Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 17 de outubro de 2007

Pacto da Moncloa: a clase obreira traizoada
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Cartaz eleccións sindicais no Eixo nº 16, de febreiro de 1978; clic para aumentar
“Taballador vota a un sindicato obreiro galego, vota ING, non ao pacto social da Moncloa”, cartaz no Eixo nº 16, de febreiro de 1978.
25 de Xullo (de 1977), Día da Patria Galega; clic para aumentar
“Gobernemos nós a nosa terra, defende as bases constitucionais da nación galega!”, cartaz do Bloque, AN-PG e UPG con motivo da celebración do Día da Patria Galega, o 25 de xullo de 1977.
 
Hai agora 30 anos que se asinaron, o 25 de outubro de 1977, polos principais partidos políticos do Estado español (UCD, AP, PSOE e PCE) os Pactos da Moncloa. Este acordo condicionou moito a actitude das centrais sindicais, até tal punto que significou un antes e un despois para o movemento obreiro. O argumento para este pacto social, que limitaba o aumento dos salarios varios puntos por debaixo do medre do IPC, era a difícil situación económica (real) e unha posíbel involución por mor dun golpe de estado (especulación). O xurista español Carlos Palomeque caracteriza este acordo como “a primeira e transcendental manifestación da concertación social en plena transición política non exenta, claro está, de importantes repercusións económicas e sociais”(1).

Antes de falarmos do contido do pacto debémonos situar naquel momento histórico, no que o movemento obreiro acadara a máxima capacidade mobilizadora a prol dun proxecto estratéxico, e ademais conseguira un enorme prestixio acumulado durante dúas décadas como forza de vangarda na loita pola mellora nas condicións laborais e a prol das garantías democráticas. Non era pouca cousa, especialmente cando a dereita estaba dividida e unha boa parte dela intentando situarse dentro do novo panorama, e a patronal (moi ligada toda ela á ditadura) procurando salvar os seus intereses económicos persoais da queima, ou sexa, cada quen pechado na súa empresa. Todo indicaba que había condicións para seguir avanzando nas conquistas sociais e nos dereitos das nacións asoballadas (Galiza, Catalunya e Euscadi). Neste contexto o Pacto da Moncloa deulle ao capital unha fiestra entornada que aproveitaría para recuperar o poder político e o prestixio social perdidos.

O acordo coincidiu no tempo en Galiza co debate sobre a autonomía, ou para sermos máis precisos, sobre o proceso preautonómico. Lembremos as manifestacións masivas a prol da autonomía do 4 de decembro de 1977 en todas as cidades galegas, e a oposición do movemento nacional-popular galego, que se mantiña firme na ruptura e na loita a prol da soberanía. Convén saber ademais que tanto a UPG como a AN-PG non conseguiran a súa legalización a esta altura.


Contido do pacto

O Ministerio de Economía daba os seguintes argumentos para o pacto(2): situación económica grave; crise que se arrastra desde hai catro anos; non se transmitiron totalmente aos aumentos de prezos o incremento da enerxía; maior déficit comercial; forte aumento dos empréstitos exteriores; a inflación repercútese anticipadamente aos prezos; pensionistas e asalariados os máis prexudicados pola inflación; queda da taxa de investimento; forte aumento dos prezos. Diante desta situación propuña tres alternativas: non adoptar medidas que deterioren a situación; rebaixar drasticamente a capacidade adquisitiva dos salarios; plan de saneamento e reforma económica. Esta ultima proposta estaría integrada por: manter a capacidade dos salarios, reforma do sistema produtivo e a mellora o nivel dos servizos públicos.

Véxanse as contradicións nos argumentos; por unha banda fala de rebaixar drasticamente os salarios, pola outra de manter o poder adquisitivo destes. Aínda que nun caso se refire ao curto prazo e no outro ao medio e longo, resulta evidente que non funcionou deste xeito.

No mesmo documento o Ministerio de Economía (ou sexa, o goberno de Suárez) avaliaba deste xeito o que representaban os Pactos da Moncloa: consolidación da democracia no marco do sistema económico de mercado; negociación coas principais forzas políticas; consenso maioritario expresado na resolución aprobada no Parlamento; o plan fai un reparto equitativo da crise.

O goberno ademais manifestaba a súa preocupación polo aumento dos salarios por riba do IPC, xa que dicía “estes medran nos últimos cinco anos a un ritmo do 5,1% mentres que en Francia o medre fora do 4,1%, en Alemaña do 2,7% e no Reino Unido do 1,9%”.

  A súa participación no Pacto da Moncloa; clic para aumentar
“A súa participación no Pacto da Moncloa”.
 
O Plan, que é voluntario para o sector privado e obrigatorio para o público, limita os aumentos salariais ao 22% da masa salarial bruta da empresa no ano 1978, reservando un 2% para ascensos e antigüidades, xa que (engade) “aumentos superiores poden provocar consecuentemente reducións dos cadros de persoal. Debido a que por unha banda as dificultades polas que atravesan moitas empresas fan difícil que mesmo poidan aplicar este tope, por iso a posibilidade legal que lles dá o pacto para poder despedir é dun 5% do cadro de persoal”. O acordo ademais incluía un punto polo que se pasaba a facer o cálculo da inflación nos convenios tomando a inflación esperada, e non a realizada, como era habitual até ese intre.

O Executivo facía a seguinte avaliación sobre as vantaxes do pacto. Para os/as asalariados/as: construción de 700.000 prazas escolares; loita contra a especulación e construción de vivendas para os máis necesitados; incremento das pensións e das dotacións para os/as parados/as. As contrapartidas para os empresarios/as eran as seguintes: distribución equitativa do crédito; custos rebaixados para a Seguridade Social en 1978. Acordábase, así mesmo, flexibilizar o sistema laboral, a través de mecanismos de contratación temporal.

No documento había outros temas de interese, como os de orde pública e reorganización das forzas de seguridade. Nestes aspectos dábase unha de cal e outra de area, porque por unha banda depurábanse os aspectos non democráticos, mais pola outra outorgábase maior capacidade sancionadora e protección ás forzas de seguridade. Para facer un seguimento do cumprimento dos pactos creábase unha comisión.


Actitude das forzas políticas e sindicais

Os asinantes do pacto foron Adolfo Suárez en nome do Goberno, Leopoldo Calvo Sotelo (pola UCD), Felipe González (polo Partido Socialista Obrero Español), Santiago Carrillo (polo Partido Comunista de España), Manuel Fraga (por Alianza Popular), Enrique Tierno Galván (polo Partido Socialista Popular), Josep María Triginer (polo Partido Socialista de Catalunya), Joan Reventós (por Convergencia Socialista de Catalunya), Juan Ajuriaguerra (polo Partido Nacionalista Vasco) e Miquel Roca (por Convergència i Unió). Manuel Fraga non asinou o acordo político e si o económico(3). O documento base foi redactado por Enrique Fuentes Quintana. Ficaría á marxe o nacionalismo máis combativo, aquel que continuaba pulando pola ruptura democrática en Euscadi e Galiza, así como as organizacións estatais á esquerda do PCE (como o MC (Movimiento Comunista) e o PT (Partido del Trabajo)).

O argumento utilizado desde o PCE para asinar o pacto sería fundamentalmente o de evitar un recuar nos dereitos políticos e sociais, dando azos no imaxinario da militancia ao espellismo do golpe militar, aproveitando a actividade dos grupos ultras moi activos daquela, para facer críbel esta hipótese. Lembremos os resultados das eleccións ás Cortes de xuño de 1977: UCD 166 deputados/as; PSOE 118 deputados/as; PCE 20 escanos; AP 16 escanos; PDC (cataláns) 11 deputados/as; PNV 8 deputados/as; resto, 11 escanos.

O nacionalismo galego opúxose, tanto porque naquel intre o sindicalismo nacionalista tiña moito peso político, mesmo orgánico, como porque a ruptura seguía sendo unha consigna presente, aínda que a recente ruptura do POG (Partido Obreiro Galego) xa facía formulacións cunha aceptación dun posíbel marco estatutario. A Unión do Povo Galego (UPG) afirmaba: “O pacto da Moncloa significa en realidade todo un programa de medidas económicas, políticas e laborais que supoñen a máis clara manipulación dos intereses obreiros, e mesmo unha violación dos acordos anteriormente conqueridos, con moito esforzo, con moito esforzo”(4).

O día 16 de outubro tamén saía nos xornais o pronunciamento contra o pacto do MC “porque representa un grave prexuízo para os intereses dos traballadores, favorecendo unicamente as particulares aspiracións políticas dos partidos asinantes”. Pola súa banda o PT propuña a finais de outubro en Compostela un plan económico galego de urxencia como resposta ao Pacto da Moncloa.


  Manifestación do 11 de novembro de 1977 en Vigo; clic para aumentar
Manifestación do 11 de novembro de 1977 en Vigo.
 
O comportamento no eido sindical

Daquela Comisións Obreiras era a central sindical hexemónica, mentres que a UGT en moitos lugares, como Galiza, non tivera ningunha presenza durante os anos de loita contra o franquismo. Aínda que en CCOO os comunistas eran a forza maioritaria, había importantes minorías de esquerda no sindicato, malia que daquela xa se dera a escisión do Sindicato Unitario (ORT, Organización Revolucionaria de los Trabajadores) e Central Unitaria de los Trabajadores (PT, Partido del Trabajo). Mesmo nun primeiro intre a oposición ao pacto era practicamente unánime no eido sindical. Concretamente o 10 de outubro tanto CCOO como UGT manifestaban o seguinte:

Chaves (UGT, o actual presidente da Junta de Andalucía): “estamos preocupados pola inaudita actuación do Goberno no terreo sindical”, e engadía que non se trataba dun pacto social(5).

Ariza (CCOO): “cómpre esixir ao Goberno que negocie paralelamente e non despois coas centrais”. As Sociedades Agrarias, próximas ao PCE, hoxe desaparecidas, afirmaban que o Pacto da Moncloa era dunha gran importancia para o campo.

Aquilino Zapata, de USO, dicía nun comunicado “que a situación do país necesita urxentemente estabilizar o proceso democrático e isto fai necesario camiños como os percorridos polo Pacto da Moncloa, porén avaliamos negativamente a falla de concreción”.

Dentro de CCOO continuarían os pronunciamentos das seccións sindicais en contra, malia que a estrutura maioritaria da central seguiu rixidamente as decisións do Partido Comunista e fixo de ardente valedora e defensora dos acordos. Na UGT as directrices tardaron máis en chegar e tamén en facerse cumprir. Este sindicato participaba dunha manifestación en Lugo o 29 de outubro, sábado, contra o Pacto da Moncloa; a mobilización estaba convocada polo SOG (ING), CSUT, USO e UGT, e a ela asistiron unhas 500 persoas.

Previamente a esta mobilización, o día 15 de outubro, aparecía nos xornais a postura en contra da ING a respecto do Pacto (era a primeira organización que se opuña); ese mesmo día facían tamén un pronunciamento os traballadores de Vulcano. A ING avaliaba así o acordo: “non podemos aceptar o pacto social… nós como central antimonopolista e anticolonial denunciamos abertamente o Pacto Social da Moncloa”(6).

O debate chegou con forza ás empresas, e despois dun primeiro mes cunha certa confusión, os bandos no campo sindical ficaron claros: CCOO e UGT a defender o pacto, e polo tanto o límite salarial nos convenios, e o resto das centrais sindicais a intentar superalos. Ademais da fronte político-sindical na negociación colectiva había outra propagandística e de oposición frontal na rúa. Neste eido a ING, co apoio de todas as ponlas do nacionalismo, foi moi activa. Fixéronse charlas nas comarcas, actos e manifestacións.

A primeira mobilización contra o Pacto na Galiza foi, como xa se dixo, a do 29 de outubro en Lugo, á que acudiron unhas 500 persoas (Eixo), e que sería convocada pola ING, UGT, USO e CSUT. O 11 de novembro realizouse unha manifestación en Vigo, convocada neste caso polo SOG (ING), USO e a CNT. O 25 do mesmo mes faríase outra marcha en Marín, neste caso o chamamento era de ING e USO, e á que asistiron unhas mil persoas (Eixo). O 2 de decembro facíase un mitin en Ourense convocado pola ING ao que acudiron 500 persoas (Eixo nº 14). Neste último caso optouse por este tipo de acto porque o gobernador civil prohibiu por dúas veces a manifestación solicitada pola central nacionalista, “xa que os obreiros non podían estar todos os días na rúa pedindo cousas… porque unha manifestación contra o Pacto podería alterar a orde pública”. Agora ben, sería a xornada de loita do 27 de xaneiro a acción máis contundente que se faría desde o nacionalismo popular contra o acordo.

  1º Congreso da ING; clic para aumentar
1º Congreso da ING. Na foto, de esquerda a dereita, Acuña, Loureiro, Fernández, Carballo e Rios.
 
Lembro ao lector que a ING fixera o seu 1º Congreso moi pouco antes de ser asinado o Pacto da Moncloa, concretamente os días 8 e 9 de outubro, na residencia de tempo libre de Patos, no concello de Nigrán, co lema “Por unha Galiza Ceibe e sen explotación”. Os textos afirmaban: “a ING nace co fin de unir os sindicatos nacionais galegos que loitan pola emancipación total de Galiza”. Neste Congreso elixiuse un secretariado composto deste xeito: Francisco García Montes (secretario xeral); Xenoveva Ferreiro e Eladio Pérez (subsecretarios); Lois Ríos Paredes (organización); Alfredo Suárez Canal (prensa); Xosé Ramón García Loureiro (propaganda); Manuel Fernández Rodríguez (exterior); Fernando Acuña Rúa (finanzas); Xosé Manuel Fernández Vázquez (infraestrutura); Xan Carballo Rodríguez (emigración).


Xornada de loita

Cómpre salientarmos moi especialmente a xornada de loita do 27 de xaneiro de 1978 contra o Pacto da Moncloa. A iniciativa xurdiu do SOG (ING) e tivo unha importante repercusión entre os traballadores/as, e sobre todo era un pulo cualitativo do nacionalismo. Foi unha convocatoria conxunta da ING e das CCLL, e contou co apoio activo de ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) e da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega). Para alén de que os sectores convocados á folga pararan ou non masivamente (que non foi o caso), o certo é que foron xornadas nas que se tensou a sociedade, moi especialmente no eido laboral, polo que foron un éxito. Xerouse debate, polémica, e isto fixo do nacionalismo unha referencia moito maior que a que lle correspondía daquela polo seu peso numérico, mesmo superando a forzas cunha longa historia de loita contra a ditadura, como o PCE e CCOO, e que ademais tiñan moitísima máis militancia organizada.

Evidentemente non podemos illar estas xornadas das grandes mobilizacións agrarias ou ecolóxicas, como as das Encrobas, Baldaio e Xove, ou a tractorada e concentración no pavillón de Deportes de Lugo contra a cota empresarial agraria (lembremos que foi o 26 de novembro e asistiron unhas 15.000 persoas), ou as protestas que decote había no eido laboral e estudantil. Máis aínda existindo este contexto favorábel se non hai atrevemento de pouco vale, e daquela houbo a esgalla (anotemos isto xa que ten a súa importancia).

Nun panfleto a ING convocaba do seguinte xeito: “compañeiros, o Goberno, os patróns e as centrais sindicais CCOO e UGT puxéronse de acordo e esfórzanse por desviar a nosa atención no momento de aplicar os acordos da Moncloa, e así, xusto cando temos que cobrar a primeira paga á que se lle vai aplicar o pacto. Cando cobremos a de xaneiro tratarán de ternos ocupados coas eleccións. Por iso, ademais de preocupármonos polas eleccións sindicais debemos defender debidamente os nosos intereses”.

Nunha rolda de prensa realizada o 24 de xaneiro dábanse máis datos verbo da convocatoria da xornada de loita, “que consistía fundamentalmente na realización de paros, asembleas e concentracións de traballadores nos centros de traballo e en puntos das cidades máis importantes… con respecto ao agro a convocatoria foi feita por Comisións Labregas (Sindicato Labrego Galego) e faranse mobilizacións no Baixo Miño, no que se refire á provincia de Pontevedra”(7).

Non foron poucos os atrancos que se lle puxeron á convocatoria, ademais dos derivados da limitada implantación que tiña daquela o nacionalismo, aínda que contara cunha militancia moi activa e teimosa e espallada por todo o país. CCOO opúxose frontalmente, mesmo mediante panfletos, desconvocando a xornada. Dicía un dos panfletos espallado por esta central que reafirmaban “o seu apoio ao Pacto da Moncloa… chamamos a todo o pobo de Lugo a non caer na actitude irresponsábel da ING e iso faise non participando na Xornada de Loita que teñen convocada para o día 27”. A actitude do goberno fica en evidencia nas 15 detencións realizadas, en impedir coa policía a mobilización de Vigo, así como (temos constancia) de que os gobernos civís de Ourense e Pontevedra prohibiron todos os actos públicos relacionados coa Xornada de Loita.

La Voz de Galicia adicaba ao día seguinte dúas páxinas á xornada de loita, o que amosa a importancia cando menos axitativa, e destacaba que a policía impediu a manifestación en Vigo, así como unha marcha en Lugo (con presenza de ING e as CCLL), e que se fixeron asembleas e concentracións en Ourense, etc. A policía realizou 15 detencións en: A Coruña, Ourense, Chantada, Monforte e Compostela. Pola súa banda El Pueblo Gallego titulaba: “Na xornada de loita promovida pola ING, paros e asembleas en numerosas empresas e centros de ensino”. E engadía baixo o subtítulo de “Manifestación baixo a chuvia”(8) o seguinte:

“Uns trescentos manifestantes segundo versións non oficiais e de setecentos a oitocentos segundo estimacións da ING concentráronse a partir das oito de onte e durante pouco máis de vinte minutos en varias zonas do centro de Vigo, entre República Arxentina, José Antonio, Vázquez Varela e Vía Norte.

As dotacións de autobuses e jeeps das FOP situáronse en puntos estratéxicos impedindo a reunión de grupos de persoas –ollábanse tamén presentes numerosas mulleres mozas- primeiro na praza de Portugal e posteriormente nos cruces de José Antonio con Vázquez Varela, Lepanto e Vía Norte.

De calquera xeito, tivo lugar un salto á altura do scalextric que foi disolto por dotacións de varios jeeps cuxos ocupantes chegaron a facer unha carga. A persistente chuvia que caeu durante toda a tarde e noite non daba para máis. As manifestacións na rúa non foran ademais autorizadas polo Goberno Civil”.

A Nosa Terra, que sairá por vez primeira do prelo un mes antes, despois do longo exilio na Arxentina, dicía verbo da xornada de loita:

“Allariz, Arcade, A Coruña, As Pontes, Arzúa, A Póboa, Carballo, Cangas, Cee, Cambados, O Carballiño, Chantada, Lugo, Monforte, Moaña, Muimenta, Mugardos, Negreira, Noia, Ferrol, Ourense, Ordes, Pontecaldelas, O Porriño, Pontevedra, Portomarín, Quiroga, Rianxo, Ribeira, Barreiros, Sarria, Compostela, Vilalba, Viveiro, Vigo, Xinzo de Limia, parroquias de Terrachá, Bergantiños, O Ribeiro, e a bisbarra de Pontevedra… Nestas vilas e cidades galegas expresáronse as diferentes maneiras de participación, por parte de clases e sectores sociais diversos contra o Pacto da Moncloa, que os sindicatos nacionalistas Intersindical Nacional Galega, ING, e as Comisións Labregas, CCLL (hoxe, Sindicato Labrego Galego), decidiran para o pasado venres 27 de xaneiro”(9).

  Eixo nº 16 de febreiro de 1978; clic para aumentar
“Xornada de loita: Contra o Goberno, a patronal e as centrales reformistas, 30.000 traballadores contra o Pacto”, Eixo nº 16 de febreiro de 1978.
 
A publicación galeguista engadía na información: “cando estaban a punto de cumprirse 70 horas dende a detención, un membro dos piquetes informativos de Monforte seguía no Depósito Municipal, onde estiveron así mesmo outros tres traballadores que participaron da xornada de loita do 27. Estiveron no calabozo cun orzamento de 72 pesetas para comer todo o día”. E por último salientaba “Que central sindical, con todo en contra, une a un país de norte a sur a través de 50 localidades e de centos de fábricas e(10) lugares de estudo?... desta primeira mobilización nacional levamos moito aprendido todos nós”.

A ING no seu voceiro, o Eixo, non quedaba curta nas críticas que facía a CCOO e UGT, de tal xeito que destacaba en portada “Xornada de loita, contra o goberno, a patronal e as centrais reformistas, 30.000 traballadores contra o Pacto”. O éxito da convocatoria alentou para que a ING chamase o 27 de xuño a unha nova Xornada de Loita, neste caso “En defensa do posto de traballo” (por mor dos moitos peches de empresas e regulacións de persoal).

Para que o lector teña unha maior información de primeira man engadimos anexo a este artigo o que sobre esta xornada publicou ao día seguinte La Voz de Galicia e días despois o Eixo, voceiro da ING, así como o panfleto empregado para convocatoria.


As consecuencias laborais e políticas

O Pacto social foi o centro do debate entre as centrais nas primeiras eleccións sindicais celebradas con liberdade, nos primeiros meses de 1978(11). O cartaz da ING ía ao miolo, “Non ao pacto social da Moncloa”, como única consigna. Porén non incidiron nos resultados, cando menos para dar un cambio radical á correlación de forzas, aínda que consolidou a ING como terceira organización sindical. Foi deste xeito cando menos por tres razóns:

a) CCOO era unha central sindical con anos de loita ás súas costas; había polo tanto unha gran dose de confianza.

b) Xerouse un escenario no que se temía unha involución, as liberdades conqueridas esixiran moitos sacrificios ao movemento obreiro, e non se querían perder a custo de maiores avanzos económicos.

c) Non deu tempo a ver os resultados, tanto do Pacto, como de que o golpe militar xa non tiña posibilidades reais no marco europeo do momento, e da división que existía dentro do que fora a cúpula do réxime.

Que CCOO e UGT se pregaran ao asinado polos seus partidos de referencia en Madrid tivo tamén un gran efecto na negociación colectiva. Por este motivo A Nosa Terra de xaneiro de 1978 titulaba unha nota: “18 días de conflito na construción, o Pacto da Moncloa como fondo”. Na nota podemos ler: “Para facer presión diante das negociacións, o mesmo día 10, en que a folga era completa en toda a provincia, as centrais CSUT, ING, CNT e CCOO convocaron aos traballadores da construción de Vigo no campo de fútbol de Coia para seren informados da marcha do conflito, de aló saíron en manifestación até a Delegación de Traballo, onde unha comisión subiu a se entrevistar co delegado, mentres os traballadores concentrados na rúa berraban: Non ao Pacto da Moncloa! Traballo si, palabras non!”.

  Contra o pacto social vota ING; clic para aumentar
“Contra o pacto social vota ING, pola autoorganización dos traballadores galegos”, cartaz de 1978.
 
Outro convenio no que o Pacto tivo moita incidencia foi o do metal da provincia de Pontevedra, dando lugar a que CCOO e UGT constituísen unha comisión negociadora diferente á elixida pola asemblea de traballadores do sector, contrapondo aos delegados cos operarios máis activos, negando deste xeito a lexitimidade que até entón tivera a asemblea para todas as centrais sindicais (agás a UGT).

O cuestionamento do asemblearismo por parte da primeira e segunda central sindical tería consecuencias sobre a participación e protagonismo da clase obreira; do que era unha norma xeral faríase co tempo unha excepción. Isto acabaría por pórlle máis atrancos á capacidade mobilizadora nos convenios de sector e era outro elemento de confrontación sindical. Aínda que sería no metal de Pontevedra onde se mantivo até o presente a asemblea dun xeito máis xenuíno, o que sen dúbida ten moito que ver coa forza que no sector colleu axiña o sindicalismo nacionalista.

Así mesmo, dado que a polémica foi moi intensa, cada vez máis os partidos políticos asinantes e os sindicatos defensores do pacto social, que ían perdendo argumentos, foron recorrendo decote a declaracións públicas que avalaban as teses do poder ou parte delas (os criterios macroeconómicos, a saúde das empresas, a competitividade, etc) fronte aos que defendían a necesidade de mudanzas radicais redistributivas e que deran o poder real ás clases populares. Porén esencialmente utilizouse (e aínda se fai moito nestes casos) o razoamento de que a correlación de forzas era negativa, que había que esperar tempos mellores, que se trataba dun recuar táctico, etc. En realidade eran comentarios que sementaban no imaxinario colectivo, e que foron collendo peso, a aceptación do marco institucional e social existente. Esta combinación de derrotismo, culpar á sociedade da imposibilidade de cambio e mais a asunción das teses do capital, foron desarmando a clase obreira e erosionando a unha gran parte da súa vangarda.

As clases hexemónicas deste xeito recuperaban azos e saían da difícil situación na que ficaban desde a queda da ditadura. Moitos dirixentes e militantes abrazaron estas teses da socialdemocracia europea definitivamente (que eran comúns nos alicerces do sistema coas da dereita). O mesmo pasou con moitos simpatizantes; outros diante da deriva fóronse afastando para procurar alternativas máis coherentes ou sinxelamente abandonaron a militancia e o activismo.

O triunfo destas teses na dirección de CCOO reflectiuse posteriormente nos sucesivos pactos que se foron realizando, marcando un xiro nas relacións entre a clase obreira e a patronal nas que o consenso (sobre o modelo capitalista) serviría de alicerce. Por isto o Pacto da Moncloa é para o capital un exemplo que se divulga e oferece como modelo alí onde a ruptura pon en perigo os privilexios da burguesía, e serviulle como un gran aval a longa loita contra a ditadura e o prestixio adquirido por CCOO e o PCE durante este período. Tanto lle valeu que aínda hoxe funciona como referencia no exterior, entre aqueles menos informados ou gobernos que queren frear as tensións laborais. Temos como exemplo o debate aberto na Arxentina e a proposta de Lula no Brasil; en ambos os casos tómase o pacto de 1977 como referencia.

Este recuar de CCOO foi un dos motivos que fixo que a UGT conseguira igual número de delegados/as en 1980 e se convertera na primeira central nas eleccións sindicais de 1982. Despois de todo a UGT amosaba a coherencia da súa socialdemocracia europeísta, pactista, dun “socialismo” baseado en mellores servizos públicos e os dereitos individuais mínimos, mais sen ningunha promesa e intención de cambio radical e de mudanzas nas estruturas de poder(12). Ademais, sempre é mellor o orixinal que a copia, especialmente se é feita sobre un papel previamente usado.

O sindicalismo nacionalista tirou destas incoherencias a súa tallada, atraendo a sectores da base que non entendían ou compartían o xiro da dirección de CCOO. Isto foi evidente, por exemplo, nun convenio como o do metal de menos de cen da provincia de Pontevedra en 1978, e posteriormente nos acordos da Castellana que afectaban ao sector naval galego. É un feito contrastábel (e moi comentado durante aqueles anos) que a ING recollía pola esquerda e engordaba deste xeito o nacionalismo soberanista, facendo na práctica, e polo tanto na teoría, que os intereses de clase e nación fosen sinónimos en Galiza. Nun editorial do Eixo(13) facíase a seguinte análise do papel do sindicalismo nacionalista na loita contra este pacto:

“É pois a presenza da nosa central no campo sindical galego o que evitou que o sindicalismo español se estabilizara na nosa Terra, que as manobras do capital monopolista contra a clase traballadora, vida na maioría dos casos da man das centrais españolas, puideran tomar carta de legalidade. Así, o ataque levado a cabo pola ING contra o Pacto da Moncloa foi unha peza fundamental que nos deu prestixio diante a clase traballadora galega, da mesma maneira que a loita contra os acordos marco sobre o sector naval, as loitas por conseguir convenios xustos, ou pola defensa do posto de traballo, por poñer algúns exemplos. En todas elas, independentemente dos resultados económicos ou sociais conseguidos, a clarificación do papel que xogaban as centrais españolas e a intención do capitalismo imperialista foron sistematicamente denunciadas e desenmascaradas. Ao mesmo tempo, por vez primeira, a clase traballadora galega tivo consciencia e capacidade mobilizadora; e a oposición ao capitalismo colonial e ao seu instrumento, o Goberno, como culpábeis da situación na que se atopa a nosa Terra, quedaron patentes nas xornadas de loita”.

Agora ben, de pouco tería servido unha actitude máis radical fronte ao sistema se o tempo non amosara que este Pacto era ruín para clase obreira e para o país en xeral. De feito non fixo falla moito tempo para que se visen, e non só en convenios moi concretos, os resultados negativos do pacto social. No mes de outubro de 1978, un ano despois de asinado o acordo, a equipa de Fuentes Quintana (persoa que tivo un papel importante no acordo) recoñecía en Vigo que o Pacto da Moncloa non se cumprira en materia de Seguridade Social, vivenda e urbanismo”(14). En novembro de 1978, varias centrais sindicais do ensino (FETE-UGT, CCOO, CSUT, SGTE, USO, UCSTE) da provincia de Pontevedra tamén denunciaban o incumprimento do Pacto da Moncloa no relativo a este sector(15).

  ING-Intersindical; clic para aumentar
“Non ao pacto social, non ao Pacto de Moncloa”, ING-Intersindical.
 
Moitos anos despois, e coa perspectiva que dá o tempo, Enrique Fuentes Quintana, dicía nunha entrevista(16) que “o máis importante do pacto foi convencer ao país de pagar impostos”. Pola súa banda Julio Anguita, ex coordinador de Izquierda Unida, facía sobre o tema a seguinte reflexión(17): “A Transición foi nin máis nin menos que filla dunha correlación de forzas, aínda que tamén de que a esquerda quería ser legalizada, quería ser normal. Se non fose así tería seguido a ditadura, adóitase dicir. Pois non, os poderes económicos, que son os que mandan, sabían que non podían seguir cunha ditadura de cara a entrar na Unión Europea, a CEE daquela. Tíñano clarísimo. Mais iso non se quixo ver, non se puido ou non se soubo… Coido que cometemos un erro, aínda que iso se puido corrixir cando os pactos da Moncloa. Eses pactos foron o segundo fallo que tivemos, porque cando non se cumpriron, que foi axiña, tivemos que saír á rúa, mobilizarnos, e non o fixemos”.

No limiar do libro Miniwatt, Phillips, a memoria obreira, Pedro Montes realiza o seguinte comentario(18) que resume moi ben a importancia do Pacto da Moncloa e as súas consecuencias, vistas desde aqueles que participaron desde dentro do sindicalismo español:

“Hai poucas dúbidas de que o asinamento en outubro de 1977 do Pacto da Moncloa por parte de todos os partidos parlamentares representa un punto de inflexión na traxectoria do sindicalismo no noso país. Resolta a transición política a prol das clases e sectores que sostiveron o franquismo, o seguinte obxectivo da burguesía foi impoñer a política económica e social que conviña aos seus intereses históricos, xusto nuns intres moi complicados. Por unha banda, o capitalismo estaba sumido nunha crise xeneralizada que atinxiu con particular crueza á economía española… por outro lado, a forza reivindicativa do Movemento Obreiro era enorme, entre outros motivos, polo alto grao de mobilización social que se alcanzou na loita final contra a Ditadura.

Antes do asinamento do pacto, os sindicatos -principalmente CCOO- mantiveron unha actitude combativa… tras o asinamento, a tarefa prioritaria das direccións sindicais foi convencer os traballadores do necesario da política adoptada, que chocaba frontalmente contra os intereses (dos traballadores) e os obxectivos polos que pouco antes se lles reclamaba mobilizarse. Desde o punto de vista orgánico, os sindicatos foron perdendo tras o drástico xiro político en Democracia. Perderon tamén en participación… deste xeito unha caste burocrática sen moito pudor foise apropiando co paso do tempo do patrimonio colectivo que a organización obreira representaba…”.


Como resumo final

Os malos resultados do Pacto da Moncloa están claros, na opinión mesmo dos que o avalaban ou apoiaron no seu intre. Outro tanto debemos manifestar a respecto de todos os pactos sociais que se fixeron posteriormente (ANE, AI, AMI, etc). Todos estes acordos, paso a paso, foron abrindo camiño á desregulación laboral e a que a clase obreira fose perdendo unha parte importante do que gañara na dura loita contra a ditadura. Lembremos en Galiza, por exemplo, como antecedentes a non esquecer, as folgas de marzo e setembro de 1972, e tamén resistencias labregas como as de Castrelo de Miño ou Mazaricos, e protestas estudantís como as de 1968 ou a finais de 1972 coa morte de Chema Fuentes. Tampouco non podemos ignorar que ademais posteriormente houbo unha forte oposición en Galiza a todos estes pactos, liderada polo sindicalismo nacionalista, que frearon e limitaron a súa aplicación... A correlación de forzas non deu para máis.

Estes son feitos históricos recentes, de cesión e derrotismo nalgunhas forzas e estratos sociais, e de rebeldía e valentía noutras que agromaban para coller o relevo e mudar a situación política e social. Para recuperar o perdido, para seguir avanzando, fixo falla daquela e cómpre hoxe ter fortaleza ideolóxica e atrevemento. Cómpre ademais de organización e aproveitar acaidamente cada intre, que necesita de estratexias e tácticas axeitadas, mesmo as veces singulares. Verbo de todo isto a historia, a nosa historia e a doutros pobos!, pódenos aprender moito.

 
Anexos
Panfleto convocando á xornada de loita do 27 de xaneiro de 1977; clic para aumentar    
Panfleto convocando á xornada de loita do 27 de xaneiro de 1977.    
Eixo nº 16, de febreiro de 1978; clic para aumentar   Eixo nº 16, de febreiro de 1978; clic para aumentar
Eixo nº 16, de febreiro de 1978, voceiro da ING.    
La Voz de Galicia, 28 de xaneiro de 1978; clic para aumentar   La Voz de Galicia, 28 de xaneiro de 1978; clic para aumentar
La Voz de Galicia, 28 de xaneiro de 1978.    
 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
 

 

Notas:

(1) Derecho Sindical Español, Tecnos, páxina 350.

(2) Su participación en el Pacto de La Moncloa; Ministerio de Economía; ano 1977.

(3) Wilkipedia, Internet, enciclopedia libre.

(4) Terra e Tempo nº52, 15 de xaneiro de 1978.

(5) La Voz de Galicia do 11 de outubro de 1977, páxina 16.

(6) Eixo nº 13, novembro de 1977, páxina 3.

(7) La Voz de Galicia do 25 de xaneiro de 1978.

(8) El Pueblo Gallego, 28 de xaneiro, páxina 11.

(9) A Nosa Terra, nº 2, febreiro de 1978.

(10) Eixo nº 16, febreiro de 1978.

(11) Os resultados das eleccións foron, ING 1.079, CCOO 2.388, UGT 1.481, CSUT 617, USO 271.

(12) Outros feitos a considerar son: o apoio dunha parte da patronal e os medios económicos cos que contou.

(13) Eixo nº 21, novembro 1978.

(14) La Voz de Galicia, 6 de outubro de 1978.

(15) La Voz de Galicia, 12 de novembro de 1978, páxina 22.

(16) www.cotizalia.com.

(17) www.larepublica.es, maio de 2007.

(18) www.rebelion.org, novembro 2003.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta