|
Actualidade / Artigo A Revolución Rusa: Noventa aniversario
da insurrección que mudou o mundo Manuel Mera-
Cúmprense noventa anos da Revolución Rusa, nun intre histórico no que este país volve ter un papel importante no escenario internacional, despois de pasar dúas décadas de graves problemas económicos, sociais e políticos. A rápida superación dun retroceso, que semellaba non ter fondo, débese en boa medida ao aumento dos prezo dos produtos enerxéticos (o que ten relación non só co esgotamento do petróleo, senón tamén coa estratexia do goberno bolivariano de Venezuela sobre o tema). Porén tampouco se pode esquecer o feito de que a longa etapa do chamado “socialismo real” forneceu a Rusia de infraestruturas e tecido industrial, formación científica e técnica e base cultural. Claro que, a diferenza do pasado, neste intre a estratificación social medrou até niveis arrepiantes, e a avaricia confúndese con sinónimo de progreso e bo empresario. Sei que son malos tempos para defender a Revolución Rusa de outubro de 1917; hoxe a hexemonía mediática do capitalismo todo o terxiversa, o deforma, restándolle crédito ao que non ofereza arroupe á explotación do home polo home, ao individualismo. Este ataque arreo, a calquera experiencia histórica que forneza de prestixio ás clases populares, só se lle pon freo, por parte do pensamento neoliberal (e os seus sucedáneos, mesmo da chamada “esquerda”) cando se trata de intres pouco acaídos (por exemplo de gran mobilización social), ou, que polo burdo dos argumentos empregados, clarifique máis que agoche. Ademais, eu fun daqueles mozos que na década dos sesenta e setenta criticou á Unión Soviética pola súa burocracia e o capitalismo de estado, que –entendía- desnaturalizaba o socialismo. Con este xeito de pensar cheguei a Galiza e sobre estes alicerces asentouse ERGA, cando menos nos primeiros anos. Agora ben, iso non significaba para min daquela (cando outros asumían os ditados de Moscova acriticamente), nin hoxe, que a Revolución Rusa non fose un exemplo durante moitos anos e, en todo momento, os países socialistas un apoio firme a prol da descolonización e da loita contra o capitalismo. Unha revolución só é posíbel cando coinciden condicións obxectivas e subxectivas. Na Revolución Rusa temos que anotar entre as primeiras: a grave situación de miseria da maioría da poboación (mesmo a fame) e a represión, a falta de creto do réxime tsarista, a derrota militar durante a Guerra Mundial. Entre as segundas, como fundamental, a existencia dun partido revolucionario, atrevido, cunha militancia entregada, como foi o dos bolxeviques, e con dirixentes do peso intelectual de Lenin, mais tamén de Trostky, Bukharin, Kollontai, Preobrazhenski, Lunarcharky, etc. Sen esta última condición non tería sido posíbel a derrota, non só do tsarismo, senón do capitalismo que atopara na revolución de febreiro de 1917 novos mecanismos para manter os seus privilexios. Daquela xa tiña o apoio dunha parte importante da socialdemocracia (menxeviques e socialrevolucionarios de dereita), que lle serviría de muro protector diante de calquera proceso de intentase afondar as conquistas sociais, co argumento de que “Rusia non estaba preparada pra o socialismo”. Dentro dos bolxeviques tamén houbo dúbidas sobre o momento e a oportunidade de tomar todo o poder, de dárllelo aos soviets, tal como se reflectiu na división do Comité Central, e en debates que mesmo foron públicos. En outubro de 1917 non só se botou abaixo o imperio ruso, co que tiña de opresor de pobos, e de explotación de campesiños e obreiros, senón que ademais mudou o mundo. Nunca outra revolución tivo tanto eco! Millóns de persoas sumáronse aos partidos comunistas, sobre todo militantes socialistas e anarquistas, e as loitas contra a descolonización colleron un pulo definitivo; un proceso que se ía consolidar despois da 2ª Guerra Mundial coa independencia de ducias de colonias en África e Asia, cando a Unión Soviética emerxe como unha gran potencia militar e económica, tanto pola súa contribución á derrota da Alemaña nazi, como polo acelerado proceso de construción de infraestruturas e industrialización, especialmente de industria pesada. O movemento obreiro mundial, tamén nos estados europeos occidentais, beneficiouse da nova orde internacional e de que houbese un estado poderoso que predicase o socialismo e o remate da explotación (aínda que de vagar se fora consolidando a burocracia e o centralismo na URSS, mesmo o chovinismo gran ruso que Lenin tanto denunciou). O temor a novas revolucións, o exemplo dun estado socialista nas fronteiras, e a fortaleza das organizacións sociais e políticas comunistas, permitiu que a mobilización social e a negociación collese valor na conxuntura e a patronal cedera algúns privilexios, mais tamén que os gobernos aplicasen medidas de protección social e laboral, e democratizadoras, que na actualidade se queren eliminar. Foron intres de crecemento dos comunistas malia que tamén ao seu abeiro dunha socialdemocracia considerada necesaria mesmo polos defensores do capital. Non se pode ignorar, nin agochar, que desde a queda da Unión Soviética recuaron decote as conquistas da clase traballadora; outro tanto pasou con algúns dereitos democráticos (as leis antiterroristas son un exemplo), e que a soberanía nacional perdeu forza fronte aos intereses das grandes potencias. A globalización neoliberal (a centralización e concentración da riqueza, ou sexa: a explotación e a opresión) apaña folgos na debilidade da URSS, nun principio, e reafírmase despois na desfeita do “socialismo real” e na fragmentación e desaparición da maioría dos partidos comunistas e, tamén, dos movementos de liberación nacional (o que amosa, así mesmo, a relación directa entre ambas alternativas). A marxinación de África negra, aínda que tamén a recolonización da maioría dos países máis pequenos ou débiles, mesmo coa inxerencia militar directa, ou a imposición de sancións económicas e protectorados, amosa até que punto se retrocedeu nos dereitos colectivos. Temos o imperialismo de sempre, revitalizado, malia que agora se disfraza a cotío coa roupaxe dos dereitos universais, da democracia, e da seguridade colectiva. Todo isto ao abeiro do seu enorme poder militar, e o control abafante da cultura, lecer e información de masas, ou sexa, da xeración das ideas. Sen dúbida nos países do chamado “socialismo real” houbo erros, como amosa a derrota (temporal), porén os avanzos que impulsou este bloque na humanidade, na clase obreira e nos dereitos de soberanía, ninguén os pode negar! En calquera caso, o que se fixo dominante nas últimas décadas, algúns quixeran que ademais único e permanente, non é precisamente un sistema nin máis xusto, nin máis ecolóxico, nin máis solidario, e sobre todo é enormemente represivo... Iraq, Palestina e Afganistán son exemplos de até onde pode chegar o terror en defensa dunha falsa “democracia”. A alternativa segue sendo a liberación, nacional e social dos pobos, e non abonda con mirar desde lonxe (apoiar coa palabra no café ou bar, e mesmo como algúns criticar desde a “esquerda” coa máxima dureza aos máis próximos, mentres se acepta desde a derrota as hexemonías imperialistas; saber matizar é fundamental, salientar o importante e non ignorar o secundario). Cómpre máis ca nunca a autocrítica construtiva e sobre todo apoiar as novas experiencias revolucionarias, plurais nas formas e contidos, que teñen acertos e eivas que só o tempo medirá na súa xusta medida, que se forxan (esencialmente) a cotío na América Latina, co esforzo e o sacrificio de millóns de persoas, e que son unha referencia universal, un raio de luz na escuridade, como o foi no seu día a Revolución Rusa. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2007 |
||||
|