Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


A Coruña, 30 de outubro de 2007

Entrevista a James Petras
“EEUU é unha democracia imperialista mais ten lexislación de estado policial”

 

Antón Álvarez Sanz (CIG)-

antonalvarez@galizacig.net


  James Petras en Galiza, clic para aumentar
James Petras: “Os sindicatos non se atreven a organizarse politicamente en EEUU. Financian en gran parte ao Partido Demócrata, concretamente en 50 millóns de dólares ao ano, mais non reciben a cambio nada substancial como derrogar leis restritivas. O que reciben os sindicalistas son protección dos seus postos. Entón, quedamos ante unha situación sindical en decadencia, cun sindicalismo moi debilitado e pouco atractivo. Curiosamente, as enquisas amosan que máis do 50% dos norteamericanos considera que a sindicación pode ser unha boa idea”.
 
O profesor norteamericano James Petras é un dos intelectuais da esquerda mundial que rexeitan con máis vehemencia o neoliberalismo e o imperialismo. Hai días visitou Galiza para pronunciar conferencias en Compostela e Vigo. Petras fixo un oco na súa axenda para responder as preguntas da CIG-Comunicación horas antes de regresar ao seu país.


Antón Álvarez:
Vostede vén denunciando desde hai tempo que EEUU practica a tortura e que mesmo está a lexislar para legalizar a súa aplicación contra aquelas persoas acusadas de terrorismo. Até que extremo pode chegar o Goberno norteamericano?

James Petras: Non é ningún secreto que EEUU raptou persoas acusadas de terrorismo que non foron xulgadas e que ademais foron entregadas a países onde habitualmente se tortura. EEUU practica tortura en Iraq co apoio do anterior fiscal xeral, Alberto Gonzales. O presidente Bush xustificou o uso da tortura coa mesma linguaxe que emprega Israel, ao falar de utilizar métodos intensos de interrogatorios para salvar vidas norteamericanas, o que non deixa de ser un eufemismo.

Xa temos forzas especiais que operan en todo o mundo e que se xustifican como parte da guerra internacional contra o terrorismo. Non teñen obriga de ofrecer informes ao Congreso e nin moito menos á sociedade. Non sabemos cantas persoas mataron, raptaron ou torturaron. Mais si sabemos que operan sen restricións.

O sistema norteamericano segue a funcionar como unha democracia imperialista mais a lexislación existente é dun estado policial. En calquera momento, o Executivo pode suspender as poucas proteccións legais que aínda hai e encarcerar os cidadáns. Agora practica estas medidas a moitos musulmáns, a moitos árabes. Gran cantidade destas persoas sufriu en EEUU detencións, interrogatorios e rexistros domiciliarios sen que se lle dese publicidade. Houbo xuízos contra organizacións caritativas musulmás simplemente polo testemuño de axentes secretos de Israel. Estas medidas están tan afastadas de todas as normas constitucionais que, nalgunhas instancias, o Poder Xudicial mesmo suspendeu algunha lexislación. Porén, o básico é que o Goberno segue adiante e co apoio do Partido Demócrata.

Agora non é necesaria ningunha orde xudicial para controlar calquera conversa telefónica. Tampouco existe límite legal algún para os acusados de seren terroristas ou colaboradores destes. Estas medidas son tan elásticas que poden afectar millóns de persoas críticas, mais de momento se aplican de maneira selectiva.

Temos unha nova organización de seguridade, a “Homeland Security”, cun orzamento de 180.000 millóns de dólares só para o control dos cidadáns en EEUU. Este organismo está dirixido por un sionista fanático chamado Chertoff, que ten antecedentes de persecucións de árabes e musulmáns despois do 11-S e que os encarcerou sen ningún pretexto. O próximo fiscal xeral do Estado, que substituirá Alberto Gonzales, vai ser outro sionista fanático que xustificou as leis represivas de Bush.

Seguimos a funcionar dentro duns parámetros ameazantes. Algúns sectores da poboación xa viven nun estado policial. Outros ficamos fóra mais estamos ameazados coa aplicación destas medidas. Algúns din que se en EEUU hai outro atentado, real ou inventado, o Goberno podería pór en práctica estas medidas policiais contra todos nós.

  James Petras en Galiza, clic para aumentar
James Petras: “Existe o Plan Nacional de Saúde para maiores de 65 anos, que é amplo e non é nada malo. Á parte, hai un sistema público para as persoas que viven na pobreza extrema. Sen embargo, a grande maioría dos cidadáns que non viven na extrema pobreza e que non son xubilados dependen dos plans de saúde das empresas. E, se perdes o traballo, perdes o plan de saúde. Temos 50 millóns de persoas sen cobertura sanitaria. Hai outros 50 millóns que teñen algún plan mais que teñen que pagar un mínimo de 3.000 dólares antes de comezalo, ademais das cotas cada vez máis elevadas que deben desembolsar para mantelo”.
 
Antón Álvarez: A que se refire ao falar doutro atentado real ou inventado? Existen dúbidas acerca da autoría do 11-S?

James Petras: Si. Hai moitos cuestionamentos sobre estes feitos, sobre como caeron os edificios tendo en conta a estrutura de aceiro que existía. Outros cuestionamentos apuntan cara a falta de anticipación do Goberno ou sobre a febleza das probas contra os terroristas. A premisa é que o Goberno norteamericano permitiu o ataque para aproveitalo. Hai probas de que o Mosad foi cómplice. Existen probas policiais que indican que houbo israelís que celebraron o atentado ao pouco de producirse e que foron denunciados polos veciños polo ruído que estaban a facer. A policía prendeunos mais o fiscal xeral recentemente nomeado foi o xuíz sionista que os liberou antes de seren xulgados.

Antón Álvarez: En que se fundamenta o poder do lobby sionista ao que constantemente fai mención? Cando se comezou a xestar?

James Petras: O poder do lobby sionista en EEUU é produto dunha acumulación de forzas durante un período prolongado. Non é algo insólito a influencia que adquiriu, particularmente despois da Segunda Guerra Mundial e coa fundación do Estado de Israel. Tamén influíu o éxito económico dos xudeus. Pasaron das súas orixes pobres e das súas posturas progresistas nos anos trinta a convertérense en clases medias e altas, ademais de asumir a defensa do Estado de Israel. Xa poucos son relixiosos e Israel serve como unha relixión secular. Xa non cren na Torá nin en Moisés.

O lobby sionista en EEUU recibiu un gran impulso coa vitoria israelí na guerra de 1967. Moitos sionistas norteamericanos foron asentándose en áreas de grande influencia, en Hollywood, na televisión, nos círculos académicos, nas finanzas, etc. O 24% dos homes máis ricos de EEUU son xudeus-sionistas. Ademais, o Estado de Israel lévase o 33% do orzamento de axuda exterior dos EEUU, máis que toda África.

Nos últimos vinte anos os sionistas penetraron no Goberno en postos estratéxicos. O Goberno de Bush é ilustrativo. Teñen o control do segundo e terceiro do Pentágono, o arquitecto da guerra de Iraq; do asesor principal do vicepresidente, o que escribiu o discurso de Bush sobre o “Eixe do Mal”. Outro destacado sionista é o asesor principal do Consello Nacional de Seguridade sobre Oriente Medio. Hainos noutros ámbitos do Goberno. Non hai nada que inventar, están aí, déixanse ver.

O 60% do financiamento do Partido Demócrata e o 30% do Partido Republicano proceden de fondos de sionistas de EEUU. O lobby condiciona a política dos partidos cara Israel e estabelece unha poderosa maquinaria de chantaxe e intimidación contra aqueles candidatos que a desafíen.

Os sionistas crearon conflito na cúpula militar estadounidense. Hai militares que non queren subordinar os intereses imperialistas de EEUU ás ambicións coloniais de Israel. Consideran que se poden perder aliados potenciais de Estados Unidos nos países árabes. O lobby impón o seu poder sobre os militares norteamericanos.

Outro debate é a guerra contra Irán. Aínda hai entre os militares moitas reservas para atacar este país neste momento. Os protagonistas desta posible guerra son os sionistas. A consigna dállela o primeiro ministro de Israel para que fagan todos os esforzos para lograr sancións de EEUU, actos unilaterais, ataques militares.

Non hai teoría da conspiración. Os sionistas norteamericanos actúan publicamente. Mais eles non pensan nas consecuencias para EEUU nin para o seu pobo. Só pensan en destruír outros países críticos con Israel, países que se opoñen á hexemonía israelí en Oriente Medio. Por iso os sionistas consideran que a guerra de Iraq é un éxito, a pesar de que para EEUU é un auténtico fracaso. Iraq agora está destruído e desarticulado, polo tanto, Israel perdeu un adversario na súa política de colonización.


  James Petras en Galiza, clic para aumentar
James Petras: “O sistema norteamericano segue a funcionar como unha democracia imperialista mais a lexislación existente é dun estado policial. En calquera momento, o Executivo pode suspender as poucas proteccións legais que aínda hai e encarcerar os cidadáns. Agora practica estas medidas a moitos musulmáns, a moitos árabes. Gran cantidade destas persoas sufriu en EEUU detencións, interrogatorios e rexistros domiciliarios sen que se lle dese publicidade. Houbo xuízos contra organizacións caritativas musulmás simplemente polo testemuño de axentes secretos de Israel. Estas medidas están tan afastadas de todas as normas constitucionais que, nalgunhas instancias, o Poder Xudicial mesmo suspendeu algunha lexislación. Porén, o básico é que o Goberno segue adiante e co apoio do Partido Demócrata”. (Fotos: ©galizacig.com 27/10/2007).
 
Movemento obreiro e dereitos sociais en EEUU

Antón Álvarez: Existe movemento obreiro organizado en EEUU? Como funcionan os sindicatos?

James Petras: O sindicalismo en EEUU sempre foi pouco democrático. Non hai ningún dirixente sindical a nivel nacional que cobre menos de 300.000 dólares ao ano. Mesmo, algúns dos peor pagados, os líderes dos sindicatos de limpadores, gañan 400.000 dólares anuais. Os dirixentes do sindicato de peóns da construción gañan case 700.000 dólares. Ademais, tivemos unha grande tradición de relacións entre a mafia e os sindicatos, nomeadamente entre sindicatos de camioneiros e portuarios, particularmente os da Costa Atlántica.

Tivemos enormes estafas de fondos de pensións manexados polos sindicatos. Existe por parte dos sindicatos estadounidenses a política de colaboración de clase e a tendencia a aceptar as reestruturacións e as indemnizacións por despedimentos. Nos últimos corenta anos a porcentaxe de traballadores sindicalizados no sector privado pasou do 30% ao 7%. Moitas grandes empresas non teñen presenza de sindicatos. No sur, a Toyota ou a Nissan tampouco teñen sindicatos. Isto débese en parte á desconfianza dos obreiros cara as organizacións sindicais. Os traballadores ven como poden conseguir case o mesmo, por exemplo melloras salariais, sen os sindicatos.

Os sindicatos non se atreven a organizarse politicamente en EEUU. Financian en gran parte ao Partido Demócrata, concretamente en 50 millóns de dólares ao ano, mais non reciben a cambio nada substancial como derrogar leis restritivas. O que reciben os sindicalistas son protección dos seus postos. Entón, quedamos ante unha situación sindical en decadencia, cun sindicalismo moi debilitado e pouco atractivo. Curiosamente, as enquisas amosan que máis do 50% dos norteamericanos considera que a sindicación pode ser unha boa idea.

Por exemplo, a cúpula do sindicato do automóbil asinou un contrato oneroso que divide os obreiros pola antigüidade na empresa, entre novos e vellos. Os primeiros reciben un terzo do salario dos segundos. O sindicato, ademais, asume a responsabilidade do plan de saúde dos traballadores.

Mais o sindicalismo de base non está morto en EEUU. Hai moitos obreiros con vontade de loitar pero as canles existentes están bastante atrofiadas. Hai lugares onde existen sindicatos progresistas, como nalgún portuario en San Francisco. Temos as asociacións de inmigrantes que se lanzaron á rúa o ano pasado contra as expulsións masivas. Porén, este fenómeno produciuse á marxe das cúpulas sindicais, que foron as últimas en subírense ao tren das reivindicacións dos inmigrantes.

Antón Álvarez: Mencionaba antes os plans de saúde. Como é a cobertura sanitaria existente en EEUU?

James Petras: Existe o Plan Nacional de Saúde para maiores de 65 anos, que é amplo e non é nada malo. Á parte, hai un sistema público para as persoas que viven na pobreza extrema. Sen embargo, a grande maioría dos cidadáns que non viven na extrema pobreza e que non son xubilados dependen dos plans de saúde das empresas. E, se perdes o traballo, perdes o plan de saúde. Temos 50 millóns de persoas sen cobertura sanitaria. Hai outros 50 millóns que teñen algún plan mais que teñen que pagar un mínimo de 3.000 dólares antes de comezalo, ademais das cotas cada vez máis elevadas que deben desembolsar para mantelo.

Tamén hai persoas que só teñen un seguro médico para enfermidades moi graves. Esta razón explica que as persoas que carecen de cobertura sanitaria teñen as taxas máis altas de mortalidade. Por exemplo, rexístranse tres veces máis casos de cancro de mama entre as mulleres negras porque non van facer as revisións, pois custan cartos.
As empresas cada vez máis deixan de pagar o plan de saúde. Agora xestiónannos os sindicatos mais en moitas ocasións teñen que costealos os propios obreiros.

Antón Álvarez: E que acontece coa educación?

James Petras: O ensino universitario é o máis custoso do mundo. A matrícula anual nas universidades públicas oscila entre os 8.000 e os 9.000 dólares. Nas privadas entre os 30.000 e os 40.000 dólares. Moitos estudantes teñen débedas. Ademais, as escolas técnicas tamén cobran en torno aos 3.000 dólares ao ano.

A primaria e secundaria son de balde. Mais, nos estados con impostos baixos, o sistema educativo público é malo. Entón, as clases medias optan por mandar seus fillos á privada, pese a que teñan que pagar 15.000 dólares. Por tanto, as escolas públicas fican reservadas para os negros e os hispanos.


Situación da esquerda

Antón Álvarez: A esquerda política está articulada en EEUU?

James Petras: Temos un sector da sociedade que non está organizado pero que é moi progresista, sobre todo en relación coa retirada das tropas de Iraq. O 80% da poboación quere unha cobertura universal de saúde a nivel nacional. Mais non hai ningún liderazgo político capaz de implementar estas demandas. Ser elixido senador costa case 40 millóns de dólares; congresista 20 millóns e 500 millóns ser presidente de EEUU. Por tanto é imposíbel para os sectores críticos conseguir espazos nos medios de comunicación de masas. Os dous partidos exclúenos dos debates. Ademais, rexistrar un partido require moito esforzo e logo hai que financialo.

As cúpulas do movemento pacifista decidiron pór as súas fortunas en mans electorais. Entón puxeron todos os seus activistas a traballar polos candidatos demócratas. Estes conseguiron maioría no Congreso. Mais ao final votaron a favor do orzamento militar de Bush. EEUU é un país sen oposición política.

Existen organizacións sociais progresistas, partidarias da paz e algún concelleiro e alcalde progresistas. Logo están os grupos de homosexuais, feministas, pacifistas, ecoloxistas, mais están moi fraccionados.

Antón Álvarez: E que hai do movemento antiglobalización?

James Petras: Está morto desde Seattle. Ten moitas siglas. Os seus activistas van as conferencias mundiais. Pero non representan a ninguén en EEUU. Non poden pór a ninguén na rúa. Vanse por aí adiante e falan no nome dunha masa que non existe. En EEUU, grande parte da poboación é crítica coa globalización, pero máis desde un punto de vista conservador e proteccionista que progresista.

Antón Álvarez: Cales son, ao seu xuízo, as esperanzas da esquerda internacional?

James Petras: En varios lugares do mundo o pobo loita, como en Iraq. Hai avances en América Latina co presidente Chávez. Tamén se está a producir unha reactivación de movementos populares en Brasil contra Lula. Hai grandes expectativas en Ecuador. En Colombia hai grandes mobilizacións de campesiños e obreiros. Tamén en Francia e Italia hai movementos fortes que van paralizar os neoliberais Sarkozy e Prodi. Lentamente, tamén nos países ex comunistas. En China hai máis de 100.000 protestas masivas ao ano de obreiros, campesiños. Mais cómpre ver como evolúe todo isto. Non teño ningunha fórmula máxica.

 
 
  Antón Álvarez Sanz,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)
  Antón Álvarez Sanz
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta