dá prestixio e máis poder. No caso de Galiza isto leva aparellado a perda da identidade e, o que resulta máis grave, non é máis que un soño efémero que ao final só deixará unha economía maltreita e desacougo, así como moito cemento e aspectos culturais irrecuperábeis. Por isto a razón está do lado de Chávez, Ortega, Morales, Correa e Fidel, aínda que non sexa sempre... e pra alén dos modos.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta