|
Actualidade CIG-Comunicación-
A folga está convocada para os días do 16 ao 18, do 23 ao 25 e 30 de novembro e dos días 7 ao 9, e do 14 ao 16 de decembro. Bautista Vega Tato, representante da CIG na empresa (a CIG é o sindicato maioritario nesta empresa na Galiza) e membro da Executiva Confederal, explica que a convocatoria de folga vén provocada pola necesidade de presionar á empresa para que se retomen as negociacións do Convenio Colectivo. Vega Tato lembra que o 31 de decembro de 2005 rematou a vixencia do Convenio anterior e que desde o 1 de xaneiro de 2006, data na que se comezou a negociar este novo, non se chegou a ningún acordo. “Celebramos numerosas reunións que resultaron infrutuosas porque a empresa non tiña vontade de negociar e mantivo, en todo momento, unha postura intransixente”, afirma. Con todo, o máis preocupante é que os traballadores teñen, desde o ano 2005, os seus salarios conxelados, cando “os dos directivos foron, todos, actualizados”, sinala o representante da CIG. Unha das principais diferenzas entre as organizacións sindicais e a dirección de Unión Fenosa estriba na intención da empresa de reducir dereitos consolidados dos traballadores, algo que non están dispostos a aceptar. A folga, que é en todo o Estado, afecta na Galiza aos centros de xeración de Fenosa así como ás tarefas de distribución (comerciais, avarías), e desde que comezou ás tres da tarde está a ter un amplo seguimento, segundo agardaban os convocantes. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2007 |
||||
|