|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Nada funciona. Pero nada funciona dende 1492 no caso de América e dende 1531 no caso do Perú, cando 13 rufiáns españois ás ordes da raíña de Castela queimaron, saquearon e asasinaron a dentadas de mastíns e de garrote vil a sociedade e cultura incaica. Despois de secuestrar o Inca Atahualpa, pediron un rescate en ouro até o lugar onde chegase a man na cela do inca secuestrado por estes 13 delincuentes españois ás ordes de Francisco Pizarro. Unha vez cobrado o rescate, despois de meses, bautizaron a Atahualpa e segundos despois matárono a garrote vil. Os herdeiros da desposesión, do esquecemento, do secuestro, do rapto, da ignorancia, da falta de saúde, do analfabetismo, toman por uns segundos as imaxes do Telexornal e, sen forzas para berrar, piden auga e comida. Perú, virreinado rico dentro do imperio español, tiña unha sociedade mexeriqueira e conservadora que non quería a independencia. Independizada á forza por Simón Bolívar e Sanmartín, os brancos peruanos, descendentes de Pizarro e os seus foraxidos, foron os últimos en independizarse na América española... pero da man e do sabre de homes vidos de fóra como o xeneral cumanés Sucre.
Os pobres que rouban a outros pobres. Saqueo mutuo de refugallos e miserias nun país, nunha sociedade “democrática” na que a vida non vale nada aínda antes de nacer. Condenados ao insulto da indiferenza. Carnada de Ongs do mundo que os masacra que nin conciencia teñen para limpar. Sustentadores e detentadores de sistemas inxustos. Almas caritativas que non chaman á rebelión contra o tirano.
Así, terrorismo incluído, veu o ex-alumno de Manuel Fraga, Alan García, para darse un baño de masas como herdeiro de Víctor Raúl Haya de la Torre. Candidato dun partido americanista, indixenista e revolucionario, o APRA, o primeiro goberno de Alan García pasou á historia como o Goberno dun delincuente. Chegou un momento en que o alto e galante Alan xa non tiña máis pedras das que tirar cartos e decidiu vender o posto do Perú nas listas de espera para compras de armas a países árabes en guerra. Eses cartos engrosaron a súa dilatada barriga e a súa papada prominente. De verbo fácil e florido, este prófugo da xustiza con causas penais pendentes no Perú de Fujimori, viviu coma un rei en Bogotá, Arxentina e no Estado español. O seu partido “revolucionario” fixo unha “revolución” ao chegar a cotas de corrupción descoñecidas nun país en que ter cara de peruano é un delito e condiciona o teu futuro. Mentres, o poderoso millonario hispano (concesión do Estado español polos seus “méritos”) venezuelano Gustavo Cisneros e o influente Felipe González armaban un candidato e seguro presidente que sabía ler, escribir e recibir ordes: Mario Vargas Llosa.
Pero seguindo o dito de “nunca sirvas a quen serviu”, Fujimori resultou ser unha mestura de Alan García disfrazado de non se sabe ben que. Nun país en que vivir non vale nada, matar converteuse, por parte do Estado, nunha práctica común para “manter a chusma a raia”. Aos desposuídos, tamén chamados votantes cada catro anos, chegaron a esterilizalos por decenas de miles coa colaboración de ONGs europeas. Na Europa “defensora” da “liberdade” e da “democracia” no mundo, ningún Estado dixo nada. Fujimori é outro presidente prófugo máis. “Escondido” no Xapón. Viaxando a Chile e rindo das solicitudes de extradición feitas por un Estado peruano presidido por outro delincuente coma el. Sociedade de cómplices... olliños chineses e sorrisos ante as cámaras. Saúdos e apertas nun Chile en que a xente non ten forma de chegar aos seus traballos, e cando chegan, non teñen forma de chegar de volta á súa casa... a democrácia é así. Un indíxena estudado en Harvard casado cunha belga e asesorado polos mesmos que lle fixeran a campaña a Mario Vargas Llosa, entre eles o seu fillo Álvaro, decidiron que o seguinte presidente debía ter un “perfil” máis próximo ao pobo. Contan que na súa nenez Alejandro Toledo limpou zapatos na rúa. Foi xurar o seu cargo en quechua e non recoñeceu unha filla extra-matrimonial, razón pola cal, o moi moralista Álvaro Vargas, renunciou a seguir colaborando con Toledo. Os números macroeconómicos dan un sobresaínte a este “cholo” que se nega a recoñecer fillos extra-matrimoniais. Mario Vargas Llosa gábao a el e a Alan nun artigo de opinión en El País despois de percorrer os invernadoiros de Ica. Debaixo deses marabillosos invernadoiros estaba a terra que botou todo abaixo. Traballándoos estaban vivos os que vemos nas condicións en que vivían, nun Estado, que hai 500 anos que vive de costas aos seus cidadáns. É a historia repetida infinidade de veces. Até cando van seguir enganándoos. Onde estaba a xente que aparece na televisión desesperada cando Mario Vargas Llosa facía a súa viaxe a Ica? Cando chegará a oportunidade de que todas estas persoas non teñan que seguir sufrindo os gobernos que se lles impoñen dende fóra? Chegará un día en que os peruanos tomen as rendas do destino da súa patria, ese día si que tremerá a Terra, e nós con ela. |
|||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/09/2007 |
|||||||||||||||||||||
|