|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
De tal xeito que Rajoy se dirixe aos cidadáns e cidadás do Estado, en plan ‘urbi et orbi’, afirmándose nunha fe españolista de vocación case mesiánica. Coa boca chea coa palabra España fai gala do fundamentalismo españolista que hoxe por hoxe é sostén ideolóxico básico do PP, toda vez que a febre neoliberal do capitalismo de comezos do século XXI é amplamente compartida polo partido que no Estado español é contrapunto aos ‘populares’, o PSOE, que apontoou a póla económica do seu Goberno (ollo, nestes momentos autodenominado “Gobierno de España”) nesta lexislatura que remata cun neoliberal de pro de corte europeísta chamado Pedro Solbes. Con todo, esta exacerbación españolista do PP, tan fedorenta como esperábel, está a ter o seu correlato no PSOE, partido que encarreirou a súa mensaxe política á procura de votos nese espectral ‘centrismo’ onde seica se gañan as contendas electorais. De aí que unha lexislatura que semellaba comezar cun certo aire fresco respecto da enxurrada aznarista e na que se apreciaban posibilidades de avanzar na ‘cuestión territorial’ do Estado español, acabe de xeito tan esmagadoramente desastroso no que a isto respecta. O PSOE, con Rodríguez Zapatero á fronte, abandonou os seus propios cantos de serea arredor da ‘España plural’ para se instalar nun ridículo discurso, centralista e españoleiro, tentando emular as esquemáticas mensaxes do PP acerca da ruptura da unidade do Estado e outras andrómenas. De feito, foi o PSOE quen decidiu rebaixar os postulados do Estatuto catalán emanado do Parlament de Catalunya, servíndose para iso da vergoñante posición da CiU de Artur Mas e Duran i Lleida, que hemiciclo catalán aprobaron unha cousa e nas Cortes españolas outra, ben máis devaluada en canto a contidos competenciais. É tamén o PSOE o que lle nega ao Goberno vasco, co lehendakari Ibarretxe á cabeza, a posibilidade dunha consulta aos cidadáns e cidadás de Euscadi a respecto do seu futuro político-institucional. E xa antes se pertechara xuntamente co PP para imposibilitar un novo Estatuto para Euscadi, emanado da (limitada) soberanía do seu actual Parlamento. Connosco, cos galegos e galegas, Zapatero mesmo é incapaz de cumprir compromisos adquiridos ao longo da lexislatura e estes días vén de lle negar ao noso país unha serie de transferencias pendentes, algunhas de tanta significación como as referidas ao salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña. E iso, malia as continuas mostras de xenerosidade e confianza -inexplicábeis ás veces- que o nacionalismo galego con presenza nas Cortes españolas lle veu dando a este Goberno desde o ano 2003. En fin, que nesa estúpida liorta a ver quen é ‘máis español’ é na que andan encerellados PSOE e PP, PP e PSOE. E este 12 de Outubro, e até as vindeiras eleccións ás Cortes Xerais españolas de marzo de 2008, ímolos ver sobreactuando unha e outra vez, Monarquía mediante, cunha linguaxe máis propia de tempos pretéritos que do mundo de hoxe en día.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/10/2007 |
||||
|