|
Actualidade CIG-Comunicación-
O martes 30 de outubro tiveron lugar dúas xuntanzas na Delegación de Traballo da Xunta de Galiza en Vigo relacionadas coa empresa Cespa. A primeira, ás once da mañá, tiña que ver coa sinatura do Convenio da empresa, polo que se mantivo unha folga no mes de xullo pasado, e as doce e media da mañá desenvolveuse outra reunión do Comité e a empresa, coa mediación de Traballo, pola convocatoria dunha nova folga nesta concesionaria do servizo de limpeza de parques e xardíns, porque, dous meses despois da folga, a empresa decidiu impor unha sanción ao Comité de Folga por uns supostos “incumprimento dos servizos mínimos e por permitir a grupos de piquetes que se botara lixo nos parques e xardíns”, así como despediu a un traballador por unha suposta “agresión ao xerente”. Ante estas sancións e o propio despedimento a asemblea de traballadores e traballadoras de Cespa o pasado 25 de outubro decidiu por 49 votos a favor e 1 abstención convocar unha nova folga con carácter indefinido a partir do 12 de novembro. A Delegación de Traballo, en canto coñeceu a notificación desta folga, convocou a xuntanza de mediación da que vimos de falar.
A sanción imposta ao Comité de Folga é dun mes sen salario nin emprego, algo que o Comité de Folga non está “disposto a permitir nin un só día de sanción por exercermos o noso dereito á folga”. O Comité de Empresa ofrece tamén unha saída negociada para o despedido, xa que ten 60 anos, polo que sería posíbel “negociar unha xubilación parcial”. A empresa nesta primeira xuntanza escoitou a proposta do Comité de Empresa e pediu outra reunión para avaliar con máis calma esta solución, pero adiantaron que desde esta xuntanza deixaban sen efecto as sancións. A próxima reunión sería en todo caso antes do día 12, data prevista para a folga. Alfredo Filgueiras, presidente do Comité de Empresa e da CIG, sinalou que “é un paso importante que non se efectivicen as sancións, e parece posíbel un punto de encontro, aínda que até que todo non apareza recollido nun papel non poderemos estar tranquilos”. |
|||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/11/2007 |
|||||||
|